O outro día falei de insectos, dos famosos carpinteiros cós que me enredaba eu cando subía a costa da Capela do Portal para ir ó parvulario das monxas, e hoxe poño esta foto, que supoño que será da gran nevada do 63, e que pertence a Mª José Bouzas, para ensinarvos exactamente o sitio.
Vedes ese muriño baixiño que hai á dereita e que vai morrer baixo ese ciprés que hoxe está sufrindo, medio podado. Pois ese era o territorio dos chinches carpinteiros, e que agora grazas a internet vexo que reciben o nome científico de "pyrrhocoris apterus".
Pero non só xogamos con estes bichiños vermellos, a medida que fumos medrando comenzamos a xogar con outros máis perigosos.
Eu non sei si os rapaces de agora son máis ecolóxicos, ou é que nós eramos uns perfectos animais. Moitas veces cando chegaba a primaveira e as frores comenzaban a rebentar, colliamos uns cartóns, doblabámolos polo medio, e veña, a dar unha volta pola traseira do Grupo Escolar a ver de pillar algún abesouro.
A técnica era doada, co cartón dobrado en ángulo entre os dedos da man, había que tratar de coller ó insecto cando este pousaba nalgunha flor, sen apretalo moito para non lle facer dano.
Non nos servía calqueira abellón. Tiña que ser un de bó tamaño, un que chamase a atención. Unha vez que o tiñas no cartón comenzaban os problemas, chegaba a hora das picaduras. Tiñas que andar moi fino, e alixeirar a presión ata que avesouro se deixaba ver. Nunha dificil e sempre complicada manobra, cunha folla de afeitar cortabamoslle o aguillón. Se llo arrancabas o insecto morría, e xa non servía para nada. Pero si a operación saía ben, só tiñas que atarlle un fío pola cintura ó bicho, e...¡a voar!.
Paseabámolos pola vila, e era coma levar derriba da túa cachola un bombardeiro da segunda guerra mundial polo ruido que metía. E cando te cansabas, ou non o querías voar, metiámolo no hangar, que non era outra cousa que unha caixa de mixtos daquelas das grandes, das que case non cabían nos petos dos pantalóns.
Cando pillabas un ben grande ías con el todo fachendoso. Supoño que hoxe en día alguén te chamaría a atención.
Cando pillabas un ben grande ías con el todo fachendoso. Supoño que hoxe en día alguén te chamaría a atención.
No hay comentarios:
Publicar un comentario