viernes, 30 de octubre de 2009

Falando de pesca

Esta é outra foto de Mª José Bouzas, sacada na terraza do Bar Evencio, nela podemos ver ó seu pai, Quico acompañado do gardaríos que había daquela na vila que se non me engano se chamaba ou apelidaba Lorenzo, e de outro home que non son capaz de recoñecer.
Nos anos sesenta o Evencio aparte de ser un dos bares máis importantes da vila, como xa vós falei noutra entrada fai uns días, era onde se tiña que sacar o permiso para pescar nas zonas acotadas do río Avia, que se non me trabuco, e algún pescador poderá corrixirme, era o tramo que ía dende a Ponte de San Francisco en Ribadavia, ata a veciña vila de Leiro. Me parece que tamén se podía facer o pago no Bar Campeón nos fondales de Beade, e non sei si tamén en Leiro.
Ademais dixo estaba o Evencio pegadiño á Armería Lira, polo que a animación estaba asegurada entre os amantes da cana e o sedal.
Eu xa non me acordo de canto custaba sacar o permiso para pescar todo o día no acotado, pero o que si sei, era que non estaba ó alcance das nosas economías . Eramos aínda uns rapaces, cada cucharilla era un tesouro, custaba un ollo da cara mercar unha nova, e xa non vós falo dun carrete. Lembro de ir á do Lira día si e día non, uns anzois, uns plomos, etc. Alí deixabamos ós poucos os nosos aforros, soñando con aqueles carretes Mitchel (penso que se chamaban así) que tiñan expostos no escaparate.


1 comentario:

  1. o precio do tiqueck do acotado era de 5 pesos, 25 pesetas, e había un cupo deles para vender no día, pero cando viña un amigo, do Evencio, do Cholo (o seu fillo), ou se quería facer un favor vendíase o tique coa data do día seguinte, xa que así, si o Gardarrios (Lorenzo Cadaya, o da foto)pedía o tiqueck, podíaselle amosar e, caseque nunca miraba pra data.

    ResponderEliminar