sábado, 31 de octubre de 2009

Aventuras na Praza Maior

Esta foto e da colección de D. Antonio Chao, e como podedes deducir está sacada dende a torre do Concello, non debe de ser moi antiga xa que ó fondo ,debaixo duns soportais hai unhas taquillas, non sei si serían para as actuacións que había no castelo nas festas, ou para unha mostra de teatro. Pero hoxe como é sábado vouna a proveitar para contarvos un sucedido.
Facede memoria, na Praza Maior, xusto no interior dos soportais que non saen na foto, e que nós lle chamabamos de Previsión, na esquina que dá á baixada da rúa Mera Soto, hai un pequeno banquiño de pedra de forma triangular.
De pequenos pasabamos xogando moitas horas na Praza, dun lado para outro, sen paradura, e un día un dos nosos compañeiros na xogueta infantil deu a voz de alarma:
-¡Ahí ven D. Julio!
D. Julio era por aquel tempo o párroco da vila, e sempre que o atopabas tiñas a obriga de ir ó seu encontro, e cumplir o ritual de costume: axeonllarse e bicarlle a man.
Efectivamente D. Julio viña da igrexa de San Xoán subindo pola rúa , e nós, supoño que nun arrebato de inconformismo infantil, decidimos rebelarnos contra esa usanza, e fuxir para eludir o encontro.
Eu, en vez de escapar decidín agocharme nese banquiño, á espera de que o párroco pasase. Estaba eu subido ó asento ese triangular, de pé, e ben pegado á parede contendo a respiración, cando diante miña apareceu a mole negra da súa sotana.
-¡Con que escondiendote de mi! , dixo. E sen mediar palabra algunha colleume da orella, baixoume do meu escano, deume unha labazada, e ofreceume a man para que lla bicase.
Alí quedei eu, aqueloutrado e cismando na miña mala sorte.


No hay comentarios:

Publicar un comentario