viernes, 21 de diciembre de 2012





Unha esquina

Mirade que recordo cantidade de cousas da vila, pero  desta esquina que aparece na foto de hoxe, non teño nin o máis mínimo remorso. Tamén vos teño que dicir que non sei en que ano se fixo esta foto, xa que o máis probable, é que se fixese antes de que eu nacera, ou alo menos antes de que eu tivese uso de razón, polo que sería imposible que eu recordase algo desa entrada que se ve aí, con ese portón, que supoño debía de dar acceso ás viñas dunha gran finca que ascendía ata casi o Piñeiral, como podedes comprobar na foto aérea que puxemos fai uns días. 
Da esquina oposta, a da Alameda coa rúa López Ramón, si que lembro cousas, como  a firma que lle botamos o meu can e máis eu, no formigón aínda fresco o día no que estaban a rematar as obras do muriño que separaba a beirarúa da Alameda. Sempre que pasaba por alí vía as miñas iniciais,  e ó lado a pegada dunha das patas do Sil. Agora desapareceron,  fai uns anos humanizaron a Alameda, e derrubaron o muro.
Como vedes as cousas van mudando, unhas para mellor, e outras non tanto.
Que teñades unhas boas festas, e que o ano que ven todo sexa mellor.



martes, 27 de noviembre de 2012

Outra foto da barca do Miño

Fai algúns días algún de vós me pedía fotos da barca e dos barqueiros, e contesteille que as que teño son estas, as que xa están publicadas, e co seu tamaño orixinal, e que non tiña ningunha máis.
Xa me gustaría posuir fotos ben grandes destas barca, para poder amplialas e ver con claridade os detalles.
Pero este días pasados atopei en Internet esta outra postal da barca do Miño. A verdade é, que como poderedes comprobar,  ten moi baixa resolución, xa que isto é un dos problemas das fotos  que se atopan na Rede, e non hai amaño posible para poder mellorala.
Teño que recoñecer tamén que ó levar tanto tempo poñendo fotos, é posible que algunha se poida repetir, pero penso que este non é o caso.
Parece como si a barca chegase ó noso lado do río, ateigada de xente mollada, e digo isto, polos paraugas abertos que se ven a bordo. Como si a foto a fixeran no inverno.
Ou ó mellor estou trabucado, e a sacaron no verán, e o que vemos son quitasoles, que se levaban moito daquela entre as señoras.


martes, 13 de noviembre de 2012

O cárcere e o cemiterio

Nestoutra foto que nos envía Lolín Lira, e que seica é de Pacheco, podemos ver o aspecto que tiña a nosa vella cadea pola súa parte traseira. A foto está sacada dende o interior do camposanto, e ven que nin pintada para acompañarnos durante este mes de Santos.
Do vello cárcere, que hoxe xa non existe, pouco vos podo dicir, xa que nunca pasei máis aló das dependencias do vestíbulo, que era onde estaban as oficinas da Garda Civil alí destacadas.
Do camposanto, onde descansan os nosos devanceiros, poderiamos falar máis tempo, e facer un percorrido polas súas esculturas, os seus epitáfios, e os seus nichos, e tamén poderiamos salientar a inscripción, que hai no muro da entrada, e que chama poderosamente a atención a todos os que por alí pasan. Está enmarcada baixo uns ósos e unha caveira, coma se fose un macabro aviso ós navegantes:  "Eterno bien os espera o eterna infelicidad. Sed pues justos, o temblad". 
Pero quizás a imaxe máis fermosa que teño do camposanto, esté gardada na miña memoria. Penso que a vin repetida alo menos en varios ocasións. Unhas veces á volta dun día de caza, e outras, á volta dalgún magosto, sempre ó descendermos do monte de Santa Marta cara á Foz o día de Tódolos Santos. 
Imaxinádevos a vila dende alá arriba, entre a brétema dunha tardiña de outono, co fume saindo lene das chemineas e a luz que vai esmorecendo ós poucos dando paso ó negrume. Case que non se ve o camiño, e cando levantas a vista, e miras ó lonxe, ves unha chea de pequenas  lampadiñas e candeas que faiscan na noite. É como se o camposanto revivira de súpeto, e as almas dos nosos defuntos agradecesen que nos acordásemos delas.



martes, 6 de noviembre de 2012

O adro de San Domingos

Desta volta poñemos outra foto propiedade de Lolín Lira, feita en plena restauración da Igrexa de San Domingos, alá polos anos 1960 e 1961, na que se poden ver aínda moitos detalles de como era o seu antigo aspecto. 
Como Lolín é unha estudiosa da nosa historia e da nosa arte, acompaña a foto cun pequeno recordatorio das principais funcións que tivo ó longo da historia este edificio conventual, que como ela ben di, foi "multiusos", xa que trala exclaustración, foi  hospital, e dende 1850 escola de nenos, e incluso no ano 1865 instalouse alí un teatro ou coliseo que levaría o nome de "Teatro Avia".
Xa no ano 1886 documéntase o seu uso como cuartel dos Batallóns da Reserva e desde o ano 1902 proxectábanse no seu teatro sesións de cinematógrafo “invento prodixioso do século XX” .
Posteriormente, cando "O Coca" instalou a fábrica de cadaleitos nun alpendre xunto ó Castelo, o seu almacén estaba situado nas dependencias do convento, e era alí onde se remataban as caixas.
Si ampliades ben a foto veredes detrás do tellado unha chea de piñeiros mansos, deses que dan piñóns, na ladeira do monte do "Piñeiral",  xusto onde hoxe está situado o desmonte que hai no cruce da estrada da Franqueirán coa antiga que ía a Vigo.
Son eses piñeiros os que me traen á memoria un encontro nese monte con D. Delfín. Lembrades ? Era un dos mestres do Grupo Escolar, xunto con D. Pepe e D. Pedro.
Pois ben, unha tarde iamos meu avó e máis eu cara ó "Palomar" e a "Ibia", cando ó lonxe albiscamos como alguén trataba de gatuñar a un piñeiro, aproximámonos e atopamos a un D. Delfín suoroso, en mangas de camisa, pero co chaleco ben posto, mentres que e a chaqueta e o chapeu, penduraban do cano dunha pequena escopeta do calibre 36 que durmía apoiada nun penedo.
Levaba xa apañados unha chea de piñóns polo chan, mais tentaba acadar aínda alguha  piña máis. Queixábase  de que non había caza, pero eu penso que devecía polos piñóns.  


lunes, 22 de octubre de 2012

O ábside de San Domingos e os seus arredores

Esta foto que nos envía Lolín Lira, xa ten alo menos 50 anos, e recortei a súa parte superior esquerda, para amosarvos a parte que para min ten máis interese, que son sen dúbida  esas viñas, que lentamente van ascendendo polas abas do Piñeiral.
Non é que o ábside da igrexa non teña importancia. O que pasa, é que eu persoalmente penso que xa está fotografiado dabondo, e esa zona que se ve detrás, e que hoxe ocupa o barrio de "Os chalets", nunca a vira deste xeito, aínda que supuña da súa fisonomía polas fotos aéreas como a que puxemos o outro día.
Destacan entre a paisaxe esas pequenas construccións de dous pisos, de planta cadrada, cunha soa estancia por planta, que abundaban nas grandes viñas dos arredores da vila. Penso que algunha aínda se conserva na Barca, e lembro outras como as que había perto do camiño que ascendía dende a vila cara á Franqueirán, ou a que había na Estación nunha finca que era propiedade de Dona Celeste, "A Xenerala".
Eran alpendres destinados a gardar as ferramentas relacionadas coas tarefas agrícolas, pero cun estilo máis fachendoso, é dicir cun pouco máis de luxo. Temos que pensar que daquela, cando se construiron, estas propiedades quedaban afastadas do centro urbán, e a xente ía a elas a pasar o día, polo que a parte superior da casiña servirialles para, ademais de poder ollar toda a propiedade, facer algún xantar, e inclusive botarse unha sesta cando se terciase. 
Non é que eu saiba moito de arquitectura agraria, pero polo que recordo estas pequenas construccións non as teño visto noutros sitios, a non ser nos arredores de Ribadavia.
Grazas Lolín por compartir connosco estas fotos. 






martes, 16 de octubre de 2012

O blog de Paco Couto

Penso que xa coñecedes de sobra ó noso colaborador Francisco Couto, un artista que ó longo destes anos nos foi aportando fotos e documentos relacionados coa súa familia, e o que é máis importante, debuxos cos que amosa a súa particular visión de Ribadavia e os arredores. 
Agora, decidiuse a compartir con todos nós outros debuxos, e algunha que outra acuarela, que ó longo dos anos foi apuntando nos seus cadernos. 
O debuxo é algo innato nel, xa que debuxa dende que era un cativo. A magoa, como el mesmo di, é a falta de continuidade, debido as máis das veces á  falta de tempo. 
Notaredes nos seus traballos unha certa deformación profesional, xa que a súa formación como arquitecto, lévao a reflexar cousas relacionadas con esa temática.
En fin, merece a pena que lle botedes unha ollada ó seu blog, e que perdades un pouco o tempo percorrendo as súas paxinas e ollando os seus traballos. 
Benvido Paco.



miércoles, 3 de octubre de 2012

Unha nova vista aérea

Recibo con moita ledicia unhas fotos que nos envía Lolín Lira, datadas a principios dos  anos sesenta. Esta, a primeira, é unha vista aérea da parte da Praza Maior, o Castelo, e a igrexa de San Domingos, na que podemos ver con todo luxo de detalles como estaba a nosa vila neses anos.
Na parte superior, no cruce da estrada de Francelos, vese como se está a construir a primeira "Estación de servicio" de Ribadavia, que penso que era propiedade do Sr. Gil. Coméntame Lolín que antes dela, só existían dous surtidores, un no cruce da estrada do Carballiño, propiedade do Sr. Meliñas; e outro en San Francisco, propiedade do Sr. Antonio de Quíns.
Un pouco máis abaixo vese tamén a vella cárcere-cuartel da Garda Civil, que pola forma que teñen os seus tellados parece que debía de ter unha especie de patio interior.
Se está a rematar tamén o edificio do Sanatorio, na Alameda, ó que lle falta toda a carpintería exterior, e un pouco máis arriba vemos o Grupo Escolar, flanqueado pola cara esquerda, por  un patio de sábrego, que remataba nunha pequena pendente, sobre a que se alzaba o chalet de Isabel "A Comadrona" illado entre viñas ate que se abriu a rúa de López Ramón, que subía desde o Castelo ata  "Os chalets". De feito na esquina superior dereita, vemos outra casa rodeada de viñedos que era propiedade da familia Freijido, e que estaba situada no que hoxe en día sería máis ou menos o inicio da rúa Otero Pedraio, xusto no cruce coa de López Ramón.
No Castelo non había nin piscina, nin pistas deportivas, que se fixeron uns anos despois.
E por último facer notar que o día que se sacou a foto, debían de cair os paxaros da calor que facía, xa que non se ve un alma pola rúa.


lunes, 24 de septiembre de 2012

Castrelo según Couto

Hoxe poñemos outra desas pequenas obras de arte que, o noso colaborador, Francisco Couto nos envía dende Madrid. Como podedes ver trátase dun apunte de Castrelo, que tiña esquecido nalgún dos seus cadernos, e que recuperou para o noso blog.
Esta feito no mes de Setembro do ano 98, nalgunha das curvas da estrada, que desde  Santa Cristina vai descendendo cara ó Miño, e dende onde se pode ollar esta fermosa vista da central hidroeléctrica, e dos cantís onde se asenta  a igrexa de Santa María de Castrelo.
Moitas grazas Francisco polo teu debuxo.




jueves, 13 de septiembre de 2012

Un músico en Cuba

No libro "A La Habana quiero ir" publicado pola editorial Sotelo Branco, o seu autor, Ramón Pinheiro Almuinha, nos presenta un percorrido pola pegada que, os músicos emigrantes galegos, deixaron na illa de Cuba.
Entre as súas máis das dúascentas páxinas, descubrín estas fotos coas que  acompañamos a  historia do acordeonista ribadaviense Antonino Silva, que no ano 1924 fundou, nos salóns  da Unión Castellana de Cuba, en La Habana  a "Orquesta Ribadavia". Nun principio o seu repertorio limitábase ós  ritmos populares galegos, pero a medida que a súa sona medrou, tamén o fixeron as súas actuacións e xiras, polo que ós poucos, se foron decantando por temas máis bailables.
A finais da década dos vinte, nos conta Ramón Pinheiro, estas orquestas foron desaparecendo para dar paso a grupos menos numerososos, adicados exclusivamente á música bailable, polo que supoño eu, o noso acordeonista formou o seu propio grupo a "Orquesta Silva" que segundo parece amenizou todos os saraos e festas habaneras relacionadas coa emigración galega nas décadas dos 40 e 50.
O de supoño eu, é porque o libro me deixa certas dúbidas, xa que fala de Antonino, como director da banda, tal como podedes ver no anuncio; e de Antonio (acordeonista) fundador do grupo da foto. Eu supoño que serán a mesma persoa, a non ser que foran pai e fillo, ou parentes.




martes, 26 de junio de 2012

O radioafeccionado da vila

Como mudaron as comunicacións nestes últimos anos. Non sei se vos lembrades, pero nos anos sesenta na vila había unha centralita de teléfonos, atendida por unha muller. Ti descolgabas o aparello, e ela te preguntaba con quen querías falar. Se sabía de memoria todos os números de Ribadavia, que non sei si eran moitos ou poucos, e tamén, supoño que escoitaría  moitas das nosas conversas, polo que debía de ser unha das persoas máis informada da vila.
De feito eu lembro perfectamente  como o  número da nosa casa era o 223, e o da  miña avoa o 148. Cando tiña que chamala, simplemente descolgaba  e dicía :
- Me pones con mi abuela.
E xa estaba. Solucionado!. Sen ter que memorizar números nin nada.
Outra cousa era poñer unha conferencia. Para iso tiñas que darlle o número  e permanecer á espera, ata que te pasaba a comunicación.
Despois, todo mudou moi a presa, viñeron os teléfonos de marcación automática, os móbiles, internet,  e todas esas maravillas que disfrutamos hoxe en día, e que nos teñen  permanentemente comunicados.
Pero hai anos había algúns homes e mulleres que podían estar comunicados co mundo enteiro, sen ter que pasar polo pago da Compañía Telefonica Nacional de España, eran os radioafeccionados, e como non, en Ribadavia había un. Tratábase de  Francisco García Márquez, que emitía baixo o indicativo  EA 1 GB,  tal como podemos comprobar nesta tarxeta,  que enviaba a modo de confirmación das súas comunicacións.
Por si non sabedes quen é, direivos que tiña unha ferretería a carón da ponte de San Francisco, e levaba xunto con Fidel  Dávila o cine España (o do medio). Emitía dende a súa casa, no barrio da Estación, enfronte do bar Alfonso, e para poder obter a licencia tivera que pasar estrictos exámenes de electricidade, radio, lexislacións, e inclusive a emisión en alfabeto morse.
Penso que reside na actualidade en Vigo, segundo me contou un  dos seus fillos, Alberto.
O que son as cousas, sesenta anos despois de enviar a tarxeta, xa que ten data do 21 de Abril do ano 1952, atopeina á venda en Internet.




P. D. do 29 de Xuño. 
Hoxe tiven a sorte de atoparme en Vigo con Paco.  Francisco García Márquez, que por si non o sabedes, ten xa noventa e dous anos, pero moi ben levados. Segue en activo, e podo dar boa fe delo, xa que o acompañei á súa casa, onde me ensinou todos os seus aparellos radiofónicos en perfecto estado de revista e uso, antenas incluidas. 
Todas as tardes pasa un tempo de tertulia nas ondas, non en van é o radioafeccionado en activo máis veterano de España, e conserva o seu indicativo EA 1 GB, que no argot deles é "Galicia Bonita".
Contoume moitas cousas. Como se lle meteu o becho no corpo cando era  un cativo, ó mercar o seu pai unha das escasas radios da vila. Como facendo o servicio militar no frente de Madrid cambiaba permisos por radios de galena que el mesmo facía; ou como logrou  establecer comunicación con colegas do estado brasileiro de Minas Gerais, para coñecer o estado de saúde do Sr. Peña, que alí caera enfermo, para que a súa nai, Dona Concha, poidera organizar a súa repatriación.  
Está feito un mozo, luce na chaqueta con orgullo a insignia de ouro da URE (Unión dos Radioafeccionados Españoles), pero ás veces o seu sorriso muda en tristeza polo recente pasamento da súa dona Inés. 
Sorprendeuse moito de que unha das súas tarxetas estivera á venda en Internet.

jueves, 7 de junio de 2012

D. Basilio Álvarez no Club


Esta mañá sorprendeume Lolín Lira con esta fermosa foto sacada nos xardíns que había en tempos na traseira do Club. E o que é máis importante aínda,  a imaxe viña acompañada como é habitual nos seus envíos, dunha espléndida  información, non en van, ela é unha das persoas que máis sabe da historia da nosa vila.
A foto, coma vos dicía, esta feita no Club, co gallo dunha cena que houbo en honor do cura agrarista Basilio Álvarez, que aparece con sotana sentado no centro. Os retratados sentados, son comezando pola esquerda: Ramón Freijido, que daquela era o secretario do Club; o avó de Lolín, Jesús Pousa que era o rexedor municipal; D. Basilio; Manuel Padrón, presidente da sociedade; e Benito Araujo que era o tesoreiro. Non sabemos quen é o home que aparece sentado á dereita de todo cunha camelia no ollal, e o mesmo sucede cos dous homes que flanquean ós que están de pé. Xa que os tres do centro son de esquerda a dereita Gregorio García; Modesto Sánchez, o gaiteiro, e Manuel Freijido, tamén cunha una camelia na botoeira.
A foto segundo nos conta Lolín é do año 1928, que foi cando nomearon a  Basilio Álvarez socio de honra do Club,  "por haber contribuido con su ilustre personalidad a la inauguración del primer ciclo de conferencias organizado por esta sociedad", tal como se recolle no Libro de Actas nº 3 desta sociedade, con data do 31 de marzo do ano 1928.
Grazas Lolín.


miércoles, 23 de mayo de 2012

A fábrica de galletas

Atopei esta grata sorpresa o outro día dando unha volta por aí. En concreto no blog titulado "Galicia Agraria", publicado por Ángel I. Fernández, onde aparece nunha entrada titulada "Galleteros gallegos 2".
O que vedes son dous anuncios publicitarios, feitos a  principios dos anos cincuenta, de dúas marcas de galletas ribadavienses, "Galletas Solita" e "Galletas Celta",  fabricadas por  Adolfo Martínez Rodríguez.
Eu a verdade, é a primeira noticia que teño desta fábrica, que ten a ousadía de incorporar no seu "marketing" á fermosa actriz  Lauren Bacall.
Si sabedes algo máis do asunto este das galletas, ou de D. Adolfo Martínez, deixade algún comentario, e mentres tanto non deixedes de botarlle unha ollada a este blog do que vos falo, xa que ten artigos moi interesantes, coma os relacionados cos viños, e o cornezuelo do centeo, do que falabamos días atrás.







viernes, 11 de mayo de 2012

Ribadavia que es el pueblo

Aquí temos outra das postais desta serie editadas por Canda a principios do século XX. A verdade moito non hai que dicir dela xa que é un dos enfoques típicos da vila. Sacada  dende a ponte de S. Francisco cara a extramuros. 
A auga do Avia daquela ía  encorada grazas á presa do muíño que alí había, o que facilitaba, como vimos noutras fotos anteriores, incluso os paseos en barca.
Proba de que debía de haber  ambiente ó chegar o verán  nas beiras do río, é ese templete, ou cenador instalado nunha das fincas que lindan con el. Os seus  propietarios disfrutarían da frescura e da humidade do Avia cando organizasen  merendas  e ceas estivais no xardín, ó tempo que contemplaban desde certa altura o discorrer das augas mainas.


lunes, 30 de abril de 2012

As casiñas de Javier

Non sei si foi este ano pasado ou o anterior, cando un día Javier "O Ferreiro", colleume por banda na Magdalena, e levoume ó seu taller, onde me ensinou algunhas destas pequenas obriñas de arte, que el fai ós poucos, para ir matando o tempo, coma quen non quere a cousa.
O certo é que con algunhas caixas de froita, e sen máis axuda que un pouco da súa memoria, e algunha ferramenta, Javier amosa a súa boa man para estas cousas.
Non están todos, pero veredes algúns dos edificios máis senlleiros da vila, ou máis ben do Barrio Xudeo,  ou mellor dito, os  do mundo de Javier, incluindo a súa propia casa, convertida en casa de bonecas, para a ledicia dos máis pequenos.
O que non sabía é que as gravase nun video e as tivese colgadas  en Internet.
Felicidades Javier polo teu traballo, e a seguir así.


lunes, 23 de abril de 2012

Os cupóns da fame

Sorprendeume atopar isto na Rede, xa que non o asociaba co que en realidade é. Estrañoume que viñera impreso en cores, dada a época en que se imprimiu, e os apuros que había daquela.
En realidade esto que vedes son cupóns de racionamento da vila de Ribadavia. Eu penso que algunha vez vin algunha cartilla de racionamiento, e non estou seguro de que tivera nas miñas mans algún cupón destes que se trocaban por alimentos na postguerra, pero de todas as maneiras non pensaba que fosen así. O que verdadeiramente me chamou a atención é que os cupóns polo reverso tiveran imáxenes, este en concreto unha escea do Quijote de D. Miguel de Cervantes.
Agora que me puxen a investigar un pouco no asunto, atopei outros con esceas publicitarias da Garda Civil, da Lexión etc.
O importante é que este é da nosa vila, e ten data do ano 1939.  Na foto da dereita vesen os dez cupóns independentes de que consta a folla. Como ó mellor, ou ó peor vos costar lelos, transcriboos a continuación:
Todos traen a mesma cabeceira " CUPÓN DE RACIONAMIENTO", e o mesmo final "Ribadavia (ORENSE) 1939.  E os vales de arriba a abaixo, e de esquerda a dereita poñen:
"vale por 100 grs de judías", "vale por 100grs. de garbanzos", "vale por 90grs de azucar", "vale por 90grs de sal", "vale por dos cabezas de ajos", "vale por dos cebollas", "vale por 100grs de lentejas", "vale por 90 grs de arroz", "vale por un pan", vale por 120grs de harina".
Unha pequena xoia. Unha pequena homenaxe ós nosos pais e avós, á fame que pasaron, e ó moito que traballaron por nós.


lunes, 16 de abril de 2012

Ordeando o trafego

O cruce, foi en tempos un dos centros neurálxicos da vida comercial de Ribadavia. Lembro a actividade que había nos seus arredores, sobre todo nos días de feira. Os bares e os comercios da zona fervían coa xente que descendía dos autobuses que por alí paraban, e que levaban na súa dianteira un cartel que puña "servicio discreccional".
Pero como se pode ver na postal que poñemos hoxe, non tódolos días había tanto movemento e acción. Este día da foto, que supoño de principios da década dos cincuenta, debían de cair os paxaros coa calor, polo que a xente fuxe do sol, e se acurruncha á sombra. E como sempre pasou na nosa vila, e noutras tamén, hai un que traballa, e varios que miran, como é o caso deses parroquianos que acuados contra a casa do Robla, e a baranda, observan as manobras que fai o garda municipal no seu escaso traballo. O garda, de salacof, e casaca branca, é un dos poucos ousados que está ó Sol, seguro que pola obriga do seu traballo, e  quizás os miróns estanlle a dar cháchara, e a facerlle compaña nesas horas tan difíciles do mediodía.
A postal leva o título de "Ribadavia, calle José Antonio", pero a dúbida que me corroe os fígados, é saber si o municipal estaba avisado de que lle ían a facer a foto. 
Con tan pouco vehículo circulando, coa calor que debía de facer ese día, cos amigos falando de fútbol ó seu carón, e el, firmes no seu posto, coma un estadullo. 
Supoño que de esquello estaría fitando ó fotógrafo, situado nalgún balcon do edificio do Amil, e pensando:
-Acaba xa, que me derreto. 
 


miércoles, 11 de abril de 2012

Outra tarxeta do muíño

Seguimos con outra das postais desta serie editada por Canda a primeiros do S XX. Neste caso trátase da zona de extramuros vista dende A Foz,  co muiño da Raíña en primeiro plano.
É unha das vistas clásicas da vila, ainda que hoxe está algo cambiada. En parte polos aluvións do Avia, que foron depositando area no interior da curva que descrebe nese sitio o río, incrementando un pouco a superficie dese terreo que vemos dediante, e tapando as canellas polas que a auga movía o muíño. Hoxe toda esa zona está totalmente cuberta de árbores, e ata ás veces aflora unha pequena illa.
Polo que me contaron, na postguerra o muíño aínda estaba en uso, e utilizábano para moer xofre, polo que é seguro que debían de dragar esa parte da que vos falo, para que a auga circulase limpa por el.
A verdade é que agora, pasados moitos anos, sinto mágoa por non interesarme máis  daquela polo muíño e polo seu traballo. Pensade que pasei moito tempo coa Rafaela "a Raíña" nesa casiña que se ve aí, pero daquela o meu único interés era facerlle as beiras ó seu loro cunha manchea de pipas.
Cousas de nenos.




lunes, 9 de abril de 2012

No 75

Esta é outra postal atopada por aí. É máis ou menos recente si é que a comparamos coas outras que estamos a poñer estes días. Trátase da Alameda en plena preparación da XII Feira do Viño, e nos serve un pouco para ver como se decoraba a exposicióna nesta época, na mesma liña continuista das primeiras edicións. A portada derriba da fonte, os pipotes, e as bandeiras cubrindo toda a fachada.
Á esquerda aparece cortado un automóbil de cor branco, distinto ós que se vían daquela pola vila. Eu non é que saiba moito de coches, pero ese en concreto o coñecín ben, xa que pertencía a Manuel Lage, do que xa puxemos algunhas fotos no blog por cortesía da súa viúva Mari Cármen López.
O auto en cuestión era un Volkswagen 1600 TL, con cambio automático, que trouxera de Venezuela onde estivera emigrado, e que ós rapaces que daquela tiñamos quince ou dezaseis anos, e comenzabamos a ter un certo interés polos coches,  nos chamba a atención aquelo de que non tivese embrage coma tódolos demais que circulaban pola vila.
Supoño eu que estaría aí estacionado debido a que el traballaba neses anos na Cooperativa do Ribeiro.





lunes, 2 de abril de 2012

O palco da Praza

Esta postal aporta un novo punto de vista descoñecido para min, xa que coñeciamos por outras fotos a Praza Maior chea de árbores, co chan de terra, e co pequeno palco da música no medio. 
Aquí vemos en primeiro plano como era este palco da música, feito cunha estrutura octogonal de madeira, e levantado un par de metros da praza . Non estaba cuberto, pero grazas ós postes situados nos seus vértices poderíase chegar a cubrir cun toldo se as inclemencias do tempo así o aconsellasen.
A foto pertence a esa serie editada por Canda,  titulada "Ribadavia que es el pueblo", aínda que, sen saber o motivo,  parte desa frase esté tachada.
O que me gustaría a min saber de verdade, é quen son todos eses rapaces que posan para o fotógrafo. Quizás algún deles sexa algún antepasado noso... E nós sen sabelo!
Que pasedes unha boa Semana Santa. Vémonos despois.



lunes, 26 de marzo de 2012

Alrededores. Ribadavia, vista general y el puente

A primeira vez que vin esta postal, non entendín nada. Por unha banda ten escrito na parte superior "Mondariz, pintoresco", e pola outra "Alrededores Ribadavia". Tras darlle bastantes voltas á cousa, cheguei á conclusión de que seguramente nos anos gloriosos do Balneario de Mondariz,  deberon de editar alí algunha colección de postais para os seus clientes, coas paisaxes máis suxerentes, tanto da vila termal, coma dos seus arredores.
A nosa benquerida Ribadavia, pola súa importancia naqueles anos, e polo seu magnetismo turístico debeu de ser merecedora dun lugar de privilexio dentro da serie de postais do Gran Hotel.
Outra explicación eu non lle atopo.


 

viernes, 16 de marzo de 2012

As cancións dos "Zíngaros"

Fai case tres anos que publicamos esta foto da comparsa ribadaviense "Os Zíngaros", que no ano 1935 foi a darlle un pouco de colorido e ambiente  ó entroido vigués. Nela recoñeceron  a Fidel Dávila, a Alfredo Escudero, a Antonio Freijido, e  si a mirades con calma, seguro que atopades máis rostros coñecidos. Pero hoxe asómase outra vez  ó blog, para poñerlle caras e facerlle compaña ó folleto que eles mesmos publicaron, daquela, coas letras das coplas que interpretaban.
Estes días pasados o Facebook do Museo Etnolóxico, sacou á luz este documento, e pensei que así, coa foto da comparse derriba quedaría un pouquiño mellor.
A mágoa é non dispoñer das músicas para facermos un pouco de karaoke.  








miércoles, 14 de marzo de 2012

O Castelo por Canda

Outra nova postal desas da colección de  "Ribadavia que es el pueblo",  que nos aporta unha visión un tanto diferente das que estabamos acostumados a ver. Normalmente as postais desta época sempre nos ensinaban o Castelo dende o alto, a vista de paxaro, xa que os fotógrafos, a falta de aparellos voadores moi raros na Galicia daquel tempo, buscaban a elevación da explanada do convento de San  Domingos para capturar as imaxes.
Nesta foto semella  como se o autor deixara un pouco de lado a espectacularidade do monumento, e se centrara un pouco máis  no día a día da vila, amosándonos, case que vista de rá, as edificacións que estaban adosadas ás murallas, e ós veciños que por alí paseaban e facían a súa vida.
Por certo, fixádevos canta hedra nos muros. Agora, e dende fai algúns anos, límpanse, pero eu sempre os lembrei dese xeito. Tamén podemos ver como existía esa ventá á esquerda da cheminea,  que lamentablemente se perdeu.
Un interesante documento de principios do SXX que eu non coñecía.
 

lunes, 12 de marzo de 2012

O altar en cor

Fai case un ano que publicamos unha foto remitida por Lolín Lira na que se nos amosaba como era o altar maior da igrexa de San Domingos, e que desgraciadamente se botou, ou mellor dito, o botaron a perder no ano 1960. O retablo que alí había era obra de Francisco de Castro Canseco, e naquela entrada podedes ler o que lle pasou.
O caso é que dando voltas pola Rede, atopei esta postal que ten a peculiaridade de que está feita en cores. Non creo que se conserven moitas fotos deste estilo, e penso que deberon de sacala pouco antes de que o desmontasen, xa que a técnica da cor non estaba moi extendida.
Si comparamos as dúas fotos, notaremos como cambia  esa cerca ou valado que separa o altar dos fieis. Non sei cal sería máis do voso gusto, pero este metálico, de forxa, me parece que sinala ben ás claras por onde ían os tiros e os gustos da época.
Non me sorprende que o derramasen todo.




viernes, 9 de marzo de 2012

O programa da VIII Feira do Viño

Aquí temos o que vos prometín o outro día. O programa de man da Feira do ano 1971, que publicamos grazas ó traballo de  Miguel Menacho que foi quen nolo enviou hai xa bastante tempo.Temos que agradecerlle esta labor,  que resulta bastante tediosa e repetitiva  ó ser esta publicación moi voluminosa.
O certo é que xa  podedes disfrutar das sesenta e tantas páxinas que contén, e aínda que non teña moitas cousas de interés,  sempre servirá para podermos curiosear polos anuncios e as fotos da época.
Disfrutádeo.
VIII Feira do Viño do Ribeiro

miércoles, 7 de marzo de 2012

A VIII Feira do Viño

Este era o cartel da VIII feira do Viño do Ribeiro, celebrada no ano 1971. Está firmado por Hipólito, que penso, e vós me correxiredes, que era un grande afeccionado á fotografía, que vivía na praza de San Xoán , e do que xa falamos aquí en máis dunha ocasión.
Proximamente tratarei de publicar o programa de man desta Feira, coidadosamente escaneado por un bó amigo, pero como sei que moitos de vós non tedes moito tempo, aproveito hoxe esta ocasión, para resaltar un pequeno artigo contido nel, que leva por título "El vino y el humor". Está firmado por Manuel Meruéndano Fermoso, e é unha pequena  homenaxe a todos aqueles entrañables personaxes  locais, que fai anos percorrían as tabernas da vila, e dos cales eu teño que recoñecer que non sei ren.
Este é o artigo:

La octava celebración de la Feria del Vino del Ribeiro, traerá a nuestra villa, al igual que en años anteriores, crecido número de gentes animosas do probar los ricos caldos obtenidos en las cubas blanca y tinta producidas en los millares de cepas que cubren la bella y feraz comarca ribeirana; Tan fragante y rico vinillo endulzará la existencia y excitará el buen humor de cuantos forasteros nos visiten y a los que, desgraciadamente nos encontremos en el ocaso de la vida, harános recordar a aquellos consumidores del clásico producto de estas fértiles tierras que en los tiempos de la niñez y de la juventud, con su notorio pintoresquismo, alegraron nuestra existencia. Recordaremos a los «Joaquín el Atolondrado» y el “Constante de Názara” inmortalizados por un fotógrafo local en una estampa, (de la cual tengo la suerte de poseer una copia), bajo el titulo de «Bebedores»; al popular “Berretiu” que, ahito de morapio, en una aciaga noche del año 1942, equivocó su ruta y tuvo lo desgracia de precipitarse por un terraplén hasta dar con sus huesos sobre la vía férrea en un aterrizaje mortal; El famoso “Serafín de Lentille” que en plena euforia alcohólica entonaba cuplés a la puerta del Juzgado Municipal; a los inseparables “Flores y Perillán” diarios consumidores de morapio en sus cotidianas visitas al inmediato pueblo de Francelos; a “Gerardo Mariño” que en pleno éxtasis borracheril se encaraba con su propia sombra recriminándola por que le seguía permanentemente y a “Braulio el Sacristán” y “Valentín El Simón” cuando en la demolida Sacristía del Templo de Sto. Domingo entonaban himnos en loor del vino del Ribeiro que abundantemente les escanciaba, en sendos vasos, el bueno de D José Portabales después que el pintoresco “Gelmirez” le traía de clásica taberna, una botella de tres cuartos de blanco a la vez que palmoteando de alegría decía a voz en grito: “Encheronmea D. Jusé”.


lunes, 5 de marzo de 2012

A fonte da Alameda

Seguen a dar moito xogo estas vellas postais de D. Emilio Canda, que ós poucos van aparecendo en Internet, e que co suxerente título de "Ribadavia que es el pueblo" nos aportan ,quizás, unha das visións máis antigas da vila, como é o caso desta pequena foto na que se nos amosa o concurrida que estaba a fonte da Alameda, á que Canda denomina "Alameda de Santo Domingo"
Posan para a instantanea homes, mulleres, e nenos que compartían as augas que baixaban da mina do Piñeiral. O que xa non sei é si as persoas utilizaban estas augas para o consumo propio, xa que lembro que nos anos sesenta e setenta, moitas veces se lle colacaba un letreiro de "Agua no potable", polo que todos os rapaces que utilizabamos a Alameda como campo de xogos, cando tiñamos sede, desfilabamos á fonte da Prata a mollar a gorxa. Por suposto que sempre había algúns destemidos que se pasaban o cartel por onde lles petaba, e por riba rianse de nós, dos temerosos e obedientes, con moita fachenda. Que conste en acta tamén que nunca souben de ninguén que enfermase por beber desta fonte.
Para o que si servía o seu pilón  era de abrevadeiro para as bestas, que debían ser bastante numerosas na vila por aqueles tempos, e senón fixádevos en que detrás, baixo as árbores, vese estacionado un carro do país.


viernes, 2 de marzo de 2012

A vella Ponte de Ferro

Unha vez puxemos unha postal antiga desta ponte que me dixou bastante intrigado, xa que a altura da súa estructura me parecía un pouco escasa. Como durante moitos anos os rapaces fartámonos de cruzar o Avia por ela, coñecémola ben, e a min a cousa non me cadraba.Comenteino daquela nesa entrada, pero non lle din  moita importancia, quizás  polo medo a meter a pata, e tamén debido a que moitas veces estas postais  que aparecen pola Rede poden estar mal escaneadas e polo tanto conter pequenas distorsións.
Pero eu, e volo digo en serio,  levaba un tempo coa mosca detrás da orella, teimando en si a ponte que nos coñecemos, é a mesma que a que se construiu orixinalmente.
Coas presas nin consultei outras fotos, nin fixen comparacións, ata que ó ver esta foto co tren botando fume, caín da burra. ¡Parvo de min!
Esta postal de Canda que atopei en Internet penso que non deixa lugar a ningunha dúbida, e que queda, polo tanto, ben patente e demostrado que a ponte de ferro orixinal tiña unha estampa distinta a actual.
Aínda que  aparentemente se parezan moito, a antiga era máis baixa e estaba aberta pola cima. Se vos fixades ben veredes que a estructura non cubre á locomotora de vapor que a está a pasar por ela, senón que lle da pola metade.
Agora só queda por saber cando se fixo a obra de ampliación, xa que ó estar feita de vigas de ferro remachadas, penso que se conservou a configuración orixinal aumentandoa e pechandoa  por arriba.



miércoles, 29 de febrero de 2012

As Festas do 50

Si o outro día publicamos o programa de man das Festas do Portal do ano 1948, hoxe facemos o propio co programa do ano 1950, que procede, igual co outro, do arquivo persoal de D. Manuel Meruéndano.
Non ten a mesma calidade gráfica que tiña o outro, xa que non incorpora fotografías, e só está feito a unha tinta, pero o importante é a información que nos da. 
Fala por exemplo do descubremento dunha placa na Praza de Abastos en honor de D. Jesús Pousa, das tiradas de  pichón, e do  concurso anual de gando con cuantiosos premios.
Pero o mellor é que o leades vós.
Fiestas del Portal de Ribadavia 1950

lunes, 27 de febrero de 2012

A misa por Hitler e Mussolini

Esta é unha desas "perliñas" curiosas que hoxe en día nos chaman notablemente a atención, e que debemos de agradecer a Manuel Meruéndano por querela compartir connosco.
Como todos sabemos Adolf Hitler quitouse a vida no seu bunker de Berlín o día 30 de Abril do ano 1945, quizás para non ter que pasar polo mesmo trance polo que pasou o corpo de Benito Mussolini, que foi pendurado para escarnio público nunha gasolineira de Milán durante varios días, despois de que o axusticiasen o 28 de Abril do 1945 perto do lago di Como.
Tan só unha semana máis tarde, as forzas vivas de Ribadavia organizaron un funeral "in memoriam" destes dous estadistas, repartindo esta estampiña que hoxe publicamos, e que con faltas de ortografía incluidas, como por exemplo "Mussoline", convocan á veciñanza a asistir ó funeral. 
Penso que temos que ser obxectivos, e aínda que isto hoxe en día a moitos lles corroa a figadeira, debemos de  pensar nas circunstancias que se vivían en España naquel momento.
Ó fin e á postre, sempre se nos ensinou na escola que: "Todos somos hijos de Dios".







viernes, 24 de febrero de 2012

O Papuxa

De todos é ben coñecida esta taberna ribadaviense fundada por D. José Lorenzo, máis coñecido polo seu alcume de "O Papuxa". Xa falamos del noutras ocasións, como por exemplo, cando puxeramos unha foto da súa voda sacada na Porta Nova, e onde podedes ler unha fermosa anécdota del escrita por Carlos Casares.
Si mirades en Internet, atoparedes numerosas páxinas falando deste emblemático local, con multitude de fotos e videos, onde os internautas falan das súas excelencias, do seu tipismo, e incluso da forma que alí teñen de atender ós parroquianos.
Pero o que nunca fun capaz de atopar na rede foi unha foto de José, do seu fundador,  falecido xa hai anos.
Grazas a Álavaro García, e ás súas habelencias fotográficas, hoxe podemos poñerlle cara ó Papuxa con este maravilloso retrato feito hai algúns anos na súa taberna.
Como vedes era moi ben plantado, e abofé que me creo ben o que del conta Casares. Estoume a imaxinar a  cara que se lle debeu quedar ó que o entrevistaba, cando o Papuxa con esa voz profunda e potente que tiña lle espetou por sorpresa: ¡ Jamás!
Moitas risas debeu de botar despois co choi da cunca.





viernes, 17 de febrero de 2012

Chega o Entroido

Coma tódolos anos por estas datas a xente xa ten as unllas afiladas, está á espera de que principie o Carnaval para botarse á rúa. Os rapaces, e os que non o son tanto, levan tempo preparando os seus disfraces e caretas, e a falta de poucos días para o seu comenzo, veñen as presas e os retoques para deixar todo a punto.
Coma este ano non teño fotos antigas dos nosos veciños disfrazados, o  único que atopei que tivese relación con esta tradición tan arraigada dende sempre na nosa vila, foi esta pequena folla, que se repartiu a xeito de folleto, para que todos os espectadores do "Enterro da Sardiña" daquel ano, poidesen participar cos seus cánticos e así acompañala no seu derradeiro trance.
O documento era propiedade do meu pai, que coma era moi coidadoso para estas cousas, tivo a delicadeza de poñerlle a data, grazas o cal, agora podemos saber que era do ano 1972.
Está editado pola "Axuntanza do Barrio Xudeo", e polo que parece, debeuse de facer a multicopista, dunha maneira moi artesanal, en comparanza cos medios que temos agora.
En fin... Disfrutade a fondo destas festas. Gardade a vergonza os que a teñades e...! Botádevos á rúa!








miércoles, 15 de febrero de 2012

A XII Feira do viño

Este é o cartel anunciador da decimosegunda Feira do Viño do Ribeiro, celebrada no ano 1975. E para servos sinceiros, terei que dicir que isto que vedes non é en si o cartel, senón un adhesivo de mediano tamaño que eu, naqueles tempos do instituto, aproveitei para forrar un libro. Esa é a causa, de que pareza  un pouco roñoso, a pesares dos esforzos que fixen para limpalo, incluso dixitalmente.
O libro coma podedes imaxinar debeu de levar moita tralla, e estaba bastante escangallado, polo que ni o escaneei, saqueille unha foto e vía. Era o das Matemáticas de 5º Curso do Bacharelato. O da trigonometría  e os logarítmos, sen calculadora, por suposto, polo que podedes imaxinar como estaba.
Pero a lo menos serve para engrosar, ós poucos eso si, a pequena lista de carteis das nosas festas. 


viernes, 10 de febrero de 2012

Unha receita contundente

Non quería deixar pasar moito tempo dende a  entrada do outro día sobre o viño "Río Miño", e D. Miguel Ballesteros Casal, e a pesares de ser pesado, e aburrirvos  con tanto documento penso que é de recibo. 
Como ben nos indicou Floravia no seu  comentario, nun artigo da "Voz de Galicia" do día 12 de Xaneiro do 2011, Luís Gulín di que D. Miguel era o propietario da recoñecida marca "Rio Miño" , amais de ter unha representación na vila do "Banco de Ahorro y Construcción" na rúa Progreso nº 16.
Buscando polas hemerotecas atopei tres recortes que teñen relación con este tema, e para  a vosa comodidade os xuntei nunha mesma imaxe.
Por unha banda veredes un anuncio da empresa de D. Miguel Ballesteros, que apareceu publicada no "Pueblo Gallego" do  7 de Setembro do ano 1927 con motivo dun especial sobre as festas do Portal. 
E pola outra dous artigos extraidos de "Galicia, diario de Vigo". Un deles, é unha pequena reseña aparecida o 6 de Xuño do ano 1923, no que se conta como o rei de España D. Alfonso XIII alabou as virtudes deste viño na Feira de Mostras de Madrid. E a outra,  publicada  no mesmo diario vigués o 17 de Maio do mesmo ano, é quizás, unha forma de publicidade encuberta agochada nuha receita gastronómica, por certo dun plato ben contundente.
Eu non  son ningún experto en cuestións gastronómicas, pero transcribo  o artigo por se algún de vós se anima a preparar este plato, e nos comenta algo.
Deixovos que xa me esta entrando fame!


“Arte culinario
Por XARRICH
Expresamente para D. José Uzal.

Salmón al vino "Río- Miño"
Se escoge un buen salmón, muy fresco. Se puede sustituir el salmón por una gran lubina.
Ya limpio se le extrae la es­pina por la parte inferior, procurando no estropear la cabeza ni la cola. Una vez extraída la es­pina se sazona con sal, pimienta y jugo de limón. Se pone dentro de una tartera con dos litros de vino blanco "Rio-Miño", deján­dolo en esta maceración unas cuatro horas en sitio fresco, con el fin de que el pescado absorba el buqué u aroma que emana el vino.

De  otra  parte   se   extraen   la piel y las espinas  dedos lenguados machacando  la carne o bien pasándola por la máquina. A falta de esta, machacase a cuchillo, picándola    bien    y   sazonándola con sal, pimienta y nuez moscada,  dos  vasos de vino tostado “Río Miño”, tres yemas de huevo, una copita de nata fresca o mantequilla derretida, una langosta cocida  de antemano y cortada a daditos pequeños. Esta pasta se coloca  en  el   interior  del  salmón, donde se extrae la espina y se le da  la  estructura   primitiva,  envolviéndolo en un papel de barba untado  de   mantequilla.   Con  todas   las   precauciones se   coloca  dentro  de   una   placa pescadera. con su rejilla, agregándole  el   vino de  maceración, dos cebollas  corladas, dos   dientes  de ajos, una hoja de laurel, otras de perejil, un bote de salsa de tomate y la sal correspondiente. Se pone luego en el horno  a fuego moderado  por espacio de una hora.
Al transcurrir dicho tiempo, se saca el pescado con la rejilla, y se deja en sitio caliente, pasando el jugo por el tamiz, y se trasladada dentro de una cacerola que se pone a reducir al fuego fuerte  hasta que se vuelva un poco espeso. Después se le extrae toda la grasa  y torna a pasar por el tamiz, añadiéndole dos botellas de vino “Río-Miño” tinto.

Se pone de nuevo a reducir al fuego un cuarto de hora, y luego se le agregan una lata de Caviar, unas gotas de esencia de an­choas, un poco do salsa inglesa (Perrins), un poco de mante­quilla, tres yemas de huevo, jugo de limón y unas gotas de vinagre perfumado.
Trabase bien esta salsa, de­jándola al baño maría, ponién­dola por encima unas gotas de vino tostado a ser posible "Río Miño".

Manera de montar el plato
Téngase preparado arroz cocido en blanco, bien sazonado,  y póngase al fondo de una fuen­te, dándolo la misma forma que el salmón, pues éste, después de quitarle el papel de barba, se coloca cuidadosamente encima del arroz.
Ya colocado, se rocía con la salsa del baño maría, guarnecien­do los bordes de la fuente con huevos duros, patatas nuevas, trozos de langosta y filetes de anchoas alternadas y a gusto del ejecutante.”



miércoles, 8 de febrero de 2012

As festas do 48 en "La Región"

A propósito do programa de man das festas do Portal dese ano, hoxe poñemos as dúas páxinas que lle adicou o xornal ourensán "La Región". Espero que os que teñades moita curiosidade poidades lelas, xa que ás veces isto de subir documentos é un pouco complicado. Probei a incrustalas de varios xeitos e en varios servidores, e non  fun quen visionalas correctamente, polo que ó final optei por poñervos un enlace a Google Docs. De tódolos xeito, para os que coma min, xa temos que usar lentes, o mellor será que lle deamos varias veces ó símbolo da lupa que leva o máis , para poder amplialas ben.
A primeira é do día 8 de setembro do 1948, e entre os moitos anuncios de empresas ribadavienses, como é o caso de "El gran derroche" do que xa falamos aquí, podemos ler un "Romance de nostalgia y amor" firmado por Pilar Millán Astray; "Mi barrio" escrito por Jesús Sánchez; "Figuras Ribadavienses: D. Jesús Sánchez García" firmado por Viñas Calvo e "Valores Ribadavienses: D. Eduardo" rubricado por J.G.F.M,e adicado a D. Eduardo García Penedo a quen honran cunha rúa nestas festas.
Da seguinte páxina, publicada o día 9, destaco un artigode Jesús Sánchez sobre a visita da Pardo Bazán a Ribadavia, e outro  titulado "Geniales hijos de Ribadavia", onde se fala entre outros de Alfonso Graña, máis coñecido como Alfonso I da Amazonia. 
Para darlle un pouco de cor a esta entrada  acompañámola do cartel da película "La cigarra" de Imperio Argentina, que se estrenou no cine España da vila nestas festas.  


lunes, 6 de febrero de 2012

Un pequeno misterio

Non sei se vos fixastes, pero unha das fotos que hai na contraportada do folleto das festas do ano 1948 que publicamos o venres é moi interesante. O interés ven dado pola dificultade que para min ten distinguir con claridade a parte da vila que está representada na imaxe.
Tomeime a liberdade  de ampliala ó máximo, tratando de evitar o punteado da impresión, para ter así,  unha mellor uniformidade da foto. Aínda que non conseguín grandes resultados, penso que axudará a que a identifiquedes.
Sei que moitos ollos ven máis que dous, pero polo de pronto eu vos dou a miña impresión, e vós xa me iredes dicindo.
De entrada , me dá que poidera ser a antiga represa que había nos "Caneiros", na "Alaxanacha", que aparece totalmende despoboada de árbores. Se fose así, a foto estaría sacada dende "A Foz", e o que se ve ó fondo, onde se albisca unha casa, sería a parte de abaixo do camiño que descende á Barca.O que pasa é que quizás tería que haber máis desnivel, e como non estou seguro, penso que outra posibilidade sería situala na desembocadura do Avia co Miño.
De todas formas, como sigo dubidando e estou bastante descolocado, esperarei ás vosas opinións. 

viernes, 3 de febrero de 2012

As festas do 48

Hai que darlle as grazas a Manuel Meruéndano por querer compartir con nós algúns dos  excepcionais  documentos que o seu pai gardaba coma verdadeiros tesouros no seu despacho, e que nos van a axudar a coñecer un pouco mellor eses anos dos que tanto e tanto lles escoitamos falar ós nosos pais e avós.
Eles sempre recordaban con nostalxia as festas que viviran de mozos. Falaban dos espectáculos de  foguetes, das bandas de música, das verbenas, e de todas aquelas cousas que hoxe, quizás pola cantidade de cousas que temos á man, non nos chaman tanto a atención.
Este documento é o programa das festas do Portal do ano 1948, que como poderedes comprobar esta feito en moi boa calidade, xa que inclue ata fotos e ilustracións.
A disfrutalo!

Fiestas del Portal 1948

miércoles, 1 de febrero de 2012

Ribero Fino

Isto é o que me atopei de casualidade o outro día dando unha volta pola rede, concretamente na páxina web gastronómica "Colineta.com" que fai o xornalista Miguel Vila Pernas.
Según  conta alí, esta postal tan curiosa lla enviou o seu irmán, que é un entusiasta da filatelia. A postal en cuestión esta remitida dende Ribadavia en Abril do ano 1925 a unha empresa de Sevilla solicitándolles termómetros e outros aparellos de medida relacionados coa enoloxía, tal coma podedes ler na súa páxina.
A tarxeta supoño que editada por José Uzal García de Vigo, que ten en exclusiva a representación deste viño, o anuncia como  "el rey de los vinos gallegos". Pero como podedes ver, leva un selo de Ribadavia, onde pódese ler claramente o nome de Miguel Ballesteros Casal.
Recoñezo que non sei nada desta marca, que anuncia brancos, tintos e tostados; nin se chegou  a embotellar algunha vez viño na nosa comarca. Pero o que máis me doe, é que  tampouco sei quen era o remitente,  Miguel Ballesteros, e si tiña na vila algún negocio relacionado co mundo do viño. 
Dalgún Ballesteros xa falamos aquí outras veces, e ó mellor algún de vós ten algunha información que nos poidera ilustrar neste tema.
O que si teño que destacar é o luxo e o coidado con que está  deseñada esta tarxeta,  rara quizás para a publicidade que se facía naquela época.
Non podo rematar esta entrada sen darlle as grazas a Miguel Vila por a súa amabilidade.



lunes, 30 de enero de 2012

As prácticas do sulfato

Xa vos falara fai tempo de que atopàra no xornal ABC do  22 de Xullo do ano 1933 unha foto feita por Foto Chao a páxina completa, concretamente nunha sección chamada "Páginas Agrícolas". Acompañada dun moi breve texto:
"Cursillo intensivo en Ribadavia. En la capital del Ribeiro, y con asistencia de muchísimos vitivinicultores, se ha desarrollado un curso práctico semanal, organizado a cargo del personal técnico del la Estación Ampelográfica Central, con la colaboración del profesor de la Escuela de Ingenieros Agrónomos Sr. Marcilla. Trabajos de laboratorio, prácticas de campo y de bodega, y conferencias han tenido un carácter de aplicación a los problemas vivtivinícolas de la zona.(Foto Chao)."
Daquela eu non tiña a foto, e por esas cousas do "copyright" non me quedou outro remedio que poñer un enlace á hemeroteca de dito xornal.  Hoxe poñemos unha copia que aínda que ten moi pouca calidade, serve polo menos para deixar constancia dela.
Como sabedes, moitas das fotos colectivas que fixo Chao, están repartidas entre moitos veciños, tanto da vila, como da bisbarra do Ribeiro que se foron quedando con copias. Eu non son quen de recoñecer a ninguén, pero o que si podo aventurar é que a igrexa que se ve ó fondo debe de ser San Domingos, polo que esa finca na que están a traballar, debería de estar máis ou menos enfronte do vello cuartel da Garda Civil, onde mestan hoxe "Os chalets"
Teño tamén que recoñecer, e esquencime na entrada que fixen sobre esto, que a pesares de ser dunha terra de viño, que non sabía o que significaba a palabra "Ampelografía", que resulta ser a ciencia que estudia, clasifica e describe as vides (vitis vinífera), as súas variedades e os seus froitos. A palabra ven do grego "ampelos" que significa vide e de "grafos", clasificación.
Nunca te deitarás sen saber algo novo. 


viernes, 27 de enero de 2012

Outra vista da vila

Moi lentamente van aparecendo novas postais en internet, coma esta que poñemos hoxe, que creo que non debe de ser moi vella, aínda que sexa  en branco e negro. Digo isto por que se vos fixades detidamente, vemos claramente os tellados da praza de Abastos, coa súa forma tan peculiar, rodeada dalgunha edificación máis alta, como é o caso do edificio do Banco Pastor, polo lado da dereita, coa súa fachada achaflanada tan característica, e as moles dos edificios do cine Río e do Sanatorio, que destacan  pola banda da esquerda.
Se temos en conta que estas construccións se levaron a cabo moi a finais da década dos cincuenta, podemos aproximar a data da postal con bastante exactitude.
Outro picar de faneca ben distinto, é averiguar dende onde está feita, xa que o punto de vista paréceme que é moi alto. Poidera ser dende o campanario de S. Francisco?