jueves, 10 de septiembre de 2009

De troula no Club

Esta foto é espectacular, parece sacada dunha película dos irmáns Marxs, para min é a instantanea perfecta.
Pertence ó legado de Chucho Sánchez e está depositada no Museo, pero hoxe a poño aquí porque aparecen nela tres persoas das que teño grandes recordos.
O primeiro é Argimiro, que foi bedel do Club Artístico durante moitos anos, e que nos aturou un ano tras outro a moitos cativos que por alí pululabamos. Sempre amable e paciente, aínda que ás veces non lle quedaba outra que poñerse serio con nós. Andaba ó quite cando xogabamos ó xadrez e ó billar aportando ideas ou facendonos comentarios para mellorar o noso xogo.
Outro é José Conde, tamén xogador de billar, e gran pasteleiro. As visitas ó seu estabecemento non tiñan desperdicio, cando lembro aquelas "cristinas" de crema e xurovos que me entra a fame.
E por último, Braulio Soto. Braulio é punto e aparte. Gran amigo meu, co que pasei horas e horas, e co que aprendín moitísimas cousas que non se aprenden nin na escola nin nos libros. Amante da natureza, da caza, da pesca, dos cans, aturoume cando aínda era un neno durante moitas cazatas e moitos paseos, e se vós son sinceiro penso que nunca o vin enfadado.
Sei que andas un pouco renqueante Braulio, pero xa sabes amodiño e para adiante. Dende aquí te envío unha forte aperta.
E a vós xa o sabedes, espero os vosos comentarios para identificar os demais compoñentes desta fermosa foto.



1 comentario:

  1. Os únicos que coñezo son: A carón de Chucho e vestido de camareiro, Paco Couto, a esquerda de Pepe Conde, a súa dona Isabel, e Braulio coa súa dona Marisa. A moza que está fora da barra diante de Argimiro penso que é Chita a irmá de Paco Couto.
    A foto debe de ser na época en que O Conde era abastecedor do Club Artístico

    ResponderEliminar