lunes, 26 de octubre de 2009

O Evencio

Todos coñecedes o Bar Evencio. Aínda que hoxe está situado fronte ó Instituto, nun cóbado do Maquiáns, a súa ubicación orixinaria, a de toda a vida, foi no centro da vila, na rúa do Progreso, esquina a . Ocupaba toda a planta baixa do edificio que tiña no primeiro piso a sociedade "La Peña".
Este restaurante foi un dos grandes puntos de encontro da vila, e incluso tiña moita sona fóra dela, baste indicar que aínda hoxe moita xente quen non é de Ribadavia, me conta que sempre facían un alto nas súas viaxes, alí, no Evencio, para comer ou para mandarlle algo ó corpo.
Penso que cando a estrada de Vigo a Madrid deixou de pasar polo centro do pobo, o Evencio debeu de notalo moito.
Esta foto é propiedade de Mª José Bouzas, ó igual que outras que me envía deste negocio, e que pouco a pouco irei poñendo.
O que sae na foto é o dono do negocio, O Evencio, do que ó mellor moitos de vós xa non vós lembrábades, e aquí está có micrófono na man, supoño que presentando a algúen no seu local.
Segundo me conta Mª José, houbo unha época na que tiña espectáculos , a modo de café cantante. Ela por exemplo lembra moi ben a John Balan, xa sabedes, aquel vaqueiro de Marín que facía música cos beizos e as portas, e que soñaba coas grandes pradeiras nortamericanas.
Eu disto non sabía nada, e eso que anos máis tarde coñecín a John, e tamén a Ángel Pelaez, o home que lle cumpliu o seu soño, viaxar a América.
Para os que non saibades quen era John Balan aquí vós deixo un enlace a un video de You Tube no que Pelaez e Balan relatan esa famosa viaxe. Só tedes que pinchar aquí.


domingo, 25 de octubre de 2009

No Casino de Noia no ano 33

Cando publiquei a foto deste grupo de ribadavienses, escribín a información que dela tiña o Museo, pero a verdade era que eu non as tiña todas conmigo. Eu non cría que esta foto se sacase en Mondariz, xa que se a viaxe foi a Noia, non era lóxico tanto desvío, e máis naqueles tempos. Pero tampouco o podía afirmar categoricamente, sen ter as probas necesarias.
Moitas veces a información que o Museo posue sobre as fotos é a que lle dán os doantes das imaxes, e na maioría dos casos, as fotos non teñen datos apuntados no seu anverso, polo que esas informacións ás veces son resultado dunha tradición oral familiar, que vai pasando de xeración en xeración ata que alguén se decide a facerse preguntas sobre as fotos.

Eso foi o que me pasou a min, intereseime por estas fotos, polo meu avó Odilo, que saía nelas, e Mª José Bouzas nos deu a primeira solución con outra foto, unha data e un sitio. A partires de aí entrou en acción Óscar Escudero. Preocupouse por este tema, investigou e deu co sitio no que se sacou a foto en Abril do ano 1933. O Casino de Noia, que hoxe en día xa non existe como sociedade, aínda que o seu edificio é un dos mais emblemáticos desa vila coruñesa.
Óscar aínda tivo a amabilidade de desplazarse ata alí e enviarnos unhas fotos do edificio na actualidade.
Moitas grazas ós dous, a Mª José e a Óscar.





sábado, 24 de octubre de 2009

O empedrado das rúas

Así, como se aprecia nesta foto da Praza da Magdalena, estaban as rúas da vila fai anos. As pedras estaban gastadas, cós bordes redondeados, coma se fosen bombóns apretados dentro dunha caixa, despois de tantos anos de pisadas. As recordo ben, e tamén lembro cando o Concello decidiu cambialas. Sería iso cando eu tiña entre os seis e os oito anos.
Supoño que a substuición se debeu, entre outras cousas á cantidade de nocellos escordados, e ó aumento do parque de vehiculos motorizados na vila, pouco a pouco os automóbiles ían deixando as suspensións nas estreita rúas do barrio xudeo. Ó mesmo tempo tamén se cambiou daquela todo o alcantarillado.
Algún se preguntará que como me lembro eu diso, pois teñovos un recordo moi nítido desas obras, sobre todo das da rúa Merelles Caula ou da Xudería.
Unha noitiña ía eu acompañado do meu avó e da miña nai cara á nosa casa subindo pola Magdalena, e detivémonos fronte da tenda da Amelia, onde miña nai entrou a facer unhas compras, desas que fan as mulleres sempre a última hora. Meu avó e máis eu quedamos fóra, na rúa que estaba totalmente desventrada, patas arriba, esperando por ela. E niso dunha das cañerías rotas, ou de entre unhas pedras das obras saiu unha rata do tamaño dun coello. Ó darse de conta da nosa presencia, tentou fuxir. Meu avó que era un tipo áxil e lanzal, coas pernas atrancoulle o paso, e ó pobre bicho só lle quedou unha saída, o portal da Petronila.
A Petronila era unha costureira que vivía xusto enfrente da tenda da Amelia, e no seu portal entrou meu avó para ver de rematar a faena, deixandome a mi só na rúa.
Eu do que pasou no interior do portal da Petronila, non vós podo dar noticia, dende fóra só escoitei ruidos, como se fosen de esforzos xordos mastigados entre dentes, e de pancadas contra as paredes, pero ó cabo duns segundos vin pasar algo voando entre a obscuridade, a escasa distancia da miña cabeza, xusto cando miña nai aparecía na porta da tenda cun paquete entre as mans.
O berro, cando o proxectil impactou contra o seu peito, debeuse de oir na Alameda. A rata estaba no chan esfolada, ós pés da miña nai, e o abrigo vermello có colo de pel de astracán, que levaba esa noite, penso que non o voltou a poñer nunca máis.
O gracioso do caso foi como lle mudou a cara ó meu avó, da saída triunfante do portal da Petronila, a pedir disculpas e facer mil esforzos para tranquilazar á miña nai, aínda que de reollo miraba para min e ría.
Vaia se me lembro desas obras.

viernes, 23 de octubre de 2009

Un transporte especial

O encoro de Castrelo comenzouse a construir, me parece que no ano 1962 , e as obras duraron ata 1968 en que se fixeron as primeiras probas.
Durante todos estes anos e incluso antes, o Ribeiro viviu moitas vicisitudes relacionadas coa expropiación dos terreos, e o conseguinte asulagamento das terras dese val. Tamén houbo moitas dúbidas e incluso xuicios sobor da cota de nivel que tiña que alcanzar a auga.
Mentras todo isto sucedía, a nosa vila contemplaba moitos cambios. A chegada dos numerosos operarios para traballar na presa conlevaba un aumento da actividade comercial, aínda que só fose as fins de semana.
Pero tamén asistía a espectáculos, coma este que aparece na fotografía, que rompían a calma e a monotonía dunha pequena vila.
Esta foto da colección de D. Antonio Chao, debe de ser de mediados da década dos sesenta, e nela vemos as dificultades que tiñan os transportes especiais para atravesar a vila cando levaban pezas para a presa de Castrelo. A estrada nacional quedaballes pequena, tiñan que vir acompañados da Garda Civil para ir detendo a circulación. Como podedes ver Ribadavia estaba en festas.


jueves, 22 de octubre de 2009

Quince años tiene mi amooooor

Nesta foto da colección de D. Antonio Chao vemos un coche, e dubido se é un Citroen Ds, daqueles que se chamaban "Tiburón" ou un Seat 1500. O caso é que está no medio da Praza de San Xoan, rodeado dunha morea de xente xoven. Pero se vós fixades ben, a maioría pertencen ó xénero feminino, e se lles vé un pouco alteradas.
Este estado de, poderiamos dicir, histeria colectiva é debido a que dentro do coche van Manuel de la Calva e Ramón Arcusa, os compoñentes do Dúo Dinámico.
Eu non volo podo asegurar, xa que o reflexo dos cristais do automóbil fan que non os poidamos ver, pero me contan que si, que estaban alí.
Non sei en que ano sucedeu esta manifestación espontánea das fans ribadavienses, pero a min debeume de pillar moi pequeno, xa que non me lembro de nada disto. Sería a principios da década dos sesenta cando estaba de moda aquela canción de " Quince. Quince. Años. Años, tiene mi amooooor".

miércoles, 21 de octubre de 2009

O mesmo grupo noutro sitio

Como podedes observar, nesta foto están todos os que estaban nas dúas fotografías que publiquei onte e nantronte, e coas mesmas roupas. Ou sexa que senón foi sacada o mesmo día, sería un día antes ou un día despois. O problema é en onde se sacou esta foto. Segundo a información que me dá o Museo, esta foto foi doada por Secundino Pousa Gómez, Edita Carrera e Juan A. Bande, e foi feita diante do Balneario de Mondariz.
Eu a verdade que non sei en que parte de Mondariz pode estar sacada. Gustaríame que se alguén ten algunha idea, ou pensa que está feita noutro lugar, enviase un comentario ou unha foto do sitio.
Unha de dúas, ou a viaxe foi unha "tournée" de varios días, ou non me explico que fan en Mondariz, se á Noia vaise por outra estrada. A non ser que fosen a tomar as augas, cousa que non creo, a tenor das copiñas que hai derriba das mesas.


martes, 20 de octubre de 2009

A central do Tambre

Esta foto, a primeira, a de arriba é a que deu a solución á foto de onte. Fai uns días recibín un email de Mª José Bouzas, con esta foto. Dicíame que por detrás tiña escrito "14-4-1933 Salto del Jambre" . Vin o ceo aberto, compareina coa de onte e... ¡Bingo! Alí estaban todos. Son os mesmos ribadavienses nas dúas fotos, e cós mesmos traxes.
O problema era onde demo estaba o río Jambre, a min non me soaba de nada, pero eso foi doado. Pepe, o avó de Mª José seguro que tiña unha letra desas de pendolista, das que non se fan agora, das de sempre. Das que ó lelas hoxe é moi fácil confundir algunhas letras. Tiña que ser o Tambre, non había outro.
Acertei, e para demostralo, poño tamén unha foto actual, pasada a branco e negro, do interior da Central do Tambre para que fagades as comprobacións oportunas. Tedes que perdoar pola súa calidade, xa que está sacada o traveso dunha vidro dunha fiestra, e aínda que hai algún reflexo, penso que se ve claramente onde se sacou a foto. A estancia está un pouco cambiada, xa que lle engadiron unha galería de madeira, pero é a mesma.
O edificio é unha das obras case descoñecidas do arquitecto porriñes Antonio Palacios, que a levou a cabo no ano 1928. Tamén vós deixo unha, esta vez, do exterior e en cores , para que vexases o seu estado actual.
Se sodes afeccionados á natureza ou ó sendeirismo, non deixedes de visistar esta paraxe, dunha beleza incrible. Dende a central, onde hai un pequeno hotel, ata a presa, hai un sendeiro duns 7 quilómetros de lonxitude, que discurre pola devesa do Tambre, ascendendo polo canón no que vai encaixado o río.
Pois mirade vós ata donde viñan de excursión os nosos veciños, para cheirar as novidades, e estar ó día.





lunes, 19 de octubre de 2009

O misterio da presa

Un dos meus obxectivos cando lle solicitei algunha foto ó Museo Etnolóxico, foi o tratar de documentalas, ou polo menos tratar de acadar algunha información que completase a historia de cada foto. Non sei se vós lembrades das fotos do accidente do camión dos Rusos, ou do certame de orfeóns. Os que seguides o blog veredes que ás veces, o conseguimos, e outras como o da voda do Hipano Suiza non.
Esta foto en concreto chamoume moito a atención, primeiro porque ahi no medio está meu avó Odilo, e segundo porque o Museo non tiñan ningunha información sobre ela, estaban totalmente perdidos, non tiñan nin idea de onde podía estar feita.
E cousas da vida, agora mesmo estou seguro de que se sacou o día 14 de Abril do ano 1933 na presa do río Tambre, que está a uns kilometros ó norte da vila coruñesa de Noia, e que daquela pertenecía á Sociedade General Gallega de Electricidad.
O salto do Tambre comenzouse a construir no ano 1927, e segundo Luciano Yordi posuia tres grupos de 4500 Cv cada un, o que fixo que fose durante moitos anos o abastecedor principal de electricidade de toda Galicia. O que pasa é que se ides agora alí, xa non atoparedes esa paisaxe, xa que a presa foi ampliada no ano 1951.
A que segue exactamente igual é a central que se atopa sete quilómetros máis abaixo, pero diso xa vós falarei mañán.
Segundo a información do Museo de pé de esquerda a dereita: -?- ?- ?- ,Jesús Pousa, ?-?-,Manuel Freijido, Odilo Freijido, -?- Benito Araujo, Antonio Freijido e -?-. Sentados José Rodríguez, -?-, e Carlos Sánchez Rey.
O que aínda non sei é que facía toda esta tropa alí, de excursión. Supoño que poñendose ó día en cuestións de adiantos tecnolóxicos.
Eu aínda me lembro das viaxes ós campamentos de Porto do Son, que esta perto de alí, no autocar do Cabanelas, con D. Gerardo Álvarez Vidal a finais dos sesenta. Tardabamos un mundo.¿ Canto tardarían no ano 33?.




domingo, 18 de octubre de 2009

España 4-Portugal 2

O seis de Maio do ano 1945 xogouse o primeiro partido internacional de fútbol en Riazor. O partido servía para ensinar a toda España o novo estadio construído e inaugurado uns meses antes, e colocalo entre os máis modernos de Europa naquel tempo, xa que tiña un aforo para máis de 60.000 espectadores de pé .
A selección española gañou á portuguesa cun contundente 4-2, e como non, alí entre os espectadores, tiña que haber unha representación dos afeccionados ribadavienses.
Chegaron ás miñas mans algunhas fotos feitas, penso, que ese día na Coruña, e digo penso, porque a min mas enviaron có epígrafe de "España 4- Portugal 1 Coruña 1944". E buscando nas hemerotecas só atopei en Riazor este patrtido no ano 45.
Pouco a pouco volas vou a ir poñendo. Hoxe comenzo por esta, que non sei si se sacou antes ,ou despois do partido, nun carriño de xeados. ¿As caras de ledicia que teñen é por gañar o partido, o polo bós que están os xeados?.
Eu, de todos eles só coñezo a Julio "O Mexicano", lembrade que tiña unha fábrica de gaseosas nos baixos da Alameda, pero é unha pena que non haxa ningunha feita dentro do estadio de Riazor.
A foto procede do Arquivo de D. Antonio Chao Rodríguez.




sábado, 17 de octubre de 2009

O cruce da estrada do Carballiño

Esta postal marcada có número trece foi doada ó Museo por D. Juan Bande, e forma parte dunha colección de vinte estampas ou cromos feitos por Hermenegildo R. Casas, que anos despois sería director de "El Ribadaviense". Suponse que foron feitas cara ós anos 1913 ou 1915 segundo un estudio feito por Jorge Lens, e que aparece recollido no libro de Roberto Ribao "A fotografía na revista Vida Gallega ". Foron impresas na Fototipia Thomas en Barcelona, xa que por estes lares non había daquela ningunha máquina axeitada para facer este tipo de traballos.
Xa publiquei algunha outra, pero sería moi importante ver de conseguir completar a colección.
No que respecta ás postais antigas da vila, sabemos que circulan por ahí, algunhas feitas por D. Emilio Canda das que xa vós puxen algunha, e o outro día caeu nas miñas mans o álbum "Estampas de Galicia", publicado por Ksado no ano 1936, que tamén contén cromos da vila e dos seus arredores. Pero ese é outro conto, e todo ten que ir ó seu tempo.
Pero vaiamos á foto. Ribadavia. Arrabal, (parece a letra dun tango). A min ó vela me veñen á mente tres cousas de inmediato. A primeira, e penso que xa vola contei, eran as cañitas do Benito Muradás, que ás veces acompañabamos dun dedal de quina Santa Catalina. Lembro que sempre estaba sentado pola tardes nunha mesa camilla coa súa irmá e algún invitado máis.
A segunda, e non me preguntedes o por qué é Dna. Blandina. Esta señora chegou á vila da man do seu home, o médico D. Fermín Hervella. A sú filla Charo casou cun fillo do propietario do "Globo", con Manuel Domínguez Freijido. Eu a recordo na galería traseira da súa casa. E souben anos despois, que daquela, cando ninguén na vila sabía de cogumelos, ela era unha experta micóloga que sabía distinguir moi ben as que eran comestibles. Supoño que traia eses coñecementos da súa terra natal.
E o terceiro, e tamén os falei del, é o Leopoldo, o garda municipal. Xa vós dixen que sempre nós viña con adiviñas e misterios, e que as máis das veces nós facía rir cós seus enredos.

Nós sabiamos que á hora da saída das fábricas, cando soaba a serea, el tiña que ordear o trafego no cruce. Era a hora punta, o único momento do día no que podía haber un conflicto, xa que tódalas Derbis, Mobilettes e os escasos automóbiles que circulaban pola vila coincidían alí.
Unha mañán, antes de que dera a unha, fomos ó cruce, estivemos de parla con el, e tan pronto como soou a serea, nós quedamos na beirarúa, apoiados de costas no barandal para ver como dirixía a circulación.
O Leopoldo cun aire serio e grave que lle daba o bigote e a gorra de prato , púxose firmes no seu sitio, sacou o silbato do peto, e nunha tensión contida, agardou a chegada dos primeiros clientes.
Tan pronto a marabunta que saía da fábrica dos Chaos asomou pola curva da ponte, empezou a facer acenos e sinais cos brazos ós vehiculos que se achegaban, mirando para nós de esguello, sorrindo fachendoso. Pero ben pouco lle durou a risa, xa que un dos coches que subía debeu de malentender as súas ordes, e bateu levemente contra outro que asomaba a dianteira pola estrada do Carballiño.
O Lepoldo baixou as mans, deu media volta e veu cara a nós en silencio, apoiou os brazos no barandal, de costas ó accidente, e coa mirada perdida dixo ben clariño:
¡Eu xa o sabía!, e comenzou a silbar entre dentes.

viernes, 16 de octubre de 2009

Antiguos alumnos dos Maristas

Xa sei que ó mellor esta foto está moi vista, pero cando ma cederon no Museo, eu non a coñecía. Polo que vós vou a plantexar un xogo. Temos que tentar de completar tódolos nomes, bueno, todos todos, non.
A información que ten o Museo sobre esta foto, é a que vou a transcribir a continuación. Cando vexades o símbolo -?- , é que ese home non está identificado. Non vós preocupedes, xa sei que a maioría dos non identificados, son Irmáns Maristas, e quizás sexa moi difícil identificalos, pero hai dous laicos que non sabemos quen son, e están marcados na lista en vermello.
¡Veña, a ver se a completamos!.
A lista é a seguinte:

1ªFILA INFERIOR (1ª de esquerda a dereita) :
José Mª Iglesias Bernárdez, Alejandrino Fernández Casas, Alejandro Fernández Ríos, Benito Martínez Falcón, Antonio Fernández Abraldes, Manuel Loeda, Francisco Almuíña Iglesias, Fidel Dávila Sánchez, Manuel Giráldez, Camilo Quelle Cid.

2ªFILA :
-?-, José Alonso, Antonio Cuíñas, Leandro Cortés, Emilio Pérez Chao, Irmán Jaime, -?-, -?-, Emilio Gómez Vázquez, Francisco García Márquez, -?-, Tirso Casanovas Vázquez, -?-, José López Quijada.

3ªFILA :
Manuel Estévez Vázquez, Joaquín Vázquez Rodríguez, José Estévez Vázquez, Secundino Cortés Rionegro, Benito Escudero Gallego, Francisco González Lorenzo, Francisco Lorenzo Sulleiro, Venancio Gonzalez, Jesús Pousa Candedo, Justo García Márquez, José Domínguez Freijido, Eduardo Rodríguez Casasnovas, Amando Pérez Chao.

4ªFILA SUPERIOR :
Gumersindo Cortés Hermida, Antonio Chao Rodríguez, Jesús Deaño Castro, Alfonso Fernández, Camilo Alonso, Manuel Pinal Davila, -?-, -?-,Manuel Pérez Rodríguez, Julio Lira Rodríguez, Manuel Iglesias, Jesús Sánchez Orriols "Chucho", Antonio Pinal Davila, -?-.

Parece ser que a foto a sacou Chao con motivo dunha reunión de Ademar, pero non sei a data, supoño que sería a principios dos sesenta.


jueves, 15 de octubre de 2009

O catálogo de ADEMAR

Témoslle que dar as grazas a Óscar Escudero por compartir con nós este Catálogo da Asociación dos antigos alumnos dos Maristas.
Como podedes ver está publicado no ano 1962 e fíxose en Gráficas Peña de Madrid, e se lle botades unha ollada, dentro, nas súas trinta páxinas podedes atopar tres listados. Un por orden alfabético, outro por profesións, e o último por afeccións.
Penso que aparte da importancia que ten en si como documento, é moi curioso ver as páxinas adicadas ás ocupacións de cada un deles e as súas inquietudes para o lecer.
Coma sempre fago, o teño subido a Scribd, e podédelo consultar directamente, ou descargalo neste enlace, premendo aquí.





miércoles, 14 de octubre de 2009

Os Maristas de excursión

Fai tempo o noso amigo Rafa Salgado do Blog "Ourense no Tempo" que anda moi liado coa historia dos Maristas en Ourense, solicitaba información do paso desta institución escolar pola nosa vila. Fumos publicando algunha que outra foto, pero penso que esta, que me cedeu o Museo Etnolóxico de Ribadavia, non está moi vista, ou polo menos eu non a coñecía.
Tampouco coñezo a ningún dos rapaces que posan na foto, nin sei onde se fixo, nin a data na que se sacou. O único que sei é que esta foto pertence ó legado Chucho Sánchez Orriols.
Non fai falta repetir o de que se coñecedes a alguén, deixedes o comentario debaixo da entrada.
Aproveito tamén os próximos días para facer unhas entradas sobre ADEMAR, para os que esteades moi interesados neste tema.



martes, 13 de octubre de 2009

A fábrica de roscas de Benigno Pousa

En Ribadavia, aparte das industrias relacionadas có viño e os cadaleitos houbo outra industria tradicional que lle deu un gran renome á vila, e que foi a de elaboración de dulces, sobre todo roscas, rosquillas e melindres.
Me envía este maravilloso folleto publicitario, que data do primeiro tercio do século XX , Carmela Dávila. Xoias deste tipo non se reciben tólos días polo que me poño ós seus pés.
Me conta que este forno foi fundado polo seu bisavó materno, e continuou con el o seu avó, ata que enviuvou da súa primeira muller, que se chamada Lucila. Pouco despois veu a Guerra Civil e o forno pechou, e xa non se voltou a abrir.
Estaba situado na rúa de San Martiño, e si como reza no cartel, a súa producción era de vinte mil rosquillas diarias, a cousa non vós debía ser de broma.
Alí traballaban moitas mulleres, como podemos apreciar na foto, na que aparecen sentadas diante deses cestos cheos de roscas. A maioría da producción estaba destinada a abastecer os mercados de fóra de Ribadavia, polo que tiñan que ser moi coidadosos na embalaxe. Esto facíase en caixas de madeira que se enviaban por vía férrea as principais capitais e vilas galegas, e inclusive de fóra de Galicia.
Os grandes gastrónomos galegos, coma Cunqueiro, coinciden sempre nos seus libros, en que non hai mellor remate para unha comida ou unha festa que unhas rosquillas acompañadas dun bó tostado de Ribadavia. Seguro que D. Benigno coa súa fábrica axudou a crear e a manter esa boa fama dos dulces da nosa vila.
E sabedes o que máis me gusta deste folleto, aínda que non veña moito ó conto, iso de "Casa fundada en 1850". Estou ata as narices de ver agora en tódolos sitios o de "Since", nin que fóramos fillos da Gran Bretaña.


lunes, 12 de octubre de 2009

Música no Club

Esta foto que me envía Óscar Escudero éncheme de dúbidas. ¿É unha rondalla, ou é a xuntanza duns amigos que se reunen de noite para se divertiren cantando?
Está claro que a foto está feita no Club. Ahí está Pepe Conde que era o abastecedor desta sociedade. Do que xa teño dúbidas é da data, eu calculo que debe de ser de principios dos sesenta.
Se vós fixades ben, das lámpadas colgan serpentinas, polo que debeu de ser despois dalgún baile ou dalgún "asalto" como lle chamaban entón. Supoño que sería no entroido, xa que na noite de fin de ano estarían todos máis ocupados. Me parece que só nestas dúas celebracións se empregaban as serpentinas.
Óscar e máis eu non somos quen de recoñecer a todos, sei que están de pé Benito Escudero, Jaime Dávila, Braulio Soto, Manolo Padrón, Antonio Ríos, Eloy Soto, e Chucho á dereita coa guitarra e case que de costas á cámara.
Sentados só recoñezo ó pai de Jose Lúis do cal tamén non me lembro do nome, Pepe Casas, Javier de Burgos, Antonio Chao, e Fidel Dávila.
Penso que vós si seredes capaces de completar a "alineación" e a podedes deixar en forma de comentarios.


domingo, 11 de octubre de 2009

Máis de Manuel Rodríguez "Castrelito"

O outro día falei de Castrelito, ese matador de touros natural de Castrelo de Miño, e resulta que o seu sobriño, que vive en Castrelo, e que se chama Benito Gómez, mantén un blog en Internet, onde entre outras cousas fala do se tío.
Estas fotos que hoxe vós poño, forman parte do seu blog, que se chama " Bienvenidos al blog de Benito" e de alí, é de onde eu as saquei, por suposto solicitando o seu permiso.
Merece a pena visitalo xa que ten máis fotos, recortes e cousas de Castrelito. Deixo aquí o enlace. Xa o sabedes so tendes que premer aquí para ir ó Blog de Benito.
A primeira foto está sacada na traseira do antigo edificio do Club, e o diestro está marcado cunha C.
Parece ser que no Club naquela época tiñan o costume de facer fotos nesta escaleira do patio traseiro cando recibían visitas de importancia, xa que eu, xa vin algunhas máis con distintos personaxes de importancia.
Na segunda vemos a D. Manuel Rodríguez, que así se chamaba, descendendo dun coche na vila.
Se mirades ben, veredes que está marcado cunha cruz no capote.
Como seguín coas miñas investigacións taurinas, podo asegurarvos que no ano 1933 na Coruña lanzouse a idea de facer unha novillada con matadores galegos, e que serían : pola Coruña Jose Míguez "Galleguito"; por Pontevedra Manuel Escudero "Barquerito"; por Lugo Francisco Pita "Celita II"; e pola de Ourense "Castrelito".
Tamén sei que no ano 1924 "La voz de Castilla" fala del, comentando que estivo entrenando na gandeiría salmantina de D. Domingo y D. Cayetano García de Navalperal, acompañado do seu apoderado Alfonso Cela "Celita" que se retirara no ano 22.
Deixovos tamén aquí un enlace á revista "Blanco y Negro" do 5 de Outubro de 1930, onde aparece unha foto del nunha aparatosa collida na praza de Barcelona.
Se conto todo esto, é para darlle a importancia que ten, xa que en moitos artigos taurinos que consultei, Castrelito non aparece, o unico matador galego que existiu, e o que se leva tódalas flores é Celita.




sábado, 10 de octubre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 20

E+ste é o derradeiro gravado que poño deste artista ourensán, e deixeino para o final porque ofrece unha vista global da zona de extramuros da vila, tomada dende a estrada que vai á Foz, que era a área dos nosos xogos xuvenís.
Xa falei do muíño da Raiña, do seu loro, e das moitas andainas que de cativos fixemos por ahí, pero nunca vós falei da Ponte de Ferro , que aparece no lado dereito da foto, e da vía do tren.
Esta ponte foi durante moitos anos, case que paso obligado para cruzar o Avia, a non ser que quixeras dar un rodeo ben grande, e ir pola Ponte de San Francisco.
Para os rapaces, ou para min en particular, esta ponte foi como unha proba de lume, de madurez, ou de valentía, ou como lle queirades chamar. Lembro que as primeiras veces que tentei a cruzalo, foi da man do meu avó, e a cousa púxose moi costa arriba. Voltei para atrás máis dunha vez. Aínda era eu moi cativo.
Para os que non o saibades, daquela tiña só os railes, as travesas, e dun lado catro táboas de madeira, estreitas e sen barandais de ningún tipo. Dicían que se o tren te apañaba alí, no medio da ponte, a única saída, era deitarte nas táboas, e agarrarte ben a elas á espera de que pasara.
Pouco a pouco a medida que fun medrando, collinlle as voltas, e incluso ás veces o cruzaba todo fachendoso diante dos outros rapaces, que aínda lle tiñan medo.
Chegamos a pasar tardes enteiras pescando dende el. Perdón, tratando de pescar con grilos ou saltóns algunha troita que se vía dende arriba. Tiñamos os horariós do tren controlados, pero máis vez unha máquina solta ou algún mercancías nos deu un bó susto.
Hoxe ninguén leva sustos. Os peóns no o poden cruzar, ten unhas unhas vallas que o impiden.
Que siga así.





viernes, 9 de octubre de 2009

Castrelito

Eu non sabía que existira un matador de touros no Ribeiro. E resulta que si, que era natural de Castrelo de Miño, e se chamaba Manuel Rodríguez aínda que o seu alcume ou nome profesional era Castrelito, supoño que debido ó seu lugar de nacemento.
A foto que poño hoxe esta sacada do Fondo Fotográfico Escobar da Consellería de Cultura do Goberno de Castilla- La Mancha, e sacouse o día 15 de Agosto do ano 1930 na Praza de Touros de Albacete. Como podedes ver o paseillo o formaban Soriano, Castrelito e Chalmeta.
Tamén poño un anuncio das festas de Guadarrama do ano 1940, no que comparte cartel con Pepe e Antonio Bienvenida. Esta foto a baixei da rede, e a calidade da imaxen é moi deficiente, polo que vós pido disculpas.
O que si fixen, foi investigar un pouco na historia da Festa, e sorprendeume que só se coñeza a Alfonso Cela Vieito "Celita" como matador galego. Parece ser que Celita foi o primeiro, xa que tomou a alternativa na Coruña no 1912, pero cortou a coleta no 1922. E o que recolleu o testigo foi o noso Castrelito que xa vedes que nos anos corenta aínda estaba en activo.

Penso que Castrelito se merece polo menos un sitio dentro da historia da tauromaquia galega.

jueves, 8 de octubre de 2009

Ventosela

Este, o da esquerda é Alfonso, "O de Ventosela", aínda o atopei o outro día en Vigo, e está dándolle a man a alguén que non coñezo. Supoño que a foto está feita nunha das primeiras Feiras do Viño, nalgunha recepción, inauguración ou cousa similar.
Pero algún de vós pensará que me volvín tolo. ¿ Que ten que ver o Alfonso coa música?, xa que como podedes ver a outra foto é a portada dun disco, ou mellor dito dun CD.
Pois falando de Ventosela, e se vós gusta a música, deberiades escoitar algo de Cuchús Pimentel, que é un guitarrista flamenco que fai unha fusión da música tradicional galega có flamenco. Sei que para gustos están as cores, pero ten detalles moi interesantes.
Dentro do seu álbum "Música de Galicia"publicado no ano 1999, no tema A viaxe cantan eso de :
Si vas o Ribeiro, ó Ribeiro d´Avia,
si vas ó Ribeiro vai por Ribadavia,
vai por Ventosela, vai por Ribadavia...
E o máis importante, a razón de esta mestura tan extraña, é que Cuchús é fillo do ilustre fillo de Ventosela Xesús Alonso Montero.
Se queredes atopar máis información sobre a sía música, aquí tendes un enlace á páxina de Cuchús en Myspace.


miércoles, 7 de octubre de 2009

A carta ó ABC en 1926

Esta foto cedida ó Museo por Hipólito está feita nas escaleiras do Concello e non sabemos a conto de que se xuntou toda esta xente . Se pensa que podería ser unha reunión política e estaría feita entre os anos 1923 e 1925. Entre outros ahí están José Chao, Manuel Meruéndano, o Comandante José Rubio, Jesús Pousa, Emilio Gómez e algún Freijido.
Non sei si sabedes que o xornal madrileño ABC acaba de poñer na Rede toda a súa hemeroteca en formato pdf, e aínda que desvelo algunha das miñas fontes, penso que é unha boa nova para todos aqueles ós que nos gusta revolver nas cousas vellas.

Poi ben, un tempo despois de que se fixera esta foto o ABC convocou un concurso para demostrar que Cristobal Colón era español. O premio ascendía á nada despreciable cifra de 50.000 pesetas das daquela. O caso foi que o xornal "El Ideal Gallego" negouse a publicar gratis o anuncio do concurso, e o ABC tivo que lle abonar o espacio ocupado, en concepto de publicidade, o que xenerou unha grande polémica patriotica entre os dous xornais. A cosa foi a maiores cruzandose acusacións entre eles, mentres os lectores tomaban posicións.

Como non podía ser doutra forma, a polémica chegou á Ribadavia, e as forzas vivas da nosa vila, encabezadas polo alcalde D. Senén Varela reaccionaron rapidamente enviando unha carta ó director do ABC D. Torcuato Luca de Tena acompañada dun xiro telegráfico polo importe de ese pago e recaudado na vila por suscripción popular.

A carta está firmada por unha chea de ribadavienses , e algúns deles, seguro que están nesta foto. É moi interesante lela, xa que aparte de que non ten desperdicio, aparecen moitísimos nomes dos nosos conveciños daquela época, seguidos de cadansúa profesión ou oficio.

Deixovos aquí un enlace á páxina 11, do exemplar do venres 8 de Outubro do ano 1926.
Para ver esa páxina do ABC só tedes que pinchar aquí.


martes, 6 de octubre de 2009

Un agasallo

Non sei se sabedes o difícil que está esto de atopar fotos para poder manter vivo este blog. Moitas veces estou no fío da navalla, e pouco a pouco vou saíndo adiante. E saio adiante grazas ás vosas colaboracións, ás fotos e ós documentos que me enviades.

Fai pouco falando con Rafa, o que fai o blog "Ourense no tempo" que por certo, vós sigo recomendando, me comentaba que ten tantas fotos que o problema é escoller cal pon. A min pásame todo o contrario, teño que barallar moito, darlle moitas voltas ó pouco que teño, para tratar de poñer algo que chame a atención, ou que sexa minimamente presentable. E se hoxe conto todo esto non é por chorala, senón para dar as grazas á xente que me está a axudar.

Por iso, permitídeme que hoxe teña un detalle. Un detalle en forma de pequeno agasallo con Mª José Bouzas, pola súa colaboración neste blog.

A foto de hoxe está composta pola cabeceira de "El Heraldo Gallego" do día 15 de Maio do ano 1927, e dun recorte da páxina que fala de Ourense, da mesma data.

Esta publicación bonaerense facía un resumo das novedades que pasaban en Galicia cada semán para á colectividade galega na emigración de Arxentina e de Uruguay.

Pois ben, enmarcado dentro dun cadrado vermello, entre outras novas da vila, aparece unha noticia que de seguro lle vai a gustar moito.



lunes, 5 de octubre de 2009

A voda do Papuxa

Esta foto pertence ó Arquivo de Foto Chao e nela aparecen no centro os noivos Dna. Valentina Alonso e D. José Lorenzo "O Papuxa" rodeados dos seus invitados na Porta Nova.
Non sei en que ano se fixo, e tampouco vós quero aburrir coa lista dos nomes de todos eles, que están, máis ou menos, identificados no rexistro do Museo Etnolóxico.
Casares xunto con Cunqueiro foron na miña opinión os dous escritores galegos que mellor retrataron a forma de ser dos galegos. E mirade por onde, Carlos Casares lle adicou un artigo ó Papuxa. Nel e con moi poucas palabras penso o que describe ás mil maravillas.
Podedes atopar este artigo no libro de Carlos Casares " Á marxe, 1998" Obra xornalística VII, publicado pola Editorial Galaxia.
Aquí o tedes ó pé da letra:

O PAPUXA

Hai xa algúns anos puxeron na televisión española un programa filmado na taberna do Papuxa, en Ribadavia, onde merendamos o domingo. Víase nel un catador de viños exercendo o seu oficio dunha maneira algo pedante, sobre todo polo moito que contrastaba a solemnidade do discurso erudito co ambiente que o rodeaba; unha tasca de paredes de cachote, equipada cunhas mesas de madeira natural desgastadas pola lixivia e os muros decorados por centos de grilandas negras construídas polas arañas durante anos e anos.
Todo iso adornado por unha ristra de chourizos e media ducia de xamóns pendurados do teito. O catador falaba coma se estivese no medio dun dos restaurantes máis luxosos de París e como se o viño do que se falaba naquela ocasión fose un borgoña ou un burdeos de alto prezo e non un líquido humilde e honesto que ía saíndo, conformr era requirido a cada momento, pola billa dos pipotes situados sobre o chan terreo, nunha esquina da taberna. Mentres tanto, o dono do negocio bebía en cunca.
Foi precisamente esta circunstancia a que levou ao experto a facer unha pregunta longa e trapalleira. Falou da importancia de beber o viño por vaso adecuado, limpo e transparente, a fin de apreciar mellor tanto o aroma nas súas diversas categorías como a color. Rematada a perorata, dirixiuse con aire de triunfador ao propietario da taberna: " ¿No cree, usted, señor Papuxa, que es así como digo yo?" O Papuxa, alto e delgado, colleu a cunca que tiña diante, grande como un barcal, bebeu con parsimonia, pousouna logo sobre a mesa e dixo dun xeito rotundo, como se botase un pecado sonoro e definitivo no castelán que nunca falou: "¡ Jamás!"
Carlos Casares

domingo, 4 de octubre de 2009

La fuerza de su calidad ....

Moi boas fotos, estas que me envía Óscar Escudero, ó que lle agradezo moito a súa deferencia. Na traseira teñen anotada unha data, 2 de Maio de 1966, polo que con seguridade foron sacadas o último día da III Feira do Viño do Ribeiro no estand de Vinos Freijido.
Me conta Óscar que entre as dúas poderiamos tratar de completar ese "slogan" que aparece detrás dos protagonistas, xusto na parede da instalación. Eu non sei que diredes vós, pero a min paréceme que dí algo así como: "Vinos Freijido. La fuerza de su calidad hace que nos elevemos sobre todos los demas"
Na primeira foto vemos a José Puga, Filiberto Soto, Benito Escudero e Manuel Castro.

E na segunda o grupo amplíase, e aparte dos xa citados anteriormente, tamén aparecen José Luís García Casasnovas axeonllado, Manolo Domínguez, Manuel, Antonio y Jesús Freijido.

Grazas de novo a Óscar, xa que pouco a pouco cós vosos aportes e colaboracións imos aumentando e podemos ir documentando a recente historia de Ribadavia.




sábado, 3 de octubre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 19

O castelo de Ribadavia onde fixemos moitas trasnadas. No seu interior pasou de todo, dende agocharnos para darlle as primeiras caladas a un pito, ata ver a Julio Iglesias ou a Karina.
¡Moito xogamos ahí dentro!.., e cando estaba pechado e non nós deixaban xogar, saltabamos o muro, e incluso chegamos a reventar o candado da porta dos Escobetes cunha cizalla que nos prestaba o Alfredo, o das bicis . Mentres uns se apostaban na Praza Maior controlando que non aparecera o Ricardo o Cabo dos municipais, outros a cortar o candado, e rapidamente a devolverlle a cizalla ó Alfredo, así desaparecía a proba do delito. E a xogar.
Pero coma tódalas cousas boas, eso só duraba un ratiño, xa que sempre ó pouco tempo aparecía o Ricardo pola porta, e non quedaba outra que liscar a toda presa, e incluso nalgunha apurada ter que baixar polos muros que daban á Porta Nova ou o Calvo.
A que se lle conte hoxe que naqueles tempos cando un balón caía fora do recinto, sempre había algún rapaz que baixaba e subía escalando pola muralla para buscar o balón e non ter que dar a volta, non o cre.
E a piscina... Cantas horas ó sol coma lagartos nas toallas derriba do teito do bar. Era o mellor sitio. Onde se estaba máis quentiño.


viernes, 2 de octubre de 2009

O Avia

Si algo lembro con verdadeira importancia de tódolos momentos que de pequeno pasei na vila son a cantidade de tardes de "golfería" que botei na Veronza, nos Caneiros, na Alaxancha, no Maquiáns, nos montes de Santa Marta, da Franqueiran, etc. E quizás os meus mellores recordos de infancia teñan que ver có río Avia.
Fai pouco recibín novas a través da Rede de que dende fai ben tempo o Avia ven moi seco, o seu caudal é moi escaso, e que eso non é o máis aconsellable para a súa saúde. As noticias veñen dende a Asociación "Coto do Frade".
Eu non vivo na vila e non vós teño infomación de primeira man, pero vós deixo aquí un enlace á súa web, que podedes consultar premendo aquí.
Penso que un dos patrimonios máis valiosos que ten Ribadavia, e a súa excepcional situación na confluencia do Avia e o Miño, e agora mesmo esa situación estase a desaproveitar. Xa en entradas anteriores falei do mal cuidadas que estan as súas marxes e o pouco caso que se lle fai ó río.
Hoxe poño unha foto que non dei se é da Veronza ou dos Caneiros. Supoño que esta feita nalgún verán, e ilustra o caudal estival que tiña o río a mediados da década dos cincoenta. Noutras entradas anteriores tamén puxen fotos dalgunha enchenta histórica.
As crecidas anuais do Avia arrasaban coa vexetación da ribeira, e como dicía meu avó " o que é do río, é do río", en referencia a algunhas cheas que fixeron moito dano nas partes baixas da vila. Pero antes non existian os encoros. E penso eu que os embalses hoxe, amén da, chamémoslle escasa producción eléctrica, teñen o deber de deixar que o río faga a súa vida. E esa tería que ser a súa principal premisa.
Para animárvos, o outro día curioseando, atopei este artigo publicado en 1927 en "El Heraldo Gallego", que penso que reflexa os primeiros coidados que o Concello lle debeu dar á Veronza, e que vós transcribo integramente:
"En las márgenes del río Avia, aguas arriba, en el sitio denominado "La Veronza" existe un terreno baldío de superficie llana y encrespada que al caer la tarde, durante los veranos, varios elementos jóvenes de la buena sociedad ribadaviense convierten en animada playa, sirviendoles de alegre esparcimiento.
Ahora bien; este hermoso campo, carece de arbolado adecuado que tanto pudiera hacer resaltar los encantos de la belleza y poesía que naturalmente y por su topografía encierra, no obstante hallarnos en plena era de resurgimiento forestal que mucho se encarece la utilidad del árbol y la obligación que tienen los ayuntamientos según la R. O. de 20 de Abril de 1924, de la plantación mínima de cien árboles."

jueves, 1 de octubre de 2009

O cadro misterioso 2

Aquí xa non está o cadro en custión, pedíronme que retirase a foto, e eu xentilmente a retiro.
Podedes ver a foto nun dos libros que publicou o Museo, nun dos "Albumes para o reencontro".
A foto está feita en algún estudio descoñecido e de por si chama moito a atención polo universo infantil que rodea a nena, e pola colocación tan detallista ó seu redor de toda esa chea de xoguetes, pero a min o que me chocou foi o cadro.
Cando no Museo D. Cesar Llana me ensinou a foto e me dixo quen era a nena, as miñas sospeitas tomaron máis forza. Como tamén teño que eliminar os nomes da nena da foto, só vós conto que ela e a súa familia vivían xusto ó lado da Ponte de San Francisco, na única baixada que había ó río, e a moi escasos metros de onde se debía sentar o pintor Beruete para facer os seus bocetos.
Beruete supoño eu, debeu de pasar en Ribadavia algúns días, xa que estes cadros non se fan dun día para outro. Sabemos que "A las orillas del Avia" é de gran formato (mide 2 m.) polo que debeu de facerse en estudio sobre apuntes ou bocetos tomados do natural. Pode ser que este fose un deses bocetos, pero polo que podemos apreciar ten un bó nivel de acabado o que requeriría varias xornadas de traballo.
A foto o Museo a ten datada en 1899, . Se eso fora certo este cadro estaría en máns dalguén da vila, xa que a visita de Beruete á nosa vila foi sobre o ano 1883. Tamén pode ser que esté mal datada a foto, e dicir que sexa anterior, e o cadro marchase para Madrid nas maletas de D. Aureliano.
Supoño, e non é imaxinar moito, que nesas xornadas de calores estivais que Beruete adicou a pintar en Ribadavia, debeu de facer amizade cós parentes da rapaza, que vivían ó lado de onde el pintaba.
Agora só nós queda resolver o misterio. ¿Onde está ese cadro? ¿Segue na nosa vila, ou simplemente foi prestado para facer a foto coma un recordo dunha bonita amizade?
Xa vós podedes poñer a traballar, penso que merece a pena investigar un pouco.


miércoles, 30 de septiembre de 2009

O cadro misterioso 1

Hai un tempo puxen unha foto deste cadro que tedes ahí abaixo. É o chamado "A las orillas del Avia" de Aureliano Beruete, propiedade na actualidade da colección Gestenmaier.
Parece ser, como vós dixen nunha entrada anteriorque podedes buscar neste blog, que Beruete andivo pola nosa vila a principios da década de 1880, e non só por aquí, senón tamén por Vigo onde pintou algún cadro, e por Sada onde se hospedou coa súa muller nun pazo.
Ó que ía. Este cadro descoñecido para a inmensa maioría dos nosos veciños, deu moito xogo nun foro de internet que temos os ex-alumnos e ex-profesores do Instituto de Ribadavia, englobado na asociación cultural Exaprin. As conclusións ás que chegamos despois de moitas voltas podennos servir para poñernos en antecedentes.
Podedes ler un resumo de tódolos aportes premendo aquí neste enlace.
Penso que ahí quedou bastante claro que é o que aparece pintado no cadro, e cal é o punto de vista dende o cal o pintou Beruete.
O cadro é este, e deseguro que moitos de vós xa o coñecedes, pero hoxe polas necesidades do meu guión vouno poñer en branco e negro.


Tempo despois mirando unha publicación sobre a vila decateime da presenza de estoutro cadro nunha foto, xusto o que vós poño debaixo destas liñas.

Fun ó Museo e soliciteina para podela estudiar con calma. Xa cunha boa ampliación, deime de conta de que o que representa ese cadro é tamén a nosa vila, pintada dende o mesmo punto de vista do cadro anterior, pero representando o Avia augas abaixo, xusto centrándose na curva que fai o río na presa que hoxe non existe, e da que vós puxen unha postal onte, e no casco urbán de Ribadavia na parte de extramuros que dá a esa zona.

Recoñezo que a foto do cadro é moi deficiente, xa que é unha ampliación da foto que me cedeu o Museo, pero penso que aínda así podémonos dar conta de que a factura, o tratamento da luz, o manexo das formas, tanto nas árbores como nas casas son moi similares nos dous cadros. E como pasaba no anterior, o autor manexa a realidade o seu antollo segundo as necesidades compositivas que require o equilibrio da escea.

Eu non teño dúbidas de que o que se representa ahí é Ribadavia, e varias persoas coas que consultei coinciden no mesmo. Os dous cadros case con total seguridade están feitos polas mesmas mans. É dicir, que este cadro, hoxe descoñecido, podería ser de Aureliano Beruete.

¿Que vós parece? Espero as vosas opinións, e mañán desvelo en que foto aparece este novo cadro, e quen aparece ó seu lado.

martes, 29 de septiembre de 2009

Fixádevos ben

Esta é unha postal feita por D. Emilio Canda a principios do S XX. Del xa vós falei en outras entradas, pero hoxe quero que vós fixedes ben na fisonomía que tiña o Avia naqueles tempos, cara a principios do século pasado. A ponte de San Francisco como podedes ver está no mesmo sitio, aínda que non sei se sabedes que no ano 1906 sufriu unha remodelación consistente en ensanchar a calzada, e que custou daquela a nada despreciable suma de 17.000 pesetas. As obras levounas a cabo o constructor D. Juan Puente y Zamora.
Como dentro de pouco me vou a meter onde non me chaman, quero que gardedes ben na vosa memoria esta imaxe do río. Quizás moitos de vós non sabiades que existía ahí esa presa cun muíño. Non sei como estará eso agora, pero nos anos setenta, os muros do muíño que aínda quedaban, eran unha boa postura para a pesca. O que xa non existía era a presa. Eu xa non a recordo, nin tampouco lembro o nome do muíño se é que o tiña. Pero insisto, non perdades detalle, tedes que imaxinar a vila e o Avia así, será necesario para entender as próximas entradas.
Teño que voltar a darlle as grazas ó Museo da vila por cederme tan amablemente estas fotos.



lunes, 28 de septiembre de 2009

¿Quen son?

Esta foto que sacou Foto Chao é un gran misterio. Póñoa hoxe para ver se somos quen entre todos de coñecer a algunha persoa das que sae na foto.
Segundo me comenta D. César Llana esta é unha boda de moita importancia. Primeiro porque a noiva vai de branco, e daquela, antes da guerra, moi poucas se casaban así. E o segundo, é que á esquerda aparece parte da dianteira dun automóbil. Nesta foto non se aprecia, pero noutras que están no museo vese claramente que é un Hispano Suiza. E a pregunta cae polo seu propio peso:¿Quen tiña un Hispano Suiza por este lares?.
Estamos perdidos. Tamen pode ser que esta voda non se celebrase na vila, e si nalgún pobo próximo, a donde se desplazou o fotógrafo.
Facede o favor, e ensinádelle a foto ós vosos maiores, a ver se eles son quen de proporcionarnos algunha información.

domingo, 27 de septiembre de 2009

A prensada do bagaño

Era quizás o que nos faltaba por ver no tema das vendimas. E aquí o tedes. Eu non recoñezo a ninguén, nin sei onde foi sacada esta foto, pero ó mellor vós si.
O único que sei dela é que foi feita a finais dos anos sesenta por encargo do meu pai, ó igual que as outras, e aparece nela un bó equipo de traballo, xa que esta tarefa non e doada.
Moi poucos particulares tiñan prensas nas súas adegas, polo que non lles quedaba outra que a contrata dunha prensa itinerante. Os donos destas ían ofertando os seus servicios pola vila e as aldeas a cambio dunha retribución económica. Quedabas un día, e eles aparecían coa prensa nun carro de bois, a instalaban na rúa dediante da túa adega, e veña, a meter o bagaño nela en barcaletas e a sacar o mosto e metelo en pipotes.
Como supoño que xa sabedes os que seguides o blog, polo menos fai trinta anos que eu non vexo unha prensa traballando, pero pódovos asegurar que teño metido na cabeza aquel ruido metálico que facían as pezas ó irlle dando á panca, pouco a pouco, sen pausa pero sen presas, coma ten que ser.
E que queredes que vós conte do momento en que comenzaba a correr o viño pola canaleta. Todos se poñen en movemento, non da tempo a encher as vasixas unha tras outra, e eu que aínda era un neno e andaba a estorbar polo medio o único que facía é meter os dedos no mosto e levalos á boca.
Cando anos despois vin funcionando as prensas industriais das grandes adegas, o engado desapareceu. Xa todo era distinto.


sábado, 26 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 18

Esta é a rúa dos Fornos, e se hoxe, nesta semana das vendimas, aparece no blog por algunha razón será.
Ahí, ó final das escaleiras, era onde meu avó tiña unha pequena adega, ahí facía o seu viño, e inclusive o vendía. Tódolos anos puña na porta un mesa cunhas xarras e durante un par de semanas coma en calqueira furancho, fose por cuartillos ou por litros ,íase desfacendo dos seus excedentes.
Ahí foi onde eu tiven os primeiros contactos coas vendimas. Lembro ver chegar as uvas en carros de bois, e sentir medo ó pasar ó seu lado nuha rúa tan estreita. Anos máis tarde foron chegando en carrocetas.
Ahí é donde eu pisei as miñas primeiras uvas, a modo de xogo, nunha barcaleta, e onde lle din por primeira vez a unha prensa.
Supoño que ahí tamen foi onde lle mandei a primeira fecha.
Que queredes que vós conte....
Ahí é onde eu pasei a miña infancia.



viernes, 25 de septiembre de 2009

A vendima na Cooperativa 2

Aquí era onde traballabamos a maioría dos eventuais contratados para a vendima. Eu sempre traballei na toma do grao dos mostos, exceptuando as últimas dúas campañas nas que traballei de axudante do enólogo.
Xa pasaron trinta anos, pero recordo ben a Emilio o enólogo, era un valenciano pequeno e moi amable que casara en Francelos, e eu axudáballe a tomar as mostras e as temperaturas dos mostos que estaban a fermentar, e logo no laboratorio a calcular a acidez e limpar tódala cacharreria propia dun sitio así. Incluso lembro que un ano, baixo a súa dirección fixen moitisimas microvinificacións de castes autóctonas de distintas localizacións. Disfrutei e aprendín moito alí, no laboratorio con Emilio.
Este traballo era máis entretido que estar a tomar o grao nas tolvas, que foi o primeiro que fixen. Na tolva había que estar vestido con funda e botas para subirse ós camións, escoller cunha pala e un capazo uvas variadas de entre toda a carga, pelexando sempre cós paisanos que se queixaban de que lles collías as máis verdes, e logo trituralas e medirlle o grao nunha probeta cun mostímetro.
Eramos polo menos unha ducia de rapaces que traballabamos de sete da mañán ata as doce da noite, e o peor eran os sábados, xa que todo o mundo aproveitaba este día, e o domingo, para vendimar, có que chegabamos á casa tódalas noites esfolados.
Seica daquela a Cooperativa tiña unha contrata con algúns transportistas para facer os portes das uvas, e un deles có que eu me levaba moi ben era o Argimiro. Recordo que ás veces me deixaba conducir o camión na explanada, e explicábame como facer o doble embrague. Portábase moi ben connosco, e case tódolos días nós traía de volta á vila, todos subidos na caixa do seu "Pegaso" cantando cancións. Ó chegarmos ó Kopa Club, o Argimiro ralentizaba a velocidade e alí todos saltabamos do camión en marcha.
Outras veces nos traía o pai dos Arca de Francelos, tamen na caixa do seu camión, non me lembro da marca ( podería ser Barreiros) pero si da súa cor, un azul intenso. Santiago, o seu fillo era sempre o encargado da báscula. Pesaba os camións ó entraren e o sairen, e logo restaba e anotaba o peso das uvas. Non se trabucaba nunca. Pódovos asegurar que sempre se lle deron moi ben as matemáticas.





jueves, 24 de septiembre de 2009

A vendima na Cooperativa 1

Esta foto debe de ser dos primeiros anos desta adega, e non creo que se vexan hoxe carros de bois transportando as uvas. Fixádevos que como o carro non ten volquete había que descargalas na tolva a base de pala, como fai ese señor que está subido ó carro.
Eu traballei algúns anos aquí na Cooperativa, cando era estudiante, e teño moi gratos recordos de toda a súa plantilla.
Xa pasaron moitos anos, e os nomes deles perdense na memoria, pero non quero rematar esto sen citar a dous dos que me lembro especialmente. Un era o xefe de mantemento, o mecánico. Sei que vivía en San Andrés, e viñera da Siemens de Alemania, era baixo e con gafas. Era un fenómeno, reparabao todo e incluso inventaba ou desenvolvía aparellos novos có fin de facilitar o traballo. O outro era o que levaba as prensas nas vendimas, era de Sampaio, alto e tiña un certo aire a Clint Eastwood, ou así o recordo eu.

Con ambolos dous pasei moitas horas. Axudáronme e aprendín moito. Quero mandarlles dende aquí unha forte aperta.


miércoles, 23 de septiembre de 2009

Os pisóns 2

Como vedes sigo cós pisóns das uvas. Este que sae na foto as pisa descalzo, e se vós fixastes na foto de onte o rapaz levaba unhas botas de goma que daquela se lle chamaban "Katiuskas".
Eu cando pisaba uvas era un rapaz e sempre dubidaba moito entre facelo descalzo ou con botas, e a razón era que as botas que te daban non eran do teu número, case sempre eran máis grandes, e o traballo era doble, xa que moitas veces a bota quedaba afundida entre as uvas da muega e cando intentabas levantar a perna só subía o pé decalzo, polo que ás veces fartábame e seguía a traballar descalzo.
Pisar as uvas descalzo tamén tiña os seus problemas, sobre todo coas uvas tintas. Quedábache a perna pintada durante unha semana e por moito que a fregases sempre a vías mourada.
Outra das cousas das que me lembro é da famosa frase de "Dalle galla".( Se a pronunciades con gheada soa mellor, "ghaia", ó igual que "muegha").
Supoño que todos sabedes que unha galla é un pau rematado en dúas ou tres polas curtas a modo de garfo. As que eu coñecía eran de acacia, e se usaban para repartir mellor o bagaño das uvas tintas dentro da cuba, xa que ó ir todo para dentro se formaba unha especie de montaña na cuba que había que desfacer para que entrasen máis. Así que cando a cuba se empezaba a encher, non só había que pisar as uvas senón que repartilas ben dentro da cuba coa galla.


martes, 22 de septiembre de 2009

Os pisóns 1

Aquí temos a un pisón, que era como se lle chamaba ós rapaces que pisaban as uvas.
Como podedes ver este tíñao complicado, xa que a altura do teito non lle daba para poñerse de pé. Para evitar esto moitas adegas tiñan unha trampilla que comunicaba esta coa planta superior, xusto no lugar en que se ubicaba a cuba coa muega. Abríase só cando as vendimas para facilitar o pisado das uvas, e facer máis levadeira esta tediosa tarefa.
Supoño que moitos de vós seguro que fixestes esto máis veces ca min e lembrades a enerxía coa que comenzabades, e o cansancio que pouco a pouco vós ía invadindo as pernas, sobre todo cando o xefe dicía aquelo de "dalle outra volta rapaz"ou "pisa naquel lado que por ahí non lle deches" e ti xa non eras quen de levantar os pés.
En fín, supoño que agora todo o mundo usa trituradoras eléctricas, e esceas coma estas xa non se ven.


lunes, 21 de septiembre de 2009

Culeiros na Barca

Esta semana, se non xurde nada novo vouna a adicar as labores das vendimas. Pensemos que o viño é o motor económico da nosa bisbarra, e que todos os que ollamos estas páxinas tivemos algo que ver con el, aínda que sexa só a hora de beber os nosos caldos, que por certo cada ano que pasa son moito mellores.
Esta foto supoño que está sacada nunha finca que hai xusto en baixo da vía férrea na Barca. Penso que uns anos despois de que se sacaran estas fotos a mercara D. Enrique Pumar, médico da vila, que non sei si segue a ser o seu actual propietario.
Ilustra o que xa vós contei en outras ocasións a labor da saca das uvas da viña. Neste caso esta tarefa é doada pola topografía e as boas comunicacións desta viña, nembargantes, estas operacións ás veces tórnanse complicadas cando as viñas ocupan xocalcos escarpados e os carrexóns para chegar ós carros que están nos camiños, teñen que facer case de alpinistas ascendendo por muros imposibles.



domingo, 20 de septiembre de 2009

Comezan as vendimas

O outro día falaba de que xa estaba todo listo para as vendimas, pois hoxe poño esta foto das mulleres en plena faena entre as gavias. Como podedes ver, e de seguro xa sabedes, non é un traballo doado. Hai que andar moitas veces de xeonllos e ó final do día acabas derreado.
Lembro que cando xa tivemos idade para traballar, alá polos dezaseis ou dezaoito anos, buscabamos traballo de vendimotes, e algunhas veces de carrexóns, xa que pagaban máis.
Teño un recordo moi especial da "Figueiriña", que é unha viña na que traballamos algún ano uns cantos amigos, grazas á a D. Tirso Casasnovas que era o seu administrador.
A "Figueiriña está situada ó final da recta das Chabolas, arriba á esquerda, en Sanín. Era unha gran viña con adega incluida, e seica era de alguén de Madrid. O capataz que a levaba era un señor da Reza na Arnoia, é e unha pena que non me lembre do seu nome xa que teño un gran recordo del. Cando íamos de carrexóns había que levar a uva en culeiros, e ás veces co peso e a suor os molidos ían esbarando pola frente ata taparnos ollos, e el ría a cachon cando chegabamos á adega case as apalpadelas sen apenas visión, e lle pediamos por favor que nos botase unha man. Eran tempos... Recordo que unha vez para almorzar, xa non sei en que viña, o dono nós deu augardente e galletas surtidas Cuétara, fumos todo o día polo aire.
Bueno, que o tempo acompañe e que a colleita sea boa.


sábado, 19 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 17

Esta é unha praza que hai ó final, abaixo, da rúa de Santiago, da cal agora mesmo non sei o seu nome. O punto de vista dende onde está feito o gravado é ese e alí ó fondo podemos ver o final da rúa de San Martiño.
Esta imaxe non sei por que faime recordar ó Leopoldo que era un garda municipal que tiña unha inmensa paciencia con todos nós cando eramos pequerrechos, e xa non tanto. Penso que a súa muller tiña unha tenda xusto ó final dos soportais da esquerda.
Como vós ía contando Leopoldo sempre se puña da nosa parte cando había conflicto co Ricardo , o cabo dos municipais, o seu xefe. El calaba e facíanos calar a nós diante do Ricardo, escoitabamos todos con atención a voz da autoridade, e cando xa estaba todo claro, e o cabo desaparecía, el nós dicia: "agora rapaces facede o que queirades".
Tiña tamén un grande sentido do humor e sempre nós andaba a contar chistes e adiviñas, que nunca eramos capaces de adiviñar.
Era unha gran persoa.
Na esquina oposta á tenda da muller do Leopoldo había outra, ¿Podería ser a da Contempla? Non sei si estaba alí xa que logo mudou para a fonte de dous caños. Era a abastecedora de fogetes e petardos de tódolos rapaces da vila.

viernes, 18 de septiembre de 2009

Todo listo

Todo está preparado para o comenzo das vendimas, ahi están xa os moñicos ó final das gavias á espera de encherse de uvas.
Non sei onde se sacou esta foto, pero tanto me ten, pode ser unha viña calqueira do Ribeiro, como as dos meus avós, onde fixen as miñas primeiras vendimas, tanto na "Brinca" na Franqueirán , como na "Gandarela" frente ó Xestal. Máis que vendimar o que facía era estragar os racimos e comer as uvas, e ó final como non traballaba sempre me puñan a recoller os vagos que caían ó chan, e me repetían a mesma cantinela: " cos vagos faise un pipote de viño". A verdade que eu daquela era moi cativo, e andaba máis pendente de que non me picasen as abellas que andan ó redor das uvas, que en traballar. Era un xogo ós ollos dun neno.




jueves, 17 de septiembre de 2009

D. José Mª Castroviejo na vila

Esta foto é moi especial para min, e vai adicada a Andrés, un dos fieis seguidores deste blog, e que a estas horas xa estará de volta nos Estados Unidos. Fai uns días que falamos e dixenlle que tiña algunha foto do seu avó, pronunciando unha conferencia no Instituto, e el non o cría. Pois aquí está a proba. Vai por ti Andrés.
Esta foto fíxose no antigo Instituto, cando este aínda estaba na rúa de San Martiño, no actual Museo Etnolóxico de Ribadavia, no curso 1955-56, e nela vemos de esquerda á dereita, ó conferenciante, D. José Mª Castroviejo que pronunciou unha amena conferencia titulada "Irlanda 1955", Dna. María Pérez López "Maru" que era a profesora de Historia, D. Manuel González Dieguez, profesor de Matemáticas, e a D. Manuel López Grién profesor de Química e Director do centro naqueles anos.
Por se alguén non ten moi claro quen foi D. José Mª Castroviejo, deixovos aquí un par de enlaces nós que podedes premer para saber un pouco máis da vida e da obra de D. José María:
Enlace a Wikipedia e outro a Moaña. servidores.net.


miércoles, 16 de septiembre de 2009

Outra vez o certame de orfeóns de 1927

Tedes que perdoar, pero as presas son malas compañeiras, e na entrada que fixen hai uns días sobre a foto do Orfeón da Arnoia esquencín dicirvos cales eran as bases do concurso, a peza de obligada interpretación e os premios.
Para subsanar este erro poño hoxe un recorte do xornal independente de Pontevedra "Progreso" do sábado 6 de Agosto de 1927 no que se anuncia e se publican as bases do concurso da vila, e donde podedes leer todo.

Non sei que pasa ás veces que as fotos non se deixan ampliar e xa me pasou máis veces. Xa está todo arranxado, xa podedes leer esta entrada, e ver outras fotos coma Maquiáns e a da Banca Nogueira.
Pido disculpas, mais son problemas alleos a min. Que o disfrutedes
.