viernes, 6 de mayo de 2011

Feira na Praza

Eu sabía que, en tempos, a feira se facía na Praza Maior, pero agora mesmo non lembro onde o lin, e tampouco cando se deixou de facer alí. O que si lembro é que nos anos sesenta e principios dos setenta, nos días de feira a vila rebordaba de xente por tódalas rúas. A actividade comercial era moi intensa, e viña a xente dende moi lonxe, naqueles autobuses que portaban uns letreiros de "Servicio discreccional", e que tiñan na traseira un departamento para o gando.
Lembro especialmente un, dunha marca norteamericana, de formas redondeadas e pintado de cor branco e azul, que penso que era dunha empresa chamada "Os Americanos". Viña coa baca atestada de mercadorías, e pola tardiña, cando o cargaban para o regreso diante dos Jardinillos, facíame gracia ver como os paisanos empurraban ás vacas que se resistían a subir pola rampa traseira.
Lembro tamén como os postos ateigaban os arredores da praza de Abastos, desviando a atención cara a esas rúas, deixando baleira a Praza Maior, que durante moitos anos, segundo o meu criterio, permaneceu sen vida, á espera de novos usos.
Hoxe en día a Praza é un maravilla. Da xenio vela, chea de terrazas, de xente, de nenos xogando. Voltou outra vez a ser "o centro", quizás o centro social, pero en definitiva un referente para os veciños e para os que nos vistan.
Atopei en Internet esta postal que non coñecía. Debe de ser da segunda década do século pasado, e deixa ver ás claras como respiraba a Praza. Hoxe tamén respira. Que siga así, e que sexa por moito tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario