lunes, 28 de noviembre de 2011

Postal de S. Francisco

Esta é outra desas postais das que vimos falando estes días. Coma na anterior entrada, nun comentario, o noso amigo Rafa apuntaba si no serían gravados, en vez de fotografías. Eu non vos podo aclarar o asunto, xa que atopeinas á venta por Internet, pero non as merquei, polo que o que estades a ver é a foto, de bastante baixa calidade, que aparecía no anuncio.
Como vedes trátase da mesma serie de E. Canda, e este exemplar en concreto, leva tachada a parte do texto á que me refería eu na entrada anterior: " que es el pueblo", e que baixo o meu punto de vista non tiña moito sentido.
Está sacada como a anterior dende a marxe dereita do Avia, desde algún punto da estrada que une a vila co Carballiño, xa que toda esa parte aínda no estaba edificada, e o único que existía eran todas esas viñas que se ven en primeiro plano.


viernes, 25 de noviembre de 2011

Ribadavia que es el pueblo

Esta é o texto que acompaña estoutra postal de Emilio Canda. A verdade é que non entendo moi ben esta frase, e non sei o que de verdade querería dicir con ela.
O caso é que si nos centramos na foto, que non ten moita resolución, podemos albiscar de lonxe a fisonomía da vila, e os seus arredores.
Vese claramente, como xa comentamos noutras imaxes, o limpiñas que están as marxes do Avia, que parece que vai un pouco seco, pero que amosa o seu amplo cauce invernal estrado de coiñais.
Podédela cotexar con outra, que xa publicamos aquí, da mesma zona, aínda que sacada un pouco máis río abaixo. Penso que si comparamos a envergadura das mesmas árbores, a pesares das distancias, parecen máis pequenas, polo que esta foto debe de ser duns anos antes, quizás de principios do SXX.


miércoles, 23 de noviembre de 2011

Postal da Virxe do Portal

Ando ó rebusco. ¿Lembrades esa palabra? Empregabámola moito daquela. Lembro que cando iamos polas viñas neste tempo, xa ben pasadas as vendimas, resultaba unha ledicia atopabar entre as follas secas das cepas a piques de cair, algún cangallo agochado.
¡Que ben sabían!.
Pois o mesmo me pasa a min agora, o atopar unha serie de tres postais que non coñecía. Trátase duns exemplares editados por Emilio Canda, supoño que a principios do S XX.
Esta, a primeira que vos poño hoxe, é unha foto da nosa patroa, e como podedes ver está seriada co nº 16. Anteriormente puxéramos outra, a nº 13.
É unha magoa que non aparezan máis, mais tempo ó tempo...


lunes, 21 de noviembre de 2011

Outra vez a ponte ferro

Ben se ve que esta vista da ponte era unha das máis empregadas á hora de facer postais da vila. Digo isto polo número que hai delas, e todas distintas. Aínda que case que todas son moi parecidas, deben de ser de épocas diferentes, e todas son distintas entre si. Esta, atopeina fai uns días por casualidade, e cando a ía eliminar por coñecida, chamoume a atención polo pequena que parece a estructura da ponte. Caín polo tanto na conta de que era distinta as outras.
Parece coma se fose máis baixa, e máis alongada. Eu non sei si será pola perspectiva, por como a escanearon, ou si é que algunha vez esta ponte sufríu algunha remodelación que cambiase a súa fisonomía, e da cal eu non vos teño constancia.
O certo é que aquí está, engrosando a lista. Supoño que pertence á colección de Hermenegildo Rodríguez Casas, que como xa sabedes debeu de facerse na segunda década do S. XX.


viernes, 18 de noviembre de 2011

Historia da igrexa de Santiago

Coma esta fin de semana parece que vai chover, e imos ter que quedar na casa a reflexionar, para que vaimos matando o tempo , traemos hoxe a estas páxinas un estudio titulado "La iglesia de Santiago de Ribadavia: noticias históricas", publicado por Ernesto Iglesias Arreida, no nº 4 do ano 1991 da revista "Porta da aira".
Esta publicada online por Dialnet, que é unha fundación que ten unha das maiores hemerotecas científicas, e que depende da Universidade da Rioja.
O mellor é que lle botedes unha ollada, que nunca está de máis saber cousas da nosa vila. Para acceder a el só tedes que premer aquí, e despois pulsar nunhas letriñas pequeniñas de cor vermello, que están na parte da esquerda da páxina, que din: "Texto completo (pdf)".



miércoles, 16 de noviembre de 2011

Ribadavia por Feijóo

Da páxina web "Acuarelas de Galicia de Antonio Feijóo" extraigo esta particular e colorista visión do barrio de San Francisco, dende a beira do Avia. É outra forma de ver a nosa vila, que de sempre foi percorrida pola mirada de moitos artistas, e cada vez máis, segue a atraer a súa atención.


lunes, 14 de noviembre de 2011

Outra postal

Sempre van aparecendo cousas novas pola Rede, e hai uns días déronme o soplo desta postal que non estaba publicada aínda no blog. Trátase da rúa da Pescadería, a principios de século.
Parece que esta rúa, era xunto á de Yáñez, e a praza de San Xoán o "downtown" da vila. A verdade é que a actividade comercial desta zona, debía de estar moi influenciada pola Fonte da Prata, xa que a maioría das edificacións nesta época (principios do século XX) non tiñan auga. A traida fíxose máis tarde, polo que o abastecemento dos veciños dependía unicamente dos pozos particulares, ou das continuas viaxes a fonte, que habitualmente facían os rapaces, como se pode ver na postal.
Esta imaxen da xente cos cántaros na cabeza xa desapareceu, hoxe en día non se ve a case ninguén cargando as cousas deste xeito, cando uns anos atrás, e non hai que ir moi lonxe, era unha imaxe típica de Galicia.
O que non é nada visto, é o que vin o outro día, e que me chamou poderosamente a atención. Circulaba eu por unha estrada do Val Miñor, cando vin ó lonxe a un velliño cargando dous baldes de auga bastante grandes, un a cada lado do corpo, pendurados por cordas dunha estaca que levaba atravesada sobre os seus ombros. Era a primeira vez que vía a un galego carrexar cousas así, como facían os chineses que viamos nas estampiñas do Domund que nos repartían na escola. Tanto me sorprendeu, que reducín a velocidade, e pasei amodiño ó seu carón, para observalo ben. O velliño, xirouse, miroume en fite, e ó ver a miña sorpresa, sorriume educadamente, agachándo a cabeza a modo de saúdo, mentres seguia camiñando pola estrada desequilibrado pola pesada carga.
Era un xenuíno chinés, ou alo menos, iso me pareceu a min, que non son quen de discernir a que país oriental pertencen os da raza amarela e os ollos rasgados.
Xa me chocaba moito a min que un galego andivese así polas estradas, e máis nestes tempos.






viernes, 11 de noviembre de 2011

Entrega de premios

Esta é a derradeira foto da serie que nos enviou Cuco, e como podedes ver, correspóndese co momento de entregarlle os premios ós nadadores.
O acto celebrouse mesmo a continuación das probas. Fixádevos en que aínda lle corren as pingas de auga pola faciana ó nadadordor que recolle a copa, que non sei quen é, ó igual que tampouco recoñezo á guapa rapaza que llo entrega.

A multitude arremuíñase para ver ós vencedores, e de entre todos eles podo identificar ó pai do "Agapito", o que tiña o establecemento de tecidos na rúa do Progreso, entre a tenda dos Matos e a do "Avelino". Só se lle ve a cabeza, e está situado á esquerda da columna da cantina que se ve ó fondo.
Tamén penso que o rapaz que asoma a cabeza por detrás das copas, como facéndose sitio, é Antonio Padrón, o fillo de Tucho "O Practicante". Á súa dereita está un rapaz con papeis nas mans, como actuando de secretario ou presentador, que tampouco coñezo; pero xusto a dereita, hai unha fermosa rapaciña sentada cun vestido de cor branco, é Marisa Sánchez, filla de Carlos Sánchez o boticario da vila.

Só me resta darlle as grazas a C.G.S. por esta srie de fotos, e pedirvos que por medio dos comentarios nos informedes de quen son os que aparecen nas fotos.


miércoles, 9 de noviembre de 2011

Natacion no Castelo

Fermosa instantánea feita por Cuco Gómez, que chega a nós, por medio de C.G.S., quen nos asegura que é da mesma época das que puxemos estes días atrás.
Como podemos ver, as instalacións deportivas daban moito xogo, e senón fixádevos na espectación que levanta esta competición de natación de carácter doméstico, ó igual que o resto de partidos de baloncesto e balonmán que se celebrabam nas pistas de abaixo dese mesmo recinto, e das que non teño ningunha foto que poder ensinarvos.
Penso que durante moitos anos, se fixo esta competición de natación, e mesmo eu, participei nalgunha, pero anos máis tarde, cara a mediados dos setenta. Senón recordo mal, quedei segundo nunha delas, por detrás do "O Galo" (José Alberto Sánchez Moreno), o fillo de Castor, gran nadador, e gran amigo, a quen lle mando un afectuoso saúdo, xa que teño constancia de que nos segue desde o Brasil, onde reside desde fai tempo.
Eu, aínda é hoxe o día que, sigo pensando que perdín aquela competición por mor de que na saida se me baixou o bañador, e tiven que facer unha pequena paradiña para subilo, un instante perdido imposible de recuperar en distancias tan curtas, xa que, se non lembro mal, só se facían tiradas de cincoenta metros, ou sexa dous largos á piscina.
Quizás os meus recordos estean trabucados debido ó paso dos anos, pero non me gustaría acabar hoxe esta entrada sen expoñervos unha dúbida que me plantexa esta imaxe.
Por unha banda recoñezo perfectamente a algúns dos adultos da foto. A Jaime Dávila, Eloy Soto, Tirso Casasnovas, Leopoldo "O Municipal"; pero non son quen de identificar nin ós rapaces que asisten como espectadores, nin ós nadadores. E sobre todo a un rapaz que aparece no medio da foto, de pé, con camisa de cadros e pantalón longo de cor claro, coas máns nos petos. ¿Quen pensades que pode ser?
¡Axudádeme!.


lunes, 7 de noviembre de 2011

O sair de clase

Hai días en que un recibe agradables sorpresas coma estas que poñemos hoxe, e que envía C.G.S. A satisfacción que iso produce, axuda a seguir tirando deste carro.
Esta foto pertence á mesma serie que comenzamos o outro día coa foto da piscina, polo que agora, ó ver caras coñecidas será mais fácil poñerlle as datas.
Penso que varias veces falara de cando ó sairmos do antiguo Grupo Escolar, que estaba situado por riba da Alameda, corriamos coma galgos para chegar os primeiros ó deposito dos Rusos e así poder coller os sinais de "stop" que alí se gardaban, para poder parar o trafego que circulaba pola rúa do Progreso, que daquela era, coma todos sabedes, a estrada Villacastín Vigo.
Poder poñerse de diante dos automóbiles, e paralos, enchíanos de orgullo, era como unha pequena mostra de autoridade e de poder para un rapaz que apenas cumplira os dez anos. Senón mirade a cara de fachenda que pon o rapaz que porta o sinal.
Eu , se vós son sinceiro poucas veces tiven a honra de coller esa ferramenta de mando. O meu nunca foi o atletismo. Iso estaba reservado para os bós corredores do entorno da Praza e do Barrio Xudeu, que eramos os que os que desfogabamos por esa ruta cara a casa, onde nos esperaba a comida ou merenda, poño por caso, segundo fora pola manán ou pola tarde. Xa que esta escea se repetía todos os días á unha do mediodía, e ás cinco da tarde.
Pero a cousa non quedaba aí, os que non eramos quen de dirixir o trafego, seguiamos en veloz carreira ata a Praza Maior, onde se atopaba a teórica meta, o que xenerou algún que outro pequeno accidente nas dúas curvas que levan alí.
Eu aquí non quero dar nomes, pero máis de un pasou por derriba do capó dalgún automóbil, ou quedou deitado derriba del, ó atoparse de supeto co vehiculo que viña en dirección ascendente no medio da curva. Enfín, cousas de rapaces, que nunca foron a maiores, xa que daquela o parque móbil da vila era escaso, e de pouca cilindrada.
Eu só recoñezo con claridade ó "Pepe da Portanova", pero espero que vós por medio dos comentarios lle poñades nomes ás caras, e deades algunha indicación exacta do ano en que Cuco Gómez sacou estas fotos.



viernes, 4 de noviembre de 2011

A morte da piscina

Esta foto debe ser de finais dos anos sesenta e amosa ben ás claras o estado desta instalación ós poucos anos da súa inauguración, que como sabedes foi no ano 1963.
O fondo do vaso escomenzou a agretarse, e a piscina perdía auga, o que obligou, poucos anos despois, a facer un reparación consistente en cubrir as baldosas coas que estaba alicatada, cunha capa de poliéster reforzado con fibra de vidro de cor azul.
Senón recordo mal, e para iso estades vós, esa obra, que debeu de custar moitos cartos, durou ben pouco, xa que uns vándalos durante un inverno, cando estaba baleira, adicáronse a botarlle grandes pedras da muralla, o que rachou o entramado de poliester. Por si eso fora pouco, metéronse dentro, e foron arrincando ós poucos, grandes planchas de poliéster, estragando toda a reparación, e dándolle a puntilla definitiva a este lugar de ocio do que disfrutamos moitos ribadavienses.
Supoño que daquela, a utilización deste novo material non era muy usual, e debía de ser bastante caro, polo que volver a forrala debía de exceder o presuposto da corporación municipal, que a deixou morrer.
A datación desta imaxe ven dada por un grupo de fotos que acabo de recibir, e que constituiron para min unha agradable sorpresa. Pero tempo ó tempo. Xa volas irei poñendo nestes vindeiro días. Nelas veredes caras coñecidas que axudarán a situalas mellor no tempo.
Moitas grazas a Cuco Gómez Vázquez por sacar estas fotos naqueles tempos, e a C.G.S. por o esforzo de recuperalas, enviarmas, e recuperar toda a información relativa a elas.


miércoles, 2 de noviembre de 2011

Foi voando

¿Preguntarédesvos que lle pasa a este hoxe coa aviación?. Pois nada, simplemente que hoxe vos presento un billete de avión. Pero no é un billete calqueira, é o billete de avión co que Francisco Couto Touza comenzou a súa aventura na emigración. O billete que o levou a Venezuela, na procura dunha vida mellor o día 1 de Abril do ano 1950.
Como de seguro sabedes por outras entradas anteriores, el fixera o servicio militar por aviación en Cuatro Vientos, de ahí supoñemos que lle veu a estima que lle colleu á aviación, polo que decidiu facer a viaxe neste medio de transporte.
Daquela eran moi poucos os elexidos que podían ver a terra dende o aire, e a maioria dos nosos compatriotas, cando se dirixían ó pais sudamericano non lles quedaba máis remedio que pasar unha ducia de xornadas trouxando pola borda do "Begoña" ou do "Santa María" que eran os barcos facían a ruta trasatlántica ó porto da Guaira.
Por todo isto, este documento que nos envía o seu fillo Francisco, é tan curioso. Nel podemos ver, desde o importe da pasaxe, que ascendía a 10.882,75 pesetas, que daquela debía de ser unha verdadeira fortuna, ó peso da equipaxe que levaba, 30 Kg.
Na dianteira do billete hai anotado a lápis "82 Kg". Despois de darlle voltas ó asunto, caín na conta que ese era o seu peso, este dato, de seguro que era moi importante naqueles tempos, para calcular o peso que ía levar o avión.
Polas noticias que teño, esta compañía "Aerovías Venezuela Europa" operou moi pouco tempo, cun cuatrimotor DC-4, facendo a sú viaxe inaugural en Xaneiro do ano 1950. O voó duraba 26 horas, xa que facían escala en Lisboa, Azores e Bermudas. Despois de aterrar en Madrid, aínda seguían viaxe ata Paris e Roma. ¡Toda unha aventura!
Acompaño o ticket cunha imaxe na que se anunciaba esta compañía en Venezuela, e unha foto dun avíón similar ó que empregou, xa que non fun quen de atopar unha desa liña.
Por certo, Francisco apúntame tamén a curiosa coincidencia do logotipo desta liña aérea, coa do noso tren de alta velocidade (AVE) que algún día destes chegará á nosa terra.
Como, e que rápido mudan os tempos.



lunes, 31 de octubre de 2011

¡Parou!

A xente que visita a vila, e sobre todo, a que disfruta dun lento deambular por entre as vellas pedras do Barrio Xudeu, sentíase sempre ben acompañada no seu paseo polas badaladas do reloxio da torre do Concello. Cada hora, e cada media, os veciños e os visitantes escoitaba de fondo ese son lene e inconfundible que marca a diferencia entre unha vida tranquila na vila, e o balbordo da cidade.
Agora xa non soa, dixéronme que o reloxio xa no dá as horas, nin a medias, detívose. E esperemos que non sexa para sempre.
Xa sei que corren malos tempos, que a crise apreta, que Javier "O Ferreiro" está xubilado e xa non pode reparalo, pero non deixemos que este vello aparello que durante tanto tempo marcou a vida na vila esmoreza para sempre.



viernes, 28 de octubre de 2011

Infografía do Castelo

Acabo de atopar este video na páxina de "Revives". Trátase dunha recreación infográfica do Castelo dos Sarmiento.
Chamoume a atención polo novedoso do asunto, xa que, sabía que existían cousas deste estilo, pero dos grandes monumentos artísticos do mundo, e nunca pensei que se fixese algo así sobre a nosa vila.
Aproveito tamén para felicitar e darlle as grazas ós autores deste fenomenal traballo, que sen ninguha dúbida, axudará a poñer aínda máis en valor o noso patrimonio artístico. Son o profesor Miguel Taín, e os arquitectos Miguel Ángel Calvo Salve, e Mª Jesús Blanco.
Por outra banda sinalar que os autores das investigacións históricas que fixeron posible este traballo son:
David Chao Castro na época medieval. María José Villar na idade moderna, e Sagrario Abelleira Méndez que se ocupou da época contemporánea.
Que o disfrutedes.


jueves, 27 de octubre de 2011

Gaiteiros

O outro día atopei esta foto na páxina web do "Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego", e ó seu pé estaba escrito o seguinte: "Gaiteiros na procesión do San Antón en Ribadavia, Ourense. Fondo fotográfico Antón Méndez Gándara.
A verdade é que a imaxe está un pouco borrosa, pero aínda así, se recoñece perfectamente a Ponte de San Francisco, xa que parece feita dende o alto das escaleiras polas que se accede á igrexa dos frades.
Supoño que a sacaron un 13 de Xuño, o que non sei é de que ano, cando a procesión viña de volta para recollerse en San Francisco, rodeada, como non ía ser doutra maneira, dos nenos con flores como segue a ser o costume.
Descoñezo quen son os gaiteiros, que nese intre van silandeiros, xa que o do bombo, e o da caixa levan os instrumentos recollidos.
Quizás algún de vós, sobre todo os do barrio, poidades dar información sobre quen é ese frade que dirixe ós monaguillos.
¿Non sería o "Padre Camilo"?, que tan bó recordo deixou na vila.


lunes, 24 de octubre de 2011

A primeira Feira do Viño

Esta seica é a portada do programa de man da "1ª Feria Exposición de Vinos del Ribero". Aparece publicada no Facebook do Museo Etnolóxico da vila, a onde podedes acceder premendo neste enlace.
Eu non sei se o coñeciades, pero penso que ven ás mil marabillas, a súa publicación xa que tempo atrás publicara no blog os da segunda, e o da terceira feira.
Por outra banda, xa me gustaría a min poder publicar os carteis de tódalas festas de Ribadavia ó longo dos anos, tanto os das Feiras do Viño, como das do Portal.
Lembro algúns moi fermosos que empapelaban as paredes do forno do meu avó, e que xa se perderon. E agora que falo disto, e aínda que a dúbida me invade, penso que algún ía firmado polo meu pai.


viernes, 21 de octubre de 2011

Gaseosas

Eu non sei si vós tendes a mesma sensación que teño eu, pero penso que hoxe en día non se consume tanta gaseosa como se consumía antes. Recordo que en Ribadavia sempre houbo ó longo do tempo algunha fábrica de gaseosas, e nas casas, a xente sempre tiña algunha botella ben fresquiña, quizás para alixeirar un pouco o alcol do viño, ou restarlle un pouco de acedume.
En todo caso, eu sempre lembrei os refrescantes do Xouba, os do Neira, e os do Mexicano, do que puxemos xa neste blog algunha foto da súa fábrica .
Como en Internet se atopa de todo, e tamén hai xente que colecciona de todo, hoxe traemos unhas fotos de envases de gaseosas da vila e de Francelos.
Eu nunca ouvira falar das marcas "E-V-CH", que supoño será a mesma que a do sifón "Eulogio Veloso", e a da chapa que aparece máis abaixo; nin da marca "M. Gómez".
A mágoa é non ter unha foto dalgún envase do Mexicano, para completar o lote.
Si sabedes algo máis da historia das gaseosas ribadavienses, deixade un comentario.









miércoles, 19 de octubre de 2011

O grao

Este era o choio polo que pasabamos todos os traballadores temporais nas campañas das vendimas da Cooperativa. Era o primeiro labor que tiñamos que facer, ou mellor dito, que ías aprendendo a facer, xa que os primeiros días, os novatos o único que facían era subir ós camións e coller as mostras de uvas que se ían esmagar.
O traballo era doado. Ti subías ó camión armado con caldeiros e unha pala, para tratar de apañar unha mostra, "chamemoslle de tipo medio" das uvas que se ían a descargar na tolva, e aí era onde á veces comenzaban os problemas, xa que os propietarios das uvas tentaban dirixirte para que escolleses as máis maduras e sans, cousa que tropezaba frontalmente coas ordes que nós tiñamos da superioridade de escoller un pouco de todo.
Despois triturabamos as uvas, recolliamos o mosto nuha xarra, e tras colalo, verquíamolo nunha probeta na que introduciamos o mostímetro que indicaba mediante a densidade, os graos Baumé que tiña o mosto.
- ¡Colle esas rapaz!
- ¡De aí, de aí, esas son as boas!.
Esa era a cantinela que escoitabamos todos os días. Pero tamén sabiamos que as mellores uvas as colocaban ben á vista, polo que a nosa obriga era a de remexer un pouco.
Cando as dúas partes non nos púñamos de acordo, era cando tiña que actuar o capataz que supervisaba estas funcións, e normalmente todo se arranxaba cunha nova toma de mostras, e cunha demostración palpable de que o grao do mosto non variaba o máis minimo entre unha e outra.
Despois triturabamos as uvas, recolliamos o mosto nuha xarra, e tras colalo, verquíamolo nunha probeta na que introduciamos o mostímetro que indicaba mediante a densidade, os graos Baumé que tiña o mosto.
Esta operación era seguida con moita atención polos donos das uvas, tal como se pode ver nesta foto de Mª José Bouzas, xa que os cartos que recibirían por elas, dependía directamente do grao que se lle apuntase na tarxeta. E xa sabedes, ó final os cartiños son os cartiños.


lunes, 17 de octubre de 2011

Tuning

Perdoade que titule así, en inglés, esta entrada, pero é que o carro que aparece na foto é un exemplo claro da evolución da técnica e da mecánica.
A palabra inglesa "tuning", significa axustar, poñer a punto, e extendeuse polo noso país fai relativamente poucos anos, cando comenzou a moda de personalizar os automóbiles, xa non tanto mecánicamente, senón estéticamente.
Eu lembro como a mediados dos anos setenta o Miguelito xa tiña instalado no seu Seat 850 verde botella de catro portas, un sistema de iluminación interior que dotaba ó habitáculo de luz indirecta de diversas cores, segundo el pisase os distintos pedales, e tamén como xa daquela comenzabamos a ver polas nosas rúas os primeiros aleróns, faros suplementarios, e pegatinas varias, que lle conferían ós coches un aspecto máis agresivo.
Pero como podemos ver nesta foto dos anos sesenta de Mª José Bouzas, a cousa xa viña de moito antes. Este carro que está a piques de descargar as uvas na Cooperativa, ten as súas rodas modificadas. Non sei si por efectividade mecánica, ou por comodidade do seu dono á hora de facerse cunhas novas.
Eso si que é tuning, a evolución da especie ante o que se lle viña encima, o último alento antes da súa desaparición.


viernes, 14 de octubre de 2011

Camións

Fai tempo falei no blog dos traballos temporais que algúns rapaces do Ribeiro facíamos nas vendimas da Cooperativa, e como alí fumos coñecendo a moitas xentes e personaxes da bisbarra. Traballabamos arreo, pero tamén disfrutabamos, e agora, coa visión que dá o tempo, penso que a experiencia foi para todos nós moi enriquecedora.
Nesa entrada falaba dos camioneiros, cos que pasabamos ás veces moitas horas de conversa, e de entre todos eles citaba ó Argimiro, que vivía un pouco antes da Almuiña, e do Arca de Francelos, pero queixábame de que non tiña fotos das súas máquinas.
Esta foto que nos manda Mª José Bouzas ven a solucionar este problema. Nela podemos ver unha boa colección de camións en plena actividade, ateigando a explanada da Cooperativa, nos primeiros anos da súa andaina.
Pero como a imaxe está en branco e negro, xa non consigo distinguir cal deles é de cada quen.