Aínda que esta foto é tamén do día 5 de Xaneiro do ano 1962, o título desta entrada débese ó día de hoxe, o día de Reis. Nela podemos ver ó Heraldo Real á dereita,que penso que é Javier Meruéndano, e ó Rei Baltasar á esquerda que é o "Piernas de Rusia".
Non sei como se fai agora na cabalgata de vila, pero daquela os reis nunca falaban en público, só saían o balcón consistorial a saúdar, e logo recibían ós rapaces. Xa con eles no seu colo, si que intercambiaban algunhas parrafadas se é que os cativos eran quen de articular palabra.
Á hora dos discursos , o que tomaba sempre a palabra en nome deles dende o balcón da Praza era o Heraldo.
Lembro moi ben as dúas veces que fun de Rei nas cabalgatas da vila. Unha das veces foi a cabalo, e outra, nunha carroza feita polo Chacoto sobre unha carroceta. Unha das veces foi no ano 1981, xa que gardo moitas cartas que me deron os rapaces, e todas levan esa data, nembargantes da outra non sei a data, e supoño que sería un ano antes ou un ano despois.
Tamén teño o pregón que leu dende o balcón do Consistorio Pepe Viñas que era o Heraldo, lembro que Baltasar era José Sanchez Moreno, e fixádevos o que son as cousas da memoria, que non caía en quen era o outro rei, e tivo que refrescarme a memoria José dende Brasil. Era Manuel Lorenzo, o "Muito" que desgraciadamente xa non está con nós.
Recordo con moito agarimo os nervios e as presas no ximnasio do Grupo Escolar, a Quico Floravia coas súas maquillaxes, ó Chacoto ultimando as carrocetas, e as bombas que anunciaban a saída da comitiva. ¡Que non nós falten os caramelos! ¡Non podemos quedar sen caramelos! repetiamos unha vez tras outra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario