domingo, 18 de marzo de 2018

Pousa & Compañía

Tócalle o turno hoxe a esta tarxeta postal que atopou na rede Benito Amil, e que ten a ben compartir connosco.
"Pousa & Compañía Calle Progreso, 17 y 19 Ribadavia" dí no seu título. Unha postal publicitaria dun almacén situado nun edificio, hoxe en día desaparecido, no solar que na actualidade ocupa a botica que era de D. Tirso Sánchez. 
A fachada que dá ó cruce aparece rotulada cun grande cartel no que reza:  "La estrella. Almacén de calzado y curtidos". E sobre a porta principal, aparece unha estrela pendurada dun gancho.
Así, a bote pronto, esta imaxe me traslada ás películas de vaqueiros que mirabamos no cine do medio. Ó lonxano "Far West" de finais do XIX, impresión que acentúa o uso do "&" no anuncio, coma se "Pousa & Cia" fose o "Star warehouse" dunha lonxana Wichita, alá por Kansas, onde os pioneiros das caravanas se detiñan para fornercerse de víveres. 
Pero todos estes pensamentos se me viñeron abaixo, cando me enterei de que que o signo "&" chámase en español "et", e deriva da mesma conxunción latina que se traduce ó castelán coma "y", e que se deixou de empregar en castelán por economía, xa que era máis doado escribir esta última forma, pero se mantivo na língua inglesa, na que si se aforra tempo e tinta.
Y eu que pensaba que, xa daquela, tiñamos na vila influencias comerciais anglosaxonas, e resulta que o que había aquí, era xente moi culta.
Nunca te deitarás sen saber algo novo.


domingo, 11 de marzo de 2018

Unha nova postal de San Domingos

Seguimos hoxe con esta fermosa postal que nos envía Benito Amil. Trátase, como podedes ver, da fachada da igrexa de San Domingos, na que posan os alumnos e profesores da escola do convento que alí había. 
A verdade, é que eu non coñecía esta imaxe, na que podemos ver algúns cambios con respecto á súa fisonomía actual. O primeiro, é o do rosetón que ten a fachada hoxe en día, e que nesta foto aparece tapiado en pedra, cunha fiestra adintelada aberta dentro del, para permitir a entrada da luz no interior.
O outro é o desaparecido muro de cachotería que nacía na esquina NO da igrexa, e pechaba o adro do convento.
Grazas Benito polo teu interese, e por estas pequenas xoias que nos vas descubrindo.



domingo, 18 de febrero de 2018

Unha fermosa panorámica de Ribadavia

A verdade é que o blogue leva moito tempo parado, pero penso que esta imaxe, que me acaba de enviar Benito Amil, merece a pena publicala, xa que nos  amosa a vila en case que toda a súa extensión.
A postal, que como podedes ver é a doble páxina, ten un erro na tipografía xa que pon "Calle del Progreso", e pertence á serie de postais comercializadas por D. Emilio Canda entre  finais do S. XIX, e principios do S. XX, dado que a estrutura da ponte de ferro se reforzou en altura no ano 1910.
Eu non coñecía esta imaxe, e a publico tal cal como ma deu Benito, para que a poidades disfrutar, xa que é unha verdadeira rareza.  Se a descargades, a podedes ampliar, e ver así o seus detalles, como a existencia dunha especie de fábrica, á esquerda de todo, xusto enfrente da Porta Nova da que eu no tiña ningunha noticia.
Unha verdadeira preciosidade!



sábado, 14 de mayo de 2016

Orquesta "Benjamín y sus muchachos"


Xa puxeramos fai tempo unha entrada da Orquesta Alegría, e dentro desta, unha referencia a unha entrada do blog "Mi Ribadavia"  onde aparecía un folleto publicitario de "La orquesta Benjamín y sus muchachos" dirixida por Benjamín González López. 
Eu non sei que relación tiñan entre eles estes dous conxuntos melódicos si é que a tiñan, se compartían músicos, si coexistiron no tempo, ou funcionou un antes que o outro. O caso é que aquí temos outra foto deste grupo que nos envía María Lorenzo, e que nos comenta que o rapaz que sae no medio, vestido de chaqueta branca, é o seu pai José Campo, "O Raíña". Dos demais penso que só coñezo "O Alegría" que é o que está á esquerda tocando a batería.
Outro dos detalles nos que me fixei, aparte dos bonitos atriles que utilizaban, é que nesta foto, non hai ningunha muller, mentras que na foto do blog "Mi Ribadavia" aparece unha  señorita que non coñezo, que penso que sería a vocalista do grupo.
A ver si alguén nos aclara a cousa.




lunes, 2 de mayo de 2016

O equipo dos taxistas

Como xa sabedes que levo bastante tempo fóra da vila, cada vez se me fai máis costa arriba iso de poñerlle nome ás caras, aínda que moitas delas me sexan ben coñecidas. Tedes que me disculpar, xa que non son quen de acertar cos nomes dos retratados aquí abaixo, todos eles me son familiares, pero vai a ser mellor que lle poñades vós os nomes e apelidos, e incluso os alcumes polos que se lles coñecía. 
Podedes deixar os vosos comentarios coma sempre debaixo da entrada.
Segundo  María Lorenzo, que é quen me envía a foto, este é o equipo de balompé dos taxistas da vila, alá polo ano 1967. O gardameta, que é o primeiro que está de pé á esquerda, de branco e co balón na man,  é o seu pai, José Campo "O Raíña", o cuarto por esa banda é Julio Viñas, e o primeiro dos agachados pola dereita é o Gustavo, a quen eu tiña asociado coas empresas das pinturas e barnices, e non co gremio do taxi.
Seguro que vós aclarades a aliñación.




jueves, 21 de abril de 2016

Rafaela "A Raiña" e o seu loro Poli

Facía ben tempo que non pasaba por aquí! Xa tiña isto medio esquecido, se non fora por algún que outro comentario que, de cando en vez, me envía alguén. Mais o outro día, recibín un moi especial. Unha rapaza me falaba da súa avoa nunha antiga entrada no blog. Púxenme en contacto con ela, e tivo a amabilidade de enviarme estas fotos. Esta é razón pola que estou aquí, de volta nesta entrada.
Resulta que María, é neta da señora Rafaela "A Raiña", que xunto ó seu home Manolo, levaban o muiño que había no Avia, entre a vila e A Foz.
Vivían na rúa de Fornos, abaixo de todo, nunha casa a cabalo de Extramuros. Moi perto de alí, tan só atravesando a vía férrea, xusto onde comenza o camiño que baixaba ó muiño, (digo baixaba, porque penso que hoxe en día xa non se pode cruzar a vía por alí) había unha pequena casa, que era onde tiñan a Poli, un loro de cor verde, do que xa vos contei as súas habilidades nesa entrada da que falaba máis arriba.
De pequeno pasei moito tempo xogando alí con el, e me colleu certa confianza. Como xa vos dixen,  imitaba moi ben os asubíos dos trens, en especial o do Ferrobús. 
Estaba sempre na súa percha, solto, tal como o vedes na foto, a carón dunha ventá con vistas á Alaxancha, á Foz e ós Caneiros, para que o quecese o solciño da tarde.
Foi toda unha sorpresa, e un verdadeiro agasallo recibir  estas fotos, a de  Rafaela e Manolo acompañados por dous dos seus netos, que suxeitan a Poli nun pau,  e a outra onde aparece el só.
A verdade é que daquela, a finais dos sesenta ou principios dos setenta, poucos loros se miraban pola vila. Había outro, africano, de cor gris cincento, que era propiedade do dono de "Mobles Montero", pero ese era inaccesible, xa que o tiñan no balcón da súa casa, moi perto da Fonte da Prata.
A min, o pouco tempo que pasaba con Poli non me prestaba, polo que se meteu no meu maxín conseguir un loro como fora. Mareei ós meus pais con esa teima durante algún tempo, sen acadar resultado algún. Pero xa sabedes que o tempo o cura todo, e máis  a esa idade. Meu avó pareceu cun cadelo novo, ou eu medrei, e as visitas a Poli fóronse espaciando.
Un día, anos despois da morte de Poli, miña nai falando coa Rafaela, entre unhas cousas e outras, lle debeu de comentar a teima que me entrara a min co loro. E sabedes que lle dixo?
-Hai muller! si o chego a saber, doullo.
Grazas María pola fotos, e grazas á túa avoa Rafaela polo seu agarimo e paciencia.




miércoles, 7 de mayo de 2014

De sobremesa

Desta volta, seguimos con outra foto que ten a ben enviarnos Juan Antonio Fernández "Pipo". Está datada no ano 1957 e como sempre sucede eu non vos podo aclarar moitas cousas.
Penso, e repito a palabra penso, que o que aparece no primeiro plano pola esquerda é o Agapito, o terceiro dende esa mesma banda é o Carrera, e o quinto, se non me confundo, é  Alejandro Fernández Casas (o avó de Pipo), mentres que ó fondo, na cabeceira da mesa penso que recoñezo a un dos irmáns García Deive, que tiña a ferretería situada ó lado do Bar Morto.
Se sodes quen de identificar a todos e  aínda por riba con nomes e apelidos, só tedes que deixar un comentario, e todos volo agradeceremos.
Grazas.



martes, 22 de abril de 2014

Quen son?

Desta foto que comparte connosco amablemnete Juan Antonio Fernández "Pipo" e que está datada no mes de Abril do ano 1945,  só recoñezo a Alejandro Fernández Casas, o avó de Pipo que é o segundo pola dereita, e a Benito Escudero, que é o segundo pola esquerda.
O primeiro pola dereita, segundo o último comentario da entrada anterior, podería ser Manolito García, pero habría que deixalo en dúbida.
O mellor será que os identifiquedes vós, xa que a foto vai case para os setenta anos.
Quedamos entón á espera dos vosos comentarios, polos que por anticipado vos damos as grazas.




sábado, 5 de abril de 2014

De alivio

Hoxe poñemos esta foto, da que descoñecemos a data, e que nos envía Juan Antonio Fernández "Pipo", a quen lle damos as grazas. 
De todos os que aparecen na foto, se non estou errado, só coñezo a Antonio Chao, que é o primeiro pola esquerda. Pero teño a confianza de que vós lle poñades o nome ós outros tres cabaleiros que aparecen con el.
A instantanea, penso  que está sacada na rúa Progreso, diante do edificio da Banca Nogueira, xa que aparece detrás outra construcción coa fachada feita en ladrillo e con arcos apuntados, que hoxe en día xa no existe, e da que falamos nalgunha entrada anterior. Si supésemos cando se derrubou ese edificio, teríamos algunha axuda para poñerlle un data de tope a esta foto.
Unha das cousas que me chama a atención, aparte da elegancia destes homes, é que un deles leva na solapa da súa chaquete un fita de loito.
Corrixídeme se me equivoco, pero neses años, a morte dun familiar de primeiro grao conlevaba que os seus deudos vestisen de riguroso loito a lo menos un par de anos, máis un tempo a continuación, que se chamaba de "alivio", no que se ía substituindo a modiño as prendas de cor negro por outras de cores grises ou máis suaves. Quizás as mulleres eran as que máis sufrían estas ríxidas pautas sociais, mentres que os homes, paréceme a min, que o levaban doutra maneira. 
Se non recordo mal, moitos homes en vez dunha fita, o que puñan era un botón de cor negro no ollal da mesma solapa. Pero a verdade é que, como podedes notar, non coñezo moi ben cales eran as normas que se estilaban naqueles tempos para levar o loito, xa que hoxe eses costumes están sendo totalmente esquecidos.
Outro picar de faneca era o que se podía e se debía de facer, ou deixar de facer estando de loito, e con isto refírome ás festas,saídas, alegrías e celebracións. 
A sociedade, daquela, era moito máis rixida coa morte, e hoxe, como di o refrán, a procesión vai por dentro.



domingo, 30 de marzo de 2014

Outro punto de vista

Nos envía Benito Amil esta foto, que nos ilustra sobre unha das partes da vila que aparecen no cadro de Beruete que puxemos na entrada anterior.
A foto seica é dos primeiros anos do século XX, e nela podemos observar con bastante claridade como se desenvolveu esa parte da vila, nos trinta anos que pasaron dende  que se pintou o cadro, alá pola década de 1880, ata  que se sacou esta foto a principios de século.
Como se ve, e sempre pensando en que Beruete puido aportar moitas cousas do seu maxín,  as construccións aumentaron en altura, aínda que se mantén, case en estado ruinoso, esa edificación que aparece no primeiro plano, e que está reforzada con contrafuertes.
Penso que é  moi interesante esta aportación, que eu polo menos non coñecía, xa que se pode ir comparando a foto co cadro. Se vedes cousas interesantes que se nos pasaran a nós, podédelas deixar nos comentarios.
Grazas de novo Benito pola túa dedicación.



viernes, 21 de marzo de 2014

Orillas del Avia

Fai tempo que puxemos en Maquiáns unha imaxe deste cadro de Beruete, e hoxe traemos unha colaboración de Antonio Míguez Amil que, como sabedes, é o técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia. Nela nos vai a explicar como deu con el, e como acadou do seu propietario os permisos para poder usalo. Por certo, a foto do cadro está en alta calidade, polo que si a descargades poderédela estudiar a fondo.


"Esta imaxe é do cadro orixinal de Aureliano de Beruete titulado "Orillas del Avia". Trátase dun oleo  sobre lenzo de 100X178 cm, feito en Ribadavia polo autor arredor do verán do ano 1883 ou 1884, e que formou parte dunha exposición que se titulaba "Aureliano Beruete, 1845-1912", a cal foi producida no Museo de Arte Contemporaneo "Muñoz Sola" de Tudela do 30 de Abril ao 5 de Xuño de 2005.
A devandita imaxe do cadro foi asemade portada do libro da exposición que se publicou no ano 2005.
¿Como chegou ao noso coñecemento a existencia desta imaxe?.
No mes de Xullo de 2005 nunha das reunións técnicas que a Red de Juderías de España leva a cabo en Madrid, co gallo de facer o seguimento das actividades e promoción das cidades de dita Red, da que Ribadavia forma parte, atopeime co representante técnico de Tudela, o director do Museo Muñoz Sola, Don Manuel Motilva.  Alí foi onde o Sr. Motilva, con quen eu mantiña unha cordial relación, púxome ao tanto do fermoso cadro do que estamos falando.
A medida que o Sr. Motilva me ía falando sobre o autor do cadro e a pintura en cuestión, eu ía alumeando o desexo de coñecer ao propietario do cadro, falar con él, convidalo a visitar Ribadavia e poder obter a sua autorización para poder reproducir e publicar a imaxe do cadro por parte do Concello de Ribadavia, con fins culturais e turísticos loxicamente.
Así foi como souben que o propietario do cadro era un mecenas das artes, un empresario alemán, o Sr. Hans Rudolf Gerstenmaier. Logo todo foi cuestión de tempo e de insistencia, e por suposto de utilizar os contactos que me levarían a coñecer ao Sr. Gerstenmaier. Logo o Sr. Motilva pasoume o contacto do comisario da Exposición, o Sr. Arturo Navallas, co que falei un par de veces por ver si era quen de pasarme o contacto do propietario do cadro. O seguinte paso foi ir á sede do Deutsch Bank en Madrid onde o propietario do cadro, o Sr. Gesternmaier, tiña varias obras cedidadas para unha exposición sobre a pintura Flamenca do s.XVI, eu xa procurara chamar antes, falara coa encargada da exposición quen me dixo que o Sr. Gesternmaier estaba polas mañáns. Cando cheguei non o atopei no lugar, pero a  sua secretaria con moita amabilidade deume o número de teléfono do Sr. Gesternmaier para que o chamara cando quixera . Dous meses máis tarde convidoume a que fora visitalo ao seu domicilio en Madrid, confeso que fiquei abraiado de onde vivía este señor, pois tratábase dun piso, ou mellor dito dunha planta enteira dunha urbanización con tódalas medidas de seguridade imaxinadas, mesmo semellaba casi un bunker,  erá tal a amplitude daquel piso que alí atopábase un auténtico museo de arte dos s.XV e XVI dos grandes pintores da época, sobre todo Flamencos e Alemáns. Alí estaba por suposto o cadro de Beruete, nun lugar destacado, o Sr. Gesternmaier díxome que erá unha das obrás que máis cariño lle tiña, tratábase dun lenzo de grandes dimensións dunha beleza incomparable, a imaxe semellaba desprender o arrecendo das augas frescas do Avia nos primeiros calores da mañá do verán .
Eu levaba conmigo un estuche de viño do Ribeiro, que o Concello de Ribadavia me facilitará para ofrecerlle como presente, teño que dicir que tiven un acollemento moi agradabel por parte do Sr. Gesternmaier, o cal se interesou por coñecer Ribadavia, e por suposto  deunos  a sua autorización para poder publicar a devandita imaxe cando quixeramos. Logo tiven que contactar coa Galería de Arte Jorge Juan, en Madrid, xa que eles eran os que tiñan a diapositiva do cadro. Hai que dicir que nun primeiro momento esta galería non quixo facilitarnos copia da diapositiva, co que tiven que ir acompañado polo Sr. Gesternmaier para que a propietaria da devandita galería nos facilitará deste xeito a diapositiva, da cal fixemos copia e devolvemos nos termos comprometidos.
Así remataron, un ano despois, as xestións e labores para poder ter unha das imaxes máis fermosas e antigas coñecidas dunha parte de Ribadavia.  Si nos fixamos ben (de dereita a esquerda) trátase da parte traseira das casas do García, do Benito Amil, da Fidela, do Freijido e da Marisol.
Segundo pon no libro da exposición da que falamos, o cadro en cuestión foi executado no obradoiro do pintor con vistas ao seu envio para a Exposición Nacional de Bellas Artes de 1884, utilizando apuntes e bocetos preparatorios realizados ante o natural nun dos veráns de entre 1880 e 1884 que o autor pasou en Galicia.
Anos máis tarde o Sr.Gesternmaier, como prometera, visitou Ribadavia, para situarse no mesmo lugar no que Beruete estivo para facer o cadro, deste xeito puido ver o paso do tempo e como mudou esta parte da beira do Avia. Un bo exercizo que nos leva a maxinar a Ribadavia de hai máis dun século".

Antonio Míguez Amil

Técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia.


sábado, 15 de marzo de 2014

¿Unha riada?

Recibo, esta foto totalmente descoñecida para min,  de Juan Antonio Fernández. Seica é do ano 1935, e como podemos ver, a rúa está parcialmente enchoupada de auga. O que  no sei, coma sempre,   é o que pasou exactamente. Supoño que toda esa chea de auga foi froito dunha forte e violenta treboada de choiva, que debeu de  arroiar a terra das partes altas da vila ata aquí.
Penso que a  fermosura  da foto radica na captura do momento. O fotógrafo e capaz de amosarnos a ledicia e a fachenda deses picariños, que ata ousan a mollalo cos seus caldeiros, en presencia de todos os veciños, que observan a escena situados  a rentes dos muros para evitar mollarse.
Unha fermosa foto. Gracias Pipo por compartila connosco.



viernes, 28 de febrero de 2014

O entroido de 1957 en "La Peña"

Como comenza o entroido, e Ribadavia dende moi antigo, celebra por todo o alto esta festa; hoxe poñemos grazas á colaboración de Benito Amil, este folleto anunciador dos festexos que a desaparecida sociedade "La Peña" tiña programadas para o Carnaval do ano 1957.
Na portada pon, como podedes ver, "Aniversario de su fundación". O que pasa, é que eu, aínda que tratei de indagar un pouco, non fun quen de saber en que ano se fundou a sociedade. O que si sei é que tanto a Peña como o Club Artístico, eran as protagonistas, e o eixo vertebrador destas festas na vila, xa que daquela non había a moda das comparsas, que tanto se estilan na actualidade. Mirade o poder de convocatoria que tiñan, que  incluso había "Cena Americana" antes do baile.
Para non cansarvos moito, simplemente vos direi que fai uns días estiven no interiordo local que ocupaba a desaparecida sociedade, e que na actualidade alberga un taller escola de pintura. Eu ben recordo asitir a algún baile de disfraces, cando aínda era cativo, pero o que non me imaxinaba era  a pouca superficie da súa planta. No meu maxín era moito máis grande, moito máis.
Será o paso do tempo... Ou medrei eu, ou minguou o local.



sábado, 22 de febrero de 2014

A vella estación do tren

Esta foto é unha impresión actual do negativo co que se fixo aquela   postal da estación do ferrocarril que xa apararcera en Maquiáns fai algún tempo. Si o lembrades formaba parte da colección de tarxetas postais da Fototipia Thomas, e era anterior ó ano 1927, xa que aínda non se construira a marquesina da estación que protexe hoxe en día ós viaxeiros.
Merece moito a pena, xa que ten bastante boa definición, e pódense apreciar moitos detalles que na copia anterior eran totalmente  imposibles de ver, como por exemplo, a hora en que foi sacada: a unha e cuarto da tarde, se é que o reloxio da estación funcionaba ben daquela.
Incluso, se nos poñemos, e ampliamos ben a foto, podemos recoñecer ó home que está atendendo a cantina dentro da ventá, e  tamén observar o limpiños e ordenadiños que ten os vasiños no mostrador para expender os licores típicos do Ribeiro.
Podemos ver tamén, como todo o mundo está pendente do fotógrafo. En serio... debe de ser a novidade ese día. Dende as rapaciñas que se asoman nas ventás do primeiro piso da estación, ata os maquinistas da locomotora, todo o mundo está mirando para o fotógrafo, a excepción de ese home de gabán branco que vai de costas polo andén. Non me extrañaría nada, polo seu atuendo, que fose un dos axudantes do fotógrafo.
Outra cousa que me chama poderosamente a atención é que non hai travesas nas vías, nin esa morea de pedras soltas que teñen na actualidade.
Só me resta darlle as grazas pola foto a Benito Amil, que segue tratando de que Maquiáns non esmoreza.



martes, 17 de diciembre de 2013

O nadal na sala Rio

Achéganse as festas do Nadal, e teño a sorte de recibir, de novo,  de mans de  Benito Amil,  este pequeno folleto da Sala de Festas Río, na que  anunciaban o seu programa de celebracións para as festas  de  Nadal do ano 1955.
Poucas distraccións debía de haber na vila naqueles anos, polo que a sala de festas Rio, supoño eu, que debía de completar o seu aforo.  
Dende logo, como mudaron os tempos. Tedes que perdoarme, pero faime moita gracia eso de "bar americano", e xa non digamos o anuncio da "sesión vermú". ¡As cousas como son!. ¿A quen se lle ocorre ir hoxe a unha sesión vermout ás 11 da mañán? Aí  queda iso. Só para os máis atrevidos.
Aproveito tamén para felicitarvos a todos as festas. Como dí o anuncio ese, que o 2013 sexa o mellor 2013 da nosas vidas, e que o 2014 veña, polo menos, un pouco máis cargado de bombo. 
Pasádeo ben.





lunes, 28 de octubre de 2013

Unha vella postal

Teño, antes de nada, que darlle as grazas a Benito Amil por compartir con nós esta pequena xoia, e proporcionarlle así un pouco de alento ó blogue, para que, polo menos, teña uns días máis de vida.
Digo o de vella postal, xa que como podedes ver está asinada na vila o 27 de Setembro do ano 1905 por un cabaleiro chamado Pardo Becerra, que polo que se ve andaba por aquí de paso. 
Pola volta, vemos que o destinatario era J. González Fariña, que residía na céntrica Rue Arcade de Paris. Como estamos nos tempos da información, cun só un clic, fun que de ver en  Google Maps a fisinomía do edifico que se  corresponde con ese enderezo de París, e que non debeu de mudar moito dende aquela, xa que segue a ser unha fermosa construcción. 
En non vos sei moito da historia das postais en España, pero segundo me conta Benito, que en estas cousas está ben informado, esta postal ten a curiosidade de que foi das últimas que se escribiron pola parte dianteira, e dicir na imaxen, xa  que a partires deste ano, a xente comenzou a deixar baleira a portada, escribindoas sempre pola parte traseira, tal como o facemos hoxe.
O de que o facemos hoxe é un dicir, xa que todo isto das cartas e do papel está pasando pouco a pouco á historia.
¿Quen envía hoxe unha postal?  É máis rápido o WhatsApp.





martes, 8 de octubre de 2013

Ribadavia estereoscópica

Aquí estamos outra vez de volta. Coma vedes Maquiáns aínda dá pequenos sinais de vida cando as ocasións o merecen, e hoxe é unha delas.
A min xa me estrañaba moito que Ribadavia non contase cunha foto destas. Coa tradición, a importancia, e coa  historia que  a vila tivo de sempre.  Por iso me sorprendeu gratamente cando  a atopei en Internet, era a postal que faltaba, unha foto en tres dimensións, desas que tanto estiveron de moda no século pasado.
Levamos publicadas neste blogue, unha morea de tarxetas postais da nosa vila, nas que fumos vendo como eran os seus recunchos, as súas rúas, os seus monumentos e as súas paisaxes ó longo dos anos. Pero esta foto da Ponte de Ferro sacada dende a Foz, é a primeira imaxe estereográfica da vila que vexo. 
Se vos fixades na estrutura da ponte, veredes que no é a actual, senón a antiga, a que deixaba á ponte descuberta, polo que as fotos deben de ser de comenzos do S. XX.
Agora que está de moda o cine e a televisión en 3D, podemos decatarnos de que Ribadavia xa estaba na vangarda destas novidosas técnicas fotográficas hai case un século. A mágoa é, que para poder visionar correctamente este tipo de postais, compre dispoñer dun pequeno aparello, como o que vedes na outra foto, e que fai que as imaxes tomen relevo, e avancen cara a nós coma por arte de maxia. 
Estas fotos estereoscópicas, a pesares do seu éxito, e de poñerse moi de moda a finais do XIX, nunca tiveron  unha gran demanda, quedando reducidas a certas coleccións didácticas, supoño que debido ó custo do visor, necesario para mesturar as dúas fotos, e así acadar a impresión volumétrica.






jueves, 2 de mayo de 2013

No quincuaxésimo cumpleanos da Feira

Coma di o refrán: "A falta de pan, boas son tortas". E como non vos teño documentos máis antigos relativos a esta feira, só me queda o recurso de publicar este  programa oficial, que é o da II Feira, que se celebrou nestas mesmas datas o ano 1965.
É un folleto breve, un tríptico impreso polos dous lados, e que ten coma curiosidade a inserción na segunda páxina dunha carta manuscrita do Excmo. Gobernador Civil de Ourense, D. José María López Ramón, que eu, e todo hai que dicilo, ainda non fun quen de ler.
No ano 2009 xa publicara unha entrada neste blog sobre esta edición, e nela, prometía publicar o programa oficial, que dicía que tiña corenta páxinas. O que pasa, é que no meu desorden-ordeado non fun quen de atopalo estes días, pero o que si atopei foi este outro reducido que vos deixo hoxe aquí, en homenaxe a ese medio século que non se cumple tódolos días.
E como se soe dicir: "Que cumpra moitos máis".




sábado, 6 de abril de 2013

Estou farto da chuvia

Que queredes que vos diga... Estou farto.  Imos encoller con tanta humidade, e nos han sair aletas nos dedos dos pés coma sigamos  así. 
Unha cousa é ver a auga nas fotos, e outra ben distinta e sentila no corpo, e notar coma as pingas van descendendo ós poucos pola caluga,  e se che  meten no colo. Ou como sempre, xornada tras xornada,  chegas á casa cos pés mollados. Enfín unha leria, eso si pasada por auga.
Esperemos que esta broma meteorolóxica pase pronto, baixen as augas, saia o sol, e comencemos a disfrutar da nova estación na que estamos metidos, e que aínda non cheiramos.
Esta foto, é compañeira da anterior. Nola envía Lolín Lira, e foi sacada dende a ponte de San Francisco cara ó barrio da Estación, o día 28 de Decembro do ano 1959. Día dos Santos Inocentes.
Menuda broma a do Avia.



sábado, 9 de marzo de 2013

Unha chea no 59

Que sorte poder documentar as fotos así, deste xeito, tal e como mas envía Lolín Lira. É o bó que ten escribir nas fotos pola parte de atrás. Parece unha parvada, pero non o é.   Imaxinade a cantidade de cousas que saberiamos agora dos nosos antepasados, si nas traseiras das fotos aparecesen apuntados os nomes dos fotografiados , os lugares, e incluso a data exacta na que se efectuou o disparo. Cantas preguntas estarían contestadas. Tomade nota que o tempo pasa. 
Pero centrémonos de novo no Avia, ó seu paso pola ponte de San Francisco. Mete medo, aínda que xa o miramos outras veces peor. Esta chea do Avia, en concreto, foi do día 28 de Decembro do ano 1959. Eu daquela, aínda non nacera, pero xa debía de andar dando couces no ventre da miña nai, e ó mellor de tanto escoitar o río, lle collín querencia a auga.