O zaragozano Mariano Arribas a principios dos anos corenta lanza unhas series de postais nas que se reproducen a maioría das capitais e vilas importantes de España. Son pequenas tiradas en branco e negro, xa que as postais en cores non chegarían ata os anos cincuenta, polo que podemos deducir que a edición desta imaxe, que ten a curiosidade de que aparece a Capela do Portal cós muros encintados de cal, debe ser de finais da década dos trinta ou de principios dos anos corenta.
Por outra banda penso que a aplicación da cal nos muros da vila foi por causa dunha epidemia, como se pode observar noutras fotografías antigas, polo que pode que esta foto se sacase moito tempo antes. O que non son capaz de dicir é canto. Xente nacida nos anos trinta non lembra esta imaxe, pero si recorda que lle contaron os seus pais que case todo o barrio xudeo estaba encalado por cuestións de salubridade.
¿Podería ser despois da gripe do ano 1918? Si fora así, esta sería o aspecto da Capela a principios dos anos vinte.
