domingo, 7 de noviembre de 2010

Excursión a Leiro

Esta foto debe de ser de preto do ano 1956, e segundo me conta a sua propietaria, Mari Carmen López, sacouse nunha excursión ciclista que a súa pandilla fixo á veciña vila de Leiro.
Non sei se me trabucarei nos nomes, pero para eso estades vós, para corrixirme se é necesario. Na ringleira superior de esquerda á dereita aparece de perfil e cunha bufanda un rapaz chamado Roberto, a continuación está MariCarmen López, no máis alto José Luis Chao, e despois entre todos están un rapaz chamado Orlando, Fina Lira, Marta Culell e a escritora afincada en Valencia Matilde Pepín.
Na de abaixo temos á esquerda a Pili a "dos Cabedos", e máis ou menos no medio cun xerxei escuro de pico o actor Ernesto Chao. Manuel Pousa está sentado coas pernas colgando e cunha pucha na cabeza, ó lado dunha rapaza cunha chaqueta de cor claro e falda escura que é Guti Conde.


viernes, 5 de noviembre de 2010

Un pequeno problema

Supoño que saberedes que ás veces publicamos documentos en formato pdf, e para podelos visionar no blog, hai que subilos a algún servidor que soporte este tipo de arquivos. O caso é que cando empezamos, poucas opcións tiñamos, e eliximos á empresa norteamericana Scribd para aloxalos.
Resulta que dende fai máis dun mes, esta empresa está a mudar de política, e agora só permite a visualización dos documentos, mentres que si o que se quere é descargalos, hai que lles pagar.
Caúsame grande sorpresa este cambio que fan sen informar previamente ós usuarios, e máxime cando a nosa filosofía é a de compartir con vosco gratuitamente todas estas cousas. De cobrarlle a alguén, deberían de cobrarme a min, por utilizar os seus servidores.
Por este motivo, vou a ir cambiando ós poucos tódolos documentos de Scribd a Google Docs, que xa soporta arquivos pdf, e polo de agora permite a descarga gratuita.
Tede paciencia se nalgún momento houbera problemas cós enlaces, pero penso que valdrá a pena.
É tamén posible que os elimine definitivamente de Scribd, xa que ninguén ten que pagar cando os pode descargar gratuitamente doutro sitio. O único que perderemos serán as estadísticas, como as 1000 lecturas que leva xa o entrañable artigo "Tío Benito" escrito por Paula Bouzas, e que xa podedes consultar en Google Docs pinchando aquí.

De troula na Sala Río

Recibo con ilusión máis fotos de Miguel López, como esta que se sacou a finais dos anos sesenta na famosa Sala Río, que debía ser a única distracción dos mozos da vila. Como podedes ver a indumentaria dos protagonistas non ten nada que ver coas dos xóvenes de hoxe en día, daquela íase de chaqueta e garabata. Asimesmo, tampouco ten nada que ver a decoración e iluminación daquela sala coa que temos hoxe nas discotecas, e xa non vos digo nada da música.
Enfín que os tempos mudan, e aí temos ó Miguel agachado no centro dun grupo de amigos dos que descoñezo os seus nomes. Poida que fosen traballadores do salto, pero si sabedes algo, dicídeo.

jueves, 4 de noviembre de 2010

A Magdalena por Loty

Outra desas maravillosas vistas da vila que me envía Anxelis, procedentes do arquivo da Editorial Loty, que non sei si se chegou a converter algunha vez en postal impresa.
Coma sempre, o problema estriba en establecer unha datación dela, e unha das posibles formas de saber cando se sacou, sería coñecer o ano en que se fixo a reforma da antigua sinagoga xudea que aparece á esquerda. Se vos fixades ben, a fisonomía do edificio coincide perfectamente coa que tiña no 1925 na foto que sacou no mesmo sitio, mais cun enfoque diferente, a americana Ruth Matilda Anderson, como podedes ver pulsando aquí.
Parece que non pasou nin un momento, e segue no mesmo sitio, debaixo do balcón o letreiro que anunciaba a sastrería de Gumersindo Cortés, do que por certo non teño nin idea de quen podía ser.




miércoles, 3 de noviembre de 2010

Lola e Antonia

Envíame Francisco Couto esta entrañable foto sacada por el no ano 1963 , onde aparece a súa nai, Antonia Gulín sentada nun banco, que non son quen de localizar, acompañando a unha anciá da cal descoñece o nome.
El e máis eu esperabamos que algún de vós lle puxera nome a esa velliña de aspecto calmo que cruza as mas sobre as súas pernas. Pero o que son as cousas, xa non fai falta que a identifiquedes. Era veciña nosa na Praza Maior, e non é outra que Lola Touza, protagonista xunto coas súas irmás Julia e Amparo desa fermosa historia de protección e salvamento de xudeos ó traverso da raia con Portugal, e pola que recibiron unha grande honaxe fai ben pouco.
Quizás esta foto inédita sexa unha das últimas fotos que lle sacaron.




Lola Touza y Antonia Gulín

martes, 2 de noviembre de 2010

San Domingos por Loty

Outra imaxe da nosa vila, desas tres que nos fai chegar o noso amigo de "Ourense no Tempo", e que pertenecen ó fondo do arquivo Loty.
O que máis me chama a atención dela é esa construcción anexa a igrexa, que hoxe en día non existe, e que tapaba a porta lateral e as escaleiras exteriores polas que se ascendía ó coro.
Non vós podo dicir exactamente cando se derrubou este edificio, por que non o sei, pero por algunha consulta consulta que fixen debe de ser cara a década dos cincoenta.
Seica era a sacristía, pero parece ser que estaba en moi mal estado, e tiverona que tirar, e tapiar a porta que comunicaba con ela, que si a memoria non me falla ten un arco trilobulado dentro dun de medio punto. De todas formas, esta construcción debía de ser parte dunha anterior que tiña máis altura, e da cal aínda se poden ver claramente nesta foto as marcas que deixou na fachada lateral a unión có desaparecido tellado.
Como as outras desta colección debe de estar feita a finais dos vinte, ou a principios dos anos trinta.



lunes, 1 de noviembre de 2010

¿Será a Veronza?

Esta foto forma parte dalguhas imáxes que me enviou fai tempo o noso amigo de "Ourense no Tempo" , e teredes que perdoarme se vós digo que xa non me lembro de que libro as sacou.
O caso é queno seu envío aparecen varias tomas dende a Ponte de San Francisco, e algunhas outras das pontes do Avia, e esta dunha presa, que se non me equivoco me parece que é a da Veronza.
O único que me ten descolocado é esa casiña que hai a esquerda, e que me fai dubidar, xa que a ausencia das árbores da ribeira podería ser normal, o que tamén e certo é que eu non coñecín esta paisaxe a finais dos anos corenta ou a principios dos cincoenta, que é de cando debe datar a foto.
Se tedes algunha idea xa sabedes onde estamos.



viernes, 29 de octubre de 2010

Unha postal da Capela do Portal

Esta é outra desas cousiñas que as veces me atopo curioseando pola Rede. Trátase dunha postal de Edicións Arribas que é bastante difícil de datar.
O zaragozano Mariano Arribas a principios dos anos corenta lanza unhas series de postais nas que se reproducen a maioría das capitais e vilas importantes de España. Son pequenas tiradas en branco e negro, xa que as postais en cores non chegarían ata os anos cincuenta, polo que podemos deducir que a edición desta imaxe, que ten a curiosidade de que aparece a Capela do Portal cós muros encintados de cal, debe ser de finais da década dos trinta ou de principios dos anos corenta.
Por outra banda penso que a aplicación da cal nos muros da vila foi por causa dunha epidemia, como se pode observar noutras fotografías antigas, polo que pode que esta foto se sacase moito tempo antes. O que non son capaz de dicir é canto. Xente nacida nos anos trinta non lembra esta imaxe, pero si recorda que lle contaron os seus pais que case todo o barrio xudeo estaba encalado por cuestións de salubridade.
¿Podería ser despois da gripe do ano 1918? Si fora así, esta sería o aspecto da Capela a principios dos anos vinte.

jueves, 28 de octubre de 2010

Foise un amigo

Permitídime que hoxe Maquiáns se poña de loito, e cambie a súa liña habitual, para facer una pequena lembranza deste amigo, pequeno de estatura pero cun corazón ben grande.
De neno compartín con el episodios inesquecibles de caza, que era a súa grande paixón, e pouco a pouco foise creando un vínculo moi especial entre nós, que o tempo e a distancia foi incapaz de borrar.
Lembro que entre outras cousas, foi el quen me deu a coñecer a Delibes, prestándome os seus libros, e mirade por onde, vaise case canda el. Seguramente nestes momentos andarán os dous, escopeta en man, detrás dun bando de perdices.
Sempre que ía a vila o buscaba, e ó vérme emocionábase moito e se me queixabase das pernas. E eu lle retrucaba que xa non era un mozo, e que onde estaba ese ánimo e esa alegría que sempre contaxiaba.
Vaise un home bó, unha boa persona. O meu máis sentido pésame á súa viúva e ós seus fillos.
Braulio, descansa en paz, e que a terra che sexa leve.


miércoles, 27 de octubre de 2010

No ano 1978

Aínda que esta imaxe é bastante recente, penso que vale a pena colocala en Maquiáns xa que polo menos a min me trae moi bós recordos dos tempos nos que se xogaba ó baloncesto na cancha que había no Castelo.
Está feita no ano 1978, pero non sei onde. O que aparece agachado, é o dono desta foto, Miguel López Álvarez a quen dende aquí lle expreso as miñas grazas por facerme chegar algunha das súas xoiñas.
O da esquerda coa camisa a cadros non sei quen é, pero o do medio é Cuiñas, e o da dereita Rivera, e detrás aparece o fabuloso Austin Victoria de cor vermello que tiña Miguel daquela, có que fixemos algunha que outra excursión, sobre todo relacionadas con temas de desplazamentos deportivos.
O que lle tocaba ir detrás del ía aviado, xa que a corpulencia de Miguel facía case imposible que alguén fose no asento de detrás do conductor, pero eramos xóvenes e ...¡Non había dolor!




martes, 26 de octubre de 2010

Algúns compoñentes da "Lira"

Outra foto moi interesante que nos envía Canedo. Trátase dunha imaxe que se sacaron algúns dos componentes da banda de música "A Lira", a título persoal, despois da homenaxe que se lle fixo nos anos sesenta a D. Pedro Orovio.
A imaxe oficial, de todo o grupo que participou nesta reunión, xa a puxemos fai tempo, pero si a queredes recordar, podédelo facer premendo neste enlace.
Nesta aparecen entre outros Olegario "O virulilla", Raimundo e Arturo "Peteira", Celso "O Queixeiro" a quen por certo vexo moito por Vigo, e o sogro de Canedo "O Carballal".
O interesante sería que entre todos lles foramos poñendo a cada quen o seu nome.



lunes, 25 de octubre de 2010

O viño novo

Esta instantánea é moi fermosa, parece feita por un gran profesional. E que dicir do noso protagonista de hoxe, de Quico "Floravia". Parece aquí un daqueles actores das películas americanas de éxito que se proxectaban nos cines da vila. O único que desentona é o decorado, pero tedes que pensar que estamos na taberna do Papuxa a finais dos anos cincoenta, e ese pipotiño tenvos tódala pinta de conter algo moi especial. Xa sabedes o refrán aquel que falaba dos frascos pequenos... E senón mirade a cara de pillo que pon cando cando abre a billa.
A foto é propiedade de Mª José Bouzas.


domingo, 24 de octubre de 2010

San Xoán por Couto

Outro estupendo debuxo que nos envía Francisco Couto Gulín. Esta vez nos amosa unha parte da traseira da igrexa románica de San Xoán, concretamente do ábside, dende un punto de vista situado no fondo das escaleira que unen a rúa Xuíz Viñas coa de Cervantes.

viernes, 22 de octubre de 2010

Outra foto nos "Jardinillos"

Seguimos con esta imaxe a longa serie de fotos feitas nos "Jardinillos" lugar que estaba de moda en décadas pasadas, e a onde se dirixían moitos dos nosos veciños a pasar as tardes de estío.
De esta volta poñemos unha propiedade de Carmela Dávila na que aparecen Rita Pousa, Emilia Pousa e Milagros Tesouro, acompañadas dun neno que case se esconde, como elas, na vexetacións dos xardíns.
Detrás, de fondo vese o monte de Santa Marta, e as copas das árbores do Campo da Feira, que daquela aínda non medraran moito.


jueves, 21 de octubre de 2010

A fonte de San Martiño

Esta imaxen que amosamos hoxe, xunto con outras dúas que poremos máis adiante, son cortesía do noso amigo Anxelis do blog "Ourense no tempo". Segundo me conta, pertencen a "Colección Loty", da que era dono un francés que se chamaba Justin Marie Charles Alberty Jeanneret e do que xa publicamos algunha postal como a que podedes ver premendo aquí.
A verdade é que este home era o copropietario da Editorial en compaña da súa muller Concepción López, e de ahí é de onde ven o nome de Loty, da unión da primeira sílaba do apellido dela e da última do del.
O portugués Antonio Passaporte foi o que fixo a maioría dos traballos desta editorial, polo que é bastante posible que fora el o que pasou por aquí e retratou os monumentos da nosa vila.
A datación exacta destas fotos é complexa, pero sin lugar a dúbidas podémola situar antes da guerra civil, quizais na década dos vinte, xa que na guerra pérdeselle a pista ó francés, e só queda A. Passaporte ó frente da editorial, ata que se alista nas Brigadas Internacionais onde fai excelentes reportaxes, e retorna a Portugal onde morre no ano 1983.

Foi por casualidade cando nos anos 90 se descubriu nun edificio madrileño unha chea de material fotográfico moi documentado, que resultou ser un auténtico descubremento para a historia da fotografía. O legado de Loty está composto por máis de 12.000 imáxenes, que conforman un completo arquivo de edificios civís, relixiosos, e de esceas cotidianas de España, Portugal, Arxentina, Italia, Brasil, e o Norte de África.
Os fotógrafos desta firma captaron as vistas máis bonitas e interesantes de moitísimos lugares, e hoxe conforman un magnífico arquivo que é propiedade do ministerio de Cultura.


Este que vedes embaixo é Justin Marie Charles Alberty Jeanneret. o dono de "Loty".

E este é Antonio Passaporte, o fotógrafo.

miércoles, 20 de octubre de 2010

Outra panorámica de Leiro

Como lle estamos a dar un repaso fotográfico a esta vila non podía deixar de poñer estoutra foto na que se ve a vila dende a outra banda do río Avia.
Non sei en que ano se faría, pero podemos ver como na curva que fai o río, xusto debaixo da vila hai unha chea de árbores, mentres que á dereita hai unha o espazo baleiro, sen vexetación que é o que hoxe cubre o Salgueiral, e onde se sitúa o Camping.


martes, 19 de octubre de 2010

A cooperativa de Leiro

Esta que aquí vedes foi a primeira Cooperativa de Galicia. Fundouse no ano 1952, e inaugurouse ó ano seguinte. Contaba entón con 260 socios, que garantiron cós seus bens os máis de tres millóns de pesetas que custou daquela.
Está situada á entrada do pobo, na marxe dereita da estrada que unía Ribadavia có Carballiño e Cea, e contaba con 56 tinos de formigón armado cunha capacidade aproximada do millón de litros, aínda que pensaban construir 34 máis para superar o millón seiscentos mil litros.
Xa sabedes que no ano 1968 fusionouse coa de Valdepereira, e supoño que esta foto será de un pouco antes.



lunes, 18 de octubre de 2010

Outra vez os "Nuevos Ritmos"

Como estes días se me deu por poñer cousas de Leiro, e como xa puxen tamen en días pasados fotos da orquesta "Nuevos Ritmos" cuios seus fundadores eran de alí, hoxe poño esta postal que atopei tamén nun portal de ventas a coleccionistas. Non é que teña moita calidade pero penso que merece a pena ver como se publicitaba este grupo que no seu longo percorido ( xa existía nos anos corenta) chegou a ser un dos máis solicitados, e dos que máis tirón tiña nas festas de Galicia.



domingo, 17 de octubre de 2010

O Avia por Leiro

Esta é unha postal destas que está a venda por ahí, en Internet. Supoño que será dos anos sesenta, e nela vemos a Ponte da Esperela, que como sabedes unía Ribadavia có Carballiño. Moitas veces ó longo das nosas vidas o cruzamos, ata que a nova estrada o deixou un pouco afastado. Mais lembro que para moitos de nós cando eramos cativos e andabamos coas nosas bicicletas era coma un límite, poucas veces iamos máis alá. O motivo era ben sinxelo: a costa do Barón metía medo. Ata Leiro todo ía ben, o terreo era nivelado, pero pasar de ahí era só para os bós ciclistas, e eu a verdade nunca o fun.
O que non teño moi claro é dende onde está sacada a foto, si dende Gomariz ou dende Leiro, aínda que a primeira opción tira máis que a segunda.




viernes, 15 de octubre de 2010

A Festa da Flor

Seguimos con Leiro, cós seus arredores, e coa Sta. Anderson, que retrata esta vez a Festa da Flor, en San Clodio. A foto está datada o día 7 de Xuño do ano 1925, e polo que eu recoñezo, o que aparece na foto é a praciña que hai diante do Mosteiro, onde seguramente algún de vós, nun deses soportais, tomou algún viño e algo de munición para aguantar a xornada.
Eu non vós estou moi posto nesto das festas. Lembro só a de San Pedro en Leiro, polo que non teño nin idea si se segue a celebrar esta festa, se é que mudou de nome, ou foi unha de tantas que caíu no pozo da memoria.





jueves, 14 de octubre de 2010

Leiro segundo a Sta. Anderson

Como podedes ver a Sta. Ruth Matilda Anderson tamén fotografiou Leiro, e aquí vemos unha excelente panorámica de como era esta veciña vila nos anos vinte dende a estrada de Osebe.
Na marxe esquerda do Avia, onde ahora está o Camping e o Salgueiral non había nada, só un gran campo que supoño eu que sería inundado polas cheas do inverno. E por suposto non existía daquela a ponte colgante que une as dúas beiras do río. O que si vemos ó fondo é a ponte das Poldras que penso non debeu de mudar moito neste tempo.
O que me parece é que Leiro debeu de medrar moito cara a esta banda da foto. Dame esa sensación pola referencia da curva do río, e polas árbores que están nas insuas da presa, onde hoxe estaría situada a ponte colgante.
En fin, non sei si me explico, parece como si o núcleo urban antigo estivera basculado máis cara a Ribadavia do que hoxe o está.


miércoles, 13 de octubre de 2010

Nos Escobetes

Nesta foto que nos manda Francisco Couto aparece á esquerda, de pé ,a nai de Francisco, Antonia Gulín. No centro, sentada, a súa avoa Luisa Pérez. E á dereita a súa tía Luisa, que é a máis pequena, e está sentada no colo da súa nai, ou sexa da avoa de Francisco.
A avoa Luisa era a muller de Braulio Gulín, que tocaba o trombón na Lira, e do que xa publicamos unha foto de estudio no que aparecía uniformado e co seu instrumento ao seu lado.(Podédela ver pulsando aquí)

Francisco nos conta que a súa nai Antonia naceu no ano 1921, e pola idade que aparenta na foto, poderiamos datala cara ó ano 1928 máis ou menos.

Como algúns de vos recoñeceredes, a instantanea está feita nos Escobetes, coa muralla do Castelo detrás, xa que era alí onde tiñan a súa casa antes de irse a vivir xunto á Praza Maior.



martes, 12 de octubre de 2010

Na fonte dos "Jardinillos"

Foto feita no ano 1958 na que podemos ver á pequena María Arocas na fonte dos "Jardinillos", que como se ve, tiña moito tirón nesa época como lugar de esparcemento e ocio dos veciños ribadavienses.
Está acompañada pola súa nai Pepita.



lunes, 11 de octubre de 2010

O Castelo por Couto

Outro deses fermosos debuxos que nos envía Couto, e que amosan a súa propia visión dalgúns elementos arquitectónicos senlleiros da nosa vila, e que estamos a compartir con vós. Non fai falta dicir que é, penso que de sobra o coñecemos todos. Disfrutádeo.



domingo, 10 de octubre de 2010

Os Canitrot en 1913

Neste retrato de estudio vemos a Dominica Méndez Fernández, que está no medio sentada nunha cadeira rodeada polos seus tres fillos: Josefa, Otilia y Antonio Canitrot Méndez. O envío é cortesía de Antonio Canitrot Gómez, e supoño que o rapaz debe de ser o seu pai cando aínda era un picariño. Segundo me comenta está feita no ano 1913.







viernes, 8 de octubre de 2010

Ollando as tolvas

Esta foto que nos cedeu Mª José Bouzas debe de ser dunha serie que se fixo cando a inauguración da Cooperativa do Ribeiro.
Nela, que eu saiba, aparecen amais do Gobernador Civil Sr. López Ramón, Jaime Dávila eVictor López Quijada ollando a zona das tolvas, que é onde se recepcionaba a uva, e onde algúns colegas e máis eu traballamos durante varias campañas das vendimas a principios dos oitenta tomando o grao do mosto.

jueves, 7 de octubre de 2010

Dándolle á prensa

Un foto ben fermosa dunha das tarefas das que vimos falando, e que xa case non se ven polas rúas da vila.
Supoño que vós daredes conta se quen son e onde están. Efectivamente o que lle está a dar á prensa e Julio Neira, "O Mexicano" que xa apareceu varias veces nestas páxinas. Ós demais non os coñezo, pero de seguro que vós si, e deixaredes algunha información cós vosos comentarios.
A foto que debe de ser de finais dos anos 60, está feita nos soportais da praza de García Boente, nos que tiña a tenda o Leopoldo, o municipal, e a súa muller Julia, que é esa porta metálica que se ve xusto detrás.
Supoño que un dos protagonistas é o dono da prensa itinerante, que como podedes ver leva rodas para poder levala dun sitio a outro, alí onde necesitasen dos seus servicios.


miércoles, 6 de octubre de 2010

Có bagaño a voltas

Teño que darlle as grazas a Canedo por deixarnos ver esta estampa de fai tantos anos. Esta, como outra que puxemos fai uns días, tamén é das vendimas do ano 1962, en Francelos, na adega do seu sogro, "O Carballal".
Están a descargar o bagaño da prensa, e como vedes se traballa arreo. Son tres homes os que fan esta labor, pero seguro que haberá algún máis por ali.
Cando a uva está ben compactada pola prensa hai que darlle duro ó sacho para poder sacala, acababas derreado, e xa non vos conto o que é facer este traballo nas grandes adegas. O bagaño entraba mediante unha cinta transportadora nos silos que o ían a almacenar ata que se fixera o augardente, e nós, cuns sachos, tiñamos que ir esparexendo, pisando e acomodando en toda a superficie do silo para que entrase máis. A operación faciamola cuns potentes ventiladores que renovaban o aire, senón alí non aguantabas nin un cuarto de hora. Só recordo que acababas esfolado. Nunha das adegas, cuio nome non ven ó caso, con dezasete anos aguantei tres días. Era doce ou máis horas cada xornada dándolle ó sacho.
Era un traballo penoso e mal pagado. Supoño que alguén debeu de influir por detrás, para que soubese o que era traballar.



martes, 5 de octubre de 2010

O viño da prensa

Seguimos coas imaxes relacionadas có viño, e como non podía ser doutra maneira, hoxe poñemos unha foto do traballo coa prensa, na que ollamos como se facía o trasvase do viño dende esta última ó pipote.
Cando me fixo ben nesta foto caio na conta de como pasa o tempo e como evoluciona a técnica. Fixádevos en que todo o traballo que están a facer é manual, dende a recollida do mosto da barcaleta por medio dunha xarra, rompendose o lombo, ata a súa introducción na cuba suxeitando a garrafa en peso.
A única axuda que tiña este home, que penso debía de ter pouca estatura, é un pequeno poio sobre o que se sube cós pés, para así poder alzarse con máis comodidade sobre o funil que encarrila o viño nas entrañas da cuba.
Do funil non vos digo nada, non teño palabras para describilo. Xa non existen.




lunes, 4 de octubre de 2010

O traballo ben feito

Sonvos días de vendima e de moito traballo, pero como amosa esta foto que nos envía Juan José González Canedo, as vendimas tamén eran días de festa e de celebración polo traballo ben feito. Toda a familia e incluso os amigos botaban unha man. Senón mirade que felices están todos nesta foto, feita no mes de Setembro do ano 1962 en Francelos, dediante da adega do sogro de Canedo, do Carballal. Mirade como o celebran, elas posando cós seus moñicos de vendimadoras, e eles cós seus molidos de carexóns, e cunhas xarras de viño. Cansos, mais felices e contenos por rematar o traballo.

Como dicía sempre o meu avó cun grande sorriso cando entraba o derradeiro cangallo no pipote. "Xa esta na cuba". Máis que un sorriso era un aceno nervioso, como de de tranquilidade, como de sacarse un grande peso do lombo.



domingo, 3 de octubre de 2010

A descarga da tinta

Outra imaxen en cores datada a finais da década dos sesenta, na que se ve con claridade como se transportaban antigamente as uvas na tina do carro ata adega.
Non foi ata o ano 1968, cando tras unha xuntanza na Cooperativa, os colleiteiros empezaron a utilizar masivamente os sacos de plástico nas vendimas, abandoando para sempre ós culeiros e as tinas dos carros. Os campesiños galegos, que sempre foron tan tan reacios ós cambios e ás modernidades, parvos non son, e abrazaron a nova "relixión do plástico" porque todo eran vantaxes e comodidades, aínda que logo se demostrara o contrario.

Cós sacos os nosos paisanos, mataban varios paxaros dun tiro, por unha banda evitaban a compra de culeiros e moñicos, e por outra non tiñan que facer pesados trasvases dende as tinas dos carros ás muegas en barcaletas, amais da bondade do seu transporte.

Os carros, debido á mellora dos medios de transporte, foron tamén enmudecendo para sempre das nosas corredoiras e a calma e a lentitude foi mudando en velocidade e presas.

viernes, 1 de octubre de 2010

Traspaso de poderes

Seguimos con esta serie de fotografias adicadas ás vendimas, e neste caso, e nunca mellor dito, estamos a ollar un "traspaso de poderes" entre dous carrexóns. Unha labor de equipo, xa que entre eles formaban unha cadea pola que ían pasando os culeiros, ata chegar ó derradeiro home, que era o encargado de elevar a carga pola escada que se apoiaba no ventre da cuba, e verquela na muega da adega onde serían trituradas pola máquinas, ou pisadas polos pisóns.

Temos que dicir que os culeiros estaban feitos por láminas de madeira de castiñeiro entrelazadas entre si, e que cando se cargaban ben, o seu peso podía chegar ós oitenta quilogramos, polo que andar con eles..¡Era para homes!





jueves, 30 de septiembre de 2010

Carrexón

Fermoso posado dun carrexón có culeiro cheo de tinto e o molido ó lombo, exactamente na rúa de San martiño da vila, diante da tenda que penso que era da "Contempala" (corrixídeme se me trabuco) que amosaba un bó surtido de escobas e caixas de galletas Cuétara.
Esta foto supoño que terá bastante relación cunhas que publicamos o ano pasado por estas datas, e que podedes ver pinchando aquí.
Naquela ocasión deixaron algúns comentarios, nos que se falaba de que estas uvas eran para a adega de José Escudero. Si sabedes algo máis, escribideo.




miércoles, 29 de septiembre de 2010

Coa vendima a voltas

Destas fotos si sabemos algo. Que se fixeron nunha viña que hai á esquerda da vía do tren, baixando polo camiño que vai á Barca. A finca en cuestión tiña adega propia, nunha pequena casa, e é alí onde se dirixen estes carrexóns, que saen na foto, á depositar as uvas.
Ó fondo podedes ver o río Miño, e a casa dos barqueiros que estaba ó outro lado do río.




martes, 28 de septiembre de 2010

Vendimando

Seguimos con estas fotos que tiña en reserva, coma un fondo de armario, sobre as vendimas no Ribeiro. Vemos nesta a unha vendimota provista do seu caldeiro ante unha cepa ben cargada de tinto. Como sucede con esta serie de fotos, non sei onde se fixo, pero tampouco tenvos maior importancia, para calqueira lugar onde miredes veremos unha estampa así.



domingo, 26 de septiembre de 2010

Melón

Como podedes ver non me esquencín de D. Francisco Pons Sorolla, o arquitecto que levou a cabo as primeiras actuacións de restauración no casco vello da vila, e hoxe poñemos un plano feito por el do ábside da abadía cisterciense do noso veciño pobo de Melón, onde tamén estivo el dirixindo as obras de acondicionamento máis ou menos na mesma época que as de Ribadavia.
Foi neste mosteiro onde se rodou parte das esceas da pelicula Cotolay no ano 1965. Transformaron a súa fachada na da Catedral de Santiago, mediante uns decorados espectaculares para aquela época, tal como podemos apreciar na segunda foto. Lembro que ata tiveron que intervir os bombeiros de Ourense para facer chuvia artificial que imitase unha treboada. É unha magoa que non conservemos máis documentos gráficos desta rodaxe, tanto de Melón como da nosa vila.


viernes, 24 de septiembre de 2010

Nenas en San Xoan

Estas dúas nenas que traemos hoxe ó blog están fotografiadas na Praza de San Xoan, xusto nos soportais que hai na imprenta do Ribadaviense, e xusto tamén, enfronte de onde vivían.
Son Carmela e Rita Dávila, fotografiadas por Polito, que tiña unha pequeña tenda nun calexón da mesma praza.
Polito, e máis o fillo da farmacéutica eran uns grandes afeccionados á fotografía. Tiñan un pequeno laboratorio, e lles facán moitas fotos a tódolos nenos do barrio. Esta en concreto debe de ser de finais dos anos 60.


Pasaron moitos anos dende aquela, e mirade vós por onde, Carmela está feita unha excelente fotógrafa, que inaugura hoxe mesmo unha exposición adicada ó Ribeiro na Tapería " O Rincón do Viño", na rúa Mera Soto da vila.
Alí estarán colgadas as súas fotos, ata finais de Outubro. Debaixo vós deixo o cartel que anuncia a exposición, e vola recomendo vivamente, ó igual que xa vos recomendei algunha vez visitar o seu fotoblog, ó que podedes acceder pinchando aquí.


jueves, 23 de septiembre de 2010

Outros nenos

Non sei quen son, pero ó mellor algún de vós cae na conta, e nos pode dicir algo. Son xente da vila, ou dos arredores, e non sei que faena fan, supoño que rozar o monte para obter estrume para algunha meda, ou para a cama dalgunha besta, xa que polo que parece, o que portan entre as mans son xestas, pero ide vós a saber...
Non teño máis datos polo que se aceptan todo tipo de suxestións.


martes, 21 de septiembre de 2010

Preparando as cubas

Estamos a piques de comenzar as vendimas, que son o colofón a un ano cheo de traballos e desvelos, a un ano de agarimos ás cepas e ás vides, e que agora, case coa chegada do Outono vai dar os seus froitos.
Para acompañar esta laboura tradicional do noso Ribeiro, irei poñendo neste mes unha serie de fotos, que quizais recoñezades, xa que son as complementarias á serie que puxemos o ano pasado. Aínda que son moi parecidas penso que non repetirei ningunha.
A primeira é esta, que non sei onde está feita. Podería ser en Sampaio, nas Chavolas ou en Francelos. O caso é que as tiña meu pai gardadas, e debeb de estar feitas a finais dos anos sesenta. Acaenos de marabillla para ilustrar as preparacións que se facían antigamente nas adegas do Ribeiro. No mes de Setembro, foras por onde foras, en calqueira recuncho da nosa bisbarra, atopabas esceas coma esta. A xente tratando de poñer todo a punto para a colleita, para o esforzo final. O de facer o viño é outro conto, e virá despois, primeiro hai que meter as uvas nas cubas.




domingo, 19 de septiembre de 2010

Na emigración

Outra excepcional testemuña que nos envía Francisco Couto. Concretamente trátase dunha foto na que aparece xente de Ribadavia que andaba a traballar no extranxeiro, na emigración. Aparece no medio dos cinco Filiberto Soto, que era moi amigo do seu pai, que tamén se chamaba Francisco Couto, e que é o que está situado á súa esquerda. O primeiro pola dereita pensa que pode ser un irmán de Filiberto pero non o pode asegurar. Dos outros dous non se acorda, xa que naqueles tempos el era moi pequeno. De Filiberto acórdase ben, e ten del mois bós recordos, xa que tiña moita relación coa súa familia. A foto está fechada o vintedous de Febreiro de 1956, e está feita en Caracas ( Venezuela) moi preto de onde Filiberto tiña o seu negocio, que era unha xestoría.



viernes, 17 de septiembre de 2010

Un rapaz da vila

Outra desas fermosas fotos coas que nos obsequiou Ruth Matilda Anderson. Neste caso, e segundo o libro da súa exposición, esta foto sacouse en Ribadavia no mes de Xullo do ano 1925. Polo tanto este rapaz, que supoño que debeu de ser veciño noso, hoxe en día, si vivira, tería polo menos uns 95 anos.
Unha das cousas a ter en conta, é o interés desta fotógrafa norteamericana polos costumes dos galegos. Así vemos como o rapaz posa cun "molido"(non sei si se lle chama así). Ese atado feito en palla que usaban para apoiar os culeiros nos ombros, nun mes en que estes elementos estaban gardados nas adegas á espera das vendimas. Non é casualidade a foto, senón que está preparada a conciencia para ensinar a nosa forma de vida naqueles anos.
Non sei quen é o protagonista, nin o lugar concreto onde se fixo. Si tendes algunha idea, comentadea.



miércoles, 15 de septiembre de 2010

¿Coñecedes a alguén máis?

Esta é outra desas maravillas que nos está a enviar Antonio Canitrot. Nun dos seus correos me comenta que esta foto ten tódalas trazas de corresponder a una boda celebrada en Ribadavia, e que está datada no mes de Santos do ano 1925.

Como vedes levou un gran traballo outra vez para numerar os personaxes invitados a esta celebración, pero só é capaz de identificar a seis deles:

Nº9-Ramona Fariña Juste

Nº11-Elisa Gómez Juste

Nº12-Secundino Gómez Juste

Nº18-Amelia Fariña Juste

Nº20-Josefa Gómez Juste

Nº22-Isaura Gómez Juste

Agora é o voso turno. A ver se entre todos somos quen de recoñecer a alguén máis. Esperamos os vosos comentarios.


domingo, 12 de septiembre de 2010

Comenza o curso, e de volta a Tuy

Comeza outra vez o curso, e os que estudiaban naqueles tempos tiñan que facelo fóra da vila, xa que en Ribadavia non había onde facelo.
O que está no medio do quinteto de atrás é Manuel Lage, do que xa puxemos outras fotos, como aquela na que portaba o San Telmo de Tuy nunha procesión. Aquí o temos fotografiado na mesma localidade cuns compañeiros de estudios do Seminario. El nunca rematou os estudios sacerdotais, pero ó mellor algún dos que aparece nesta foto chegou a obispo. Vai ti a saber.




viernes, 10 de septiembre de 2010

A nosa patroa

Hoxe subimos esta foto antiga da Virxe do Portal que nos enviou fai un tempo Carmela Dávila.
Non sei en que ano se sacaría, pero quero que sirva coma unha pequena homenaxe deste blog ó fervor e á devoción que lle amosamos tódolos veciños da vila e do Ribeiro.
Xa sei que xa pasou o día 8, pero máis vale tarde que nunca.
Outro ano máis, por motivos que non veñen ó caso, non poderei estar na vila. Tomade un viño e botade un baile á miña saúde.



miércoles, 8 de septiembre de 2010

Festas do Portal do 1963

A vila arde en festas, e é unha mágoa que non teñamos unha colección cos carteis antigos que as anunciaban ano tras ano. O que si teño son algúns programas de man, dos que penso que xa publicamos algo, e dos que haberá que publicar máis.
De tódolos xeitos, aquí tedes un que atopei en Flickr. É un cartel das Festas do Portal do ano 63 subido por "Bertez" a Internet, ó mesmo que aquel cartel da Orquesta "Novos Ritmos" de Leiro. Supoño que as debe conservar por estar feitas na imprenta Roel da Coruña.
Si sabedes de algunha colección ou de xente que os teña, fotografiadeos e non deixedes que se perdan ou apodrezan nalguha parede, E xa sabedes onde estamos.
Disfrutade das festas.




domingo, 5 de septiembre de 2010

Voda en San Francisco

Esta é unha desas fermosas fotos que tanto vos gustan e que tanto disfrutades, xa que aparece nela moita xente coñecida. Trátase do enlace de Francisco Gómez Juste e Rosa Álvarez González que se celebrou, como podedes comprobar, na Igrexa de San Francisco no ano 1950.

A foto é propiedade de Antonio Canitrot Gómez, que como podedes observar levou moito traballo para tratar de numerar e identificar ós seus protagonistas. De entre tódolos asistentes el identificou ós seguintes:

3-Maruja ¿?

9- Mª del Carmen Martínez Fariña

11-Berta Lemos Rodríguez (nora de Luisa Pérez Gómez)

12-Luisa Pérez Gómez

13-Concepción Morales Gómez

14-Raquel Pérez Gómez

16-Elisa Gómez Juste

17-Angeles Gómez Juste

18-Carmen Juste Pérez- "Palota" (Nai de Carmen)

19-Secundino Fariña Juste- "Machaco"

20-Jesús Gómez Juste "Chicho"

21-Rosa Alvarez Gónzalez (Noiva)

23-Francisco Gómez Juste "Paquito"

24-Benita Gómez Juste

28-Luisa Gómez Juste

30-Josefa Rionegro Fariña "Pepiña"

33-Jesús Pousa Candedo "Chucho"

34-Antonio Canitrot Méndez (home de Elisa Gómez Juste)

36 "O Cachetada" tio de Cesarito, xa que a súa muller era a irmá da nai de Cesarito, Maruja que é a que aparece có nº 3.

38-Cesarito (Capelán castrense residente na Cañiza e fillo de Maruja nº 3)

39-Isolina Rionegro Fariña "Sola"

40-Purificación Escudero Gómez- "Pura"

41-Mª del Carmen Escudero Gómez- "Nisa"

42-Jesús Pousa Gómez- "Chucho" (Falecido)

43-Amelia Martínez Fariña- "Mela"

44-Santiago Oscar Canitrot Gómez (Fillo de Elisa Gómez Juste e Antonio Canitrot Méndez)

45-Antonio Canitrot Gómez (Fillo de Elisa Gómez Juste e Antonio Canitrot Méndez)

46-Leonor Escudero Gómez- "Nora"

A ver si entre todos somos quen de recoñecer á xente que aínda non está identificada, seguro que teredes lembranzas dalgún deles, como me pasa a min có "Cachetada"(disculpade pero non lembro nin o seu nome nin os apelidos), que tiña a barbería na rúa Yáñez, penso que se chamaba "Salón Montevideo". Moitas veces me sentei nunha cadeira que tiña para nenos, era alta e de cor verde. Alí me cortaba o cabelo deixandome unha perreira impecable, case que trazada con tiraliñas, á moda daqueles anos e que hoxe os rapaces rexeitarían totalmente.

E que dicir da Mela da que xa falei noutras ocasións, coa súa tenda a carón da nosa casa. Enfín disfrutade da foto.




miércoles, 1 de septiembre de 2010

O Portal por Couto

Aquí estamos de novo, non pensedes que me esquecín do blog. Voltamos á carga con novas ilusións despois das vacacións estivais, pero terédesme que perdoar, xa que por motivos que non veñen ó caso, non vou poder poñer unha entrada diaria, como teño acostumado. Vai a ser un periodo curto de transición no principio deste mes, ata que todo se vaia normalizando.
Douvos a todos a benvida de novo, e como o mes de Setembro na vila é o mes das Festas do Portal, aproveitamos e poñemos hoxe este debuxo que de un modo moi artístico esboza a capela da nosa Virxe, da nosa Patroa. O autor é o noso colaborador Francisco Couto Gulín, que me envía unha serie de debuxos que reflicten pequenos recunchos e detalles da vila, e que pouco a pouco iredes vendo.
Disculpade e grazas a todos pola vosa fidelidade e paciencia.