lunes, 5 de octubre de 2009

A voda do Papuxa

Esta foto pertence ó Arquivo de Foto Chao e nela aparecen no centro os noivos Dna. Valentina Alonso e D. José Lorenzo "O Papuxa" rodeados dos seus invitados na Porta Nova.
Non sei en que ano se fixo, e tampouco vós quero aburrir coa lista dos nomes de todos eles, que están, máis ou menos, identificados no rexistro do Museo Etnolóxico.
Casares xunto con Cunqueiro foron na miña opinión os dous escritores galegos que mellor retrataron a forma de ser dos galegos. E mirade por onde, Carlos Casares lle adicou un artigo ó Papuxa. Nel e con moi poucas palabras penso o que describe ás mil maravillas.
Podedes atopar este artigo no libro de Carlos Casares " Á marxe, 1998" Obra xornalística VII, publicado pola Editorial Galaxia.
Aquí o tedes ó pé da letra:

O PAPUXA

Hai xa algúns anos puxeron na televisión española un programa filmado na taberna do Papuxa, en Ribadavia, onde merendamos o domingo. Víase nel un catador de viños exercendo o seu oficio dunha maneira algo pedante, sobre todo polo moito que contrastaba a solemnidade do discurso erudito co ambiente que o rodeaba; unha tasca de paredes de cachote, equipada cunhas mesas de madeira natural desgastadas pola lixivia e os muros decorados por centos de grilandas negras construídas polas arañas durante anos e anos.
Todo iso adornado por unha ristra de chourizos e media ducia de xamóns pendurados do teito. O catador falaba coma se estivese no medio dun dos restaurantes máis luxosos de París e como se o viño do que se falaba naquela ocasión fose un borgoña ou un burdeos de alto prezo e non un líquido humilde e honesto que ía saíndo, conformr era requirido a cada momento, pola billa dos pipotes situados sobre o chan terreo, nunha esquina da taberna. Mentres tanto, o dono do negocio bebía en cunca.
Foi precisamente esta circunstancia a que levou ao experto a facer unha pregunta longa e trapalleira. Falou da importancia de beber o viño por vaso adecuado, limpo e transparente, a fin de apreciar mellor tanto o aroma nas súas diversas categorías como a color. Rematada a perorata, dirixiuse con aire de triunfador ao propietario da taberna: " ¿No cree, usted, señor Papuxa, que es así como digo yo?" O Papuxa, alto e delgado, colleu a cunca que tiña diante, grande como un barcal, bebeu con parsimonia, pousouna logo sobre a mesa e dixo dun xeito rotundo, como se botase un pecado sonoro e definitivo no castelán que nunca falou: "¡ Jamás!"
Carlos Casares

No hay comentarios:

Publicar un comentario