sábado, 10 de octubre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 20

E+ste é o derradeiro gravado que poño deste artista ourensán, e deixeino para o final porque ofrece unha vista global da zona de extramuros da vila, tomada dende a estrada que vai á Foz, que era a área dos nosos xogos xuvenís.
Xa falei do muíño da Raiña, do seu loro, e das moitas andainas que de cativos fixemos por ahí, pero nunca vós falei da Ponte de Ferro , que aparece no lado dereito da foto, e da vía do tren.
Esta ponte foi durante moitos anos, case que paso obligado para cruzar o Avia, a non ser que quixeras dar un rodeo ben grande, e ir pola Ponte de San Francisco.
Para os rapaces, ou para min en particular, esta ponte foi como unha proba de lume, de madurez, ou de valentía, ou como lle queirades chamar. Lembro que as primeiras veces que tentei a cruzalo, foi da man do meu avó, e a cousa púxose moi costa arriba. Voltei para atrás máis dunha vez. Aínda era eu moi cativo.
Para os que non o saibades, daquela tiña só os railes, as travesas, e dun lado catro táboas de madeira, estreitas e sen barandais de ningún tipo. Dicían que se o tren te apañaba alí, no medio da ponte, a única saída, era deitarte nas táboas, e agarrarte ben a elas á espera de que pasara.
Pouco a pouco a medida que fun medrando, collinlle as voltas, e incluso ás veces o cruzaba todo fachendoso diante dos outros rapaces, que aínda lle tiñan medo.
Chegamos a pasar tardes enteiras pescando dende el. Perdón, tratando de pescar con grilos ou saltóns algunha troita que se vía dende arriba. Tiñamos os horariós do tren controlados, pero máis vez unha máquina solta ou algún mercancías nos deu un bó susto.
Hoxe ninguén leva sustos. Os peóns no o poden cruzar, ten unhas unhas vallas que o impiden.
Que siga así.





No hay comentarios:

Publicar un comentario